Lectoras de Luzes, saúdos de novo dende a capital do surrealismo, onde os mexillóns son regados con viño branco sobre pranchas de metal de tan pequenos e insípidos, onde só as casas art nouveau se reflicten nas lagoas durante negras noites de ceos azuis. Benvidas a N’est pas l’Europe!
Tres anos despois retomamos esta columna argallada dende Bruxelas, con forza recuperada e logo dunha longa noite de introspección xornalística. Unha trabe na que se soster cando o ouro e os focos frearon a liberdade creativa. Será esta primeira columna da versión 2.0 unha catarse persoal, pero a actualidade manda e cómpre disparar sen misericordia contra a política europea, aloumiñar a cultura belga e deixarse abanar no ronsel do transatlántico institucional.
Comezamos debullando a liorta vivida na Eurocámara a conta da formación do Colexio de Comisarios escollido por Von der Leyen, con Teresa Ribera como protagonista. Neste xogo de tronos que se está a disputar, imos contar verdades, con nomes e responsables. Porque non o foron Mazón e a DINA, simples sombras do mundo sensible.
A Teresa Ribera o Partido Popular europeo, non só a delegación española, tíñalla gardada hai tempo, como mínimo un par de anos. Entón, a ministra de Transición Ecolóxica deixara espido a Moreno Bonilla e á Junta de Andalucía cando tentaron regularizar centos de hectáreas de cultivos ilegais en Doñana. Na Comisión paráronlles os pés, en gran parte polas explicacións, datos e informes do equipo de Ribera.
Tamén foi ela a responsable de Enerxía desprezada por parte da clase política española cando procuraba en Bruxelas aquilo que semellaba imposible: a excepcionalidade ibérica, un mecanismo específico de control dos prezos do gas para a Península mentres a enerxía rachaba os límites do ceo. Ía ser ilegal e anticompetitivo dentro do mercado único, dicían. O resto dos socios comunitarios non permitirían esa desvantaxe par. Pero Ribera sacouno adiante, e non só iso. Reunión a reunión, Consello a Consello, as imaxes internas que se vían eran da española rodeada polos seus colegas ministros, explicándolles as fraquezas e imperfeccións do sistema enerxético europeo e a indispensable reforma que a comisaria estoniana nin albiscaba nin comprendía.
Ribera foi unha ecoloxista de esquerdas vitoriosa en Bruxelas. Foi quen se enfrontou á maior maquinaria política existente no Parlamento Europeo (a do PP europeo) a conta da Lei de Restauración da Natureza, que obriga nos vindeiros anos a recuperar altas porcentaxes dos nosos ecosistemas. Lonxe, moi lonxe, do compás ideolóxico de Ursula von der Leyen, filla da democracia cristiá da República Federal de Bonn, herdeira de Helmut Kohl e Angela Merkel. A perfección técnica e o extenso coñecemento da española sobre o mercado enerxético e a necesaria sostibilidade na industria e no transporte conquistaron a alemá, que decidiu nomeala como a súa primeira vicepresidenta e número dous na Comisión.
Ribera tamén é a ministra do presidente do Goberno que no atril de Estrasburgo exemplificou a hipocrisía do xefe desa maquinaria política, Manfred Weber, ao preguntarlle se pactaría con nostálxicos nazis en Baviera igual que facían os seus colegas populares españois con Vox. Weber non perdoa. Aínda non esqueceu a súa derrota no 2019 cando, logo de gañar as eleccións europeas, foi rexeitado polos xefes de Estado e Goberno que escolleron a Ursula von der Leyen como presidenta da Comisión. Weber segue a ser inimigo de Von der Leyen, malia vir os dous da CDU alemá. Derrotas que non se perdoan.
Cando hai uns días a vicepresidenta nomeada para a Transición Limpa, Xusta e Competitiva se presentou na audiencia da Eurocámara, levaba nas súas costas todas as sufridas por Weber, polo PP europeo e o español durante o último lustro en Bruxelas. Era o momento de pasarlle factura. Un dos principais colaboradores de Alberto Núñez Feijóo, o seu director de comunicación, viaxou até a capital comunitaria xunto aos seus eurodeputados para aliñar a estratexia coa dirección de Weber. As inundacións de Valencia serían a escusa coa que matar varios paxaros dun tiro: agochábase a responsabilidade de Mazón durante as horas críticas da traxedia e atacábase a Ribera como unha política incompetente diante de toda a UE, ao tempo que se bloqueaba o novo colexio de comisarios.
No mundo do coñecemento, máis aló dos sentidos exteriorizados en berros de mentiras e aplausos de apoio dos eurodeputados, a maquinaria parlamentaria popular levou a lexislatura comunitaria ao terreo desexado dende as eleccións de xuño. Facilitouno Von der Leyen ao ofrecerlle unha vicepresidencia ao candidato da italiana Giorgia Meloni. Os socialdemócratas europeos levaban semanas ameazando con vetar ese posto e o do cargo pouco axeitado para o comisario do húngaro Viktor Orbán.
E aquí si foron a DINA e Mazón. Os conservadores apoiáronse sen vergoña nas bancadas ultras para bloquear a Ribera. Se Sánchez, os socialdemócratas, os liberais e os Verdes queren dentro a española, terán que tragar co Colexio de Comisarios máis á dereita na historia da UE.