Adversativas

«Eu non son machista, pero… esa tipa é unha puta porque non fai co seu corpo o que eu quero» di a letra dun hit de hai xa uns anos do grupo Poetarras: «Eu (non) son, pero…». Son moi fan. Téñoa na lista de reprodución que escoito decote. Poderíase usar como exemplo nunha aula de gramática para entender o uso (lingüístico e social) das adversativas: pero, mais, así e todo, con todo, non obstante, no entanto, porén, agora ben, ora ben, agora que, ora que, senón… Di a gramática que as adversativas son conxuncións que unen dous conceptos contrarios, incompatibles, contraditorios. Denotan esa incompatibilidade: demóstrana, indícana, fánnola coñecer. E pódena crear. Son adversativas porque converten en adversarios aos dous conceptos que relacionan.

Benjen Stark nunha conversa memorable con Tyrion Lannister no Castel Black na primeira temporada de Game of Thrones, retrucáballe que todo que se diga antes da palabra «pero» na realidade non conta para nada. Porque ademais de ser contrarios, os conceptos que unimos con estes nexos, teñen distinta relevancia ou veracidade e adoitan ser conflitivos. Por iso, o lugar en que situamos cada un deles importa. No texto dos Poetarras encárnase a sentenza de Benjen, as autoetiquetas que colocan antes dos pero son rebatidas e denunciadas implicitamente como mentira polas descricións que se fan após: se pensas que unha muller debe facer co seu corpo o que ti queres, resulta que es machista. Trátase de dúas afirmacións que non poden ser certas ao tempo. É o pero o que as fai incompatibles. Se cadra para quen pensamos que a actitude que describen é machista, a función adversativa da conxunción resulta banal. Non tal para quen normaliza esas actitudes e non as considera rexeitables. A ese público vaille chocar a canción: pode que nas aulas de filosofía e de ética da rapazada tamén tiver un espazo tal debate.

A dimensión performativa destas partículas vese mellor se as intercambiamos con outras. Por exemplo ao dicir que condenamos enerxicamente a invasión xenocida de Israel en Gaza e condenamos enerxicamente o ataque terrorista de Hammas, non mostramos contradición entre as dúas condenas, nin xerarquía. Podémolas intercambiar de lugar sen que varíe o seu significado. En cambio, se dicimos que condenamos enerxicamente a invasión xenocida de Israel en Gaza, pero condenamos enerxicamente o ataque terrorista de Hammas, a cousa cambia. Non só porque confrontamos as dúas condenas, tamén porque a orde en que as colocamos, antes ou despois do pero, resta importancia ou credibilidade a primeira. As tres posibilidades teñen detrás posición ideolóxicas ou crenzas diferentes que son as que fan os dous conceptos compatibles ou contrarios.

O semiólogo arxentino Eliseo Verón, diferencia o discurso político de outros como o científico ou o publicitario, polo uso intensivo que fai o primeiro do que denomina «palabra adversativa». O  discurso político precisa «a construción simultánea dun destinatario positivo e un destinatario negativo» e relacionarse con ambos. A ligazón co positivo está nunha crenza compartida; co negativo (o contradestinatario), nunha contradición e condena desa crenza, que entraña falsidade ou maldade.

Disturbios perante a sede do PSOE en Madrid. LaSexta

Estes días previos e posteriores ao debate de investidura de Pedro Sánchez, sucederon ataques violentos as sedes do PSOE por toda España, nomeadamente na da rúa Ferraz en Madrid. Cando se lle pide ao PP que condene esta violencia, tanto o seu coordinador xeral, Elías Bendodo como o propio presidente do partido, Alberto Núñez Feijóo usan estas «palabras adversativas» de xeito algo diferente entre eles.

O coordinador xeral do PP condena ao inicio todo tipo de violencia non obstante «o responsable é Sánchez por traspasar liñas vermellas». Logo aclara que o presidente non é responsable dos ataques pero é responsable de enfadar á cidadanía. Esta declaración de Bendodo seica pretendía afinar, facer máis contundente, unha condena anterior de Feijóo en redes sociais: «O malestar social é responsabilidade de @sanchezcastejon, pero as protestas deben partir do respecto e a exemplaridade de faltou sempre ao @PSOE e os seus socios». O xornal El Mundo titulaba «Feijóo condena os disturbios en Ferraz pero apunta tamén a Sánchez: A violencia non ten cabida en democracia e a súa impunidade tampouco».

Os conceptos que usan ambos populares e máis o xornal citado son similares: condena da violencia e responsabilidade de Sánchez. Pregúntome eu, seguindo a Verón, polos destinatarios e contradestinatarios destas tres mensaxes. Diría que non son os mesmos na de Feijóo que nas outras dúas. Se facemos caso do amigo Benjen, para o novo líder da oposición no Congreso o relevante é a condena da violencia, e para El Mundo e Bendodo botarlle a culpa ao presidente do Goberno. De ser así, estase a redirixir a mensaxe orixinal do (seu) líder cara outro significado. Non sería a primeira vez.

Congreso TV

Penso agora, chamádeme fantasiosa, que a frase críptica no estreitar a man do final do pleno, se cadra tiña máis sentido do que pensamos. Un berro de auxilio. Non quero depender de Abascal nin de Ayuso! Estou secuestrado por estes fachas! Salvádeme, por favor!

 

 

 

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail