Betanzos, un país para entender un país

A Coruña.- GAD3, CIS, Sigma2, Sondaxe. Tezanos, Michavila. Nomes e apelidos que, xunto cos marcos, os slogans e as estratexias que as forzas políticas foron trazando ao longo de esta —polo de agora— última carreira ata a Moncloa, tornaron en protagonistas de pleno dereito da campaña electoral do 23X. Sabido é que as enquisas xogan un rol electoral á hora de laminar as intencións de voto, esporear (ou desincentivar) a participación ou «cociñar» as perspectivas das propias formacións. Porén, desta volta, a presunta utilización perversa da estatística quedou en evidencia coas desculpas que moitas consultoras especializadas en estudos de mercado e demoscopia tiveron que concederlle a José Félix Tezanos, presidente do ente público e impulsor do estudo que máis se achegou aos resultados finais; unha precisión que, no seu momento, fora tildada de interesada por algunhas das voces que, na mesma noite electoral, comprobaron erradas as previsións que construíran sobre sondeos de carácter privado.

«Absolutamente todas as eleccións que tiveron lugar en España dende o ano 77 ata agora, teñen un índice de correlación entre o resultado final e o votado en Betanzos moi, moi alto» (Carmen Cotelo)

Terrazas nos soportais da Praza Irmáns García Naveira. Foto Pixabay

Ben máis doado e económico tería sido, para todos os actores encargados de medir o comportamento electoral do taboleiro, centrar a mostra nun único territorio. Unha vila de preto de 13.000 veciños que agocha a particularidade de servir como espello, dende as primeiras eleccións democráticas de 1977, dos resultados dos comicios xerais. Dende 1997 é tamén o espello de Galicia, e acerta igualmente nos comicios autonómicos. O municipio de Betanzos, corazón da comarca das Mariñas coruñesas, volveu facer gala do don da providencia nesta última visita ás urnas, na que o seu electorado demostrou que segue a ser o censo que máis se parece a Galicia: Betanzos deu un 44,8% dos sufraxios para o PP, que en Galicia obtivo o 43,54% dos votos. O PSOE recibiu en Betanzos o 29,09% dos apoios, e recolleu só un 0,75% máis en toda Galicia. O BNG logrou en Betanzos un 9,45% dos sufraxios, sendo o 9,49% a porcentaxe de votos que a fronte nacionalista recolleu nas catro circunscricións galegas. Por último, a coalición Sumar obtivo o 10,97% dos votos betanceiros, polo 10,95% dos votos galegos. A vila consolídase como a mostra perfecta da poboación galega. E, aínda co paso dos anos e as transformacións da poboación, segue acertando.

«Absolutamente todas as eleccións que tiveron lugar en España dende o ano 77 ata agora, teñen un índice de correlación entre o resultado final e o votado en Betanzos moi moi alto, por enriba do 0,90. Dende as eleccións do 1977 pasaron 46 anos, e xa se achega á unidade. O fenómeno segue repetíndose sen fallar. Se a semana anterior ás eleccións alguén fai unha enquisa collendo como mostra Betanzos, é posible que se achegase moito ao resultado final», debulla Carmen Cotelo, xornalista e investigadora galega que leva anos seguindo os pasos das tendencias electorais na vila para construír unha tese de doutoramento que está a piques de ver a luz e que acredita, con datos, o carácter máxico da vila. Antes, a investigadora xa ofrecera un entremés en forma no libro, Betanzos Magic Town, escrito a catro mans a canda Salvador Naya, e que xa no ano 2013 demostraba que a Cidade dos Cabaleiros tamén servía como espello dos resultados electorais a nivel autonómico. Betanzos, na literatura electoral, é máis ca unha cidade máxica, é unha cidade matematicamente perfecta.

Na tese que está a elaborar a xornalista galega sobre o «test de Betanzos» como medidor electoral, utiliza, entre outros instrumentos estatísticos, o Índice de Correlación de Pearson (ICP) e o de Erro Relativo (ER). Exclúe do método, porén, os comicios municipais, dada arbitrariedade que introducen elementos como o carácter personalista da política local. As orixes do fenómeno, ou, máis ben, da súa descuberta, hai que procuralas naquela democracia nacente de 1982, cando Alfonso Guerra fora quen de predicir a demoledora maioría absoluta do PSOE de Felipe González, traducida en 202 escanos, antes de que o goberno da UCD os fixera públicos. «Os socialistas implementaron a fórmula das ‘mesas testemuña’. Tiñan localizadas determinadas mesas en toda España que daban resultados moi próximos á realidade. Unha delas era Betanzos, que daba a proximidade máis alta», continúa Cotelo. A análise comparativa das eleccións de 1977, 1979 e 1982 permite constatar que o grao de correlación de Betanzos era máis elevado e o que máis se aproximaba ao conxunto do Estado.

Manuel Fraga foi o artífice do termo «test de Betanzos», en adiante unha ferramenta útil na política galega que o propio ex-presidente da Xunta adoitaba empregar para adiantar os resultados finais

Un método de anticipación que non pasou desapercibido para Manuel Fraga, artífice do termo «test de Betanzos», en adiante unha ferramenta útil na política galega que o propio ex-presidente da Xunta adoitaba empregar para adiantar os resultados finais. Froito do interese do fundador de Alianza Popular polo método, a súa utilidade desligouse pouco a pouco da esfera estatal para rematar adscrita ao contexto galego, no que, porén, non sempre operou coa mesma solvencia que a nivel español. Basta con analizar o comportamento electoral nas eleccións ao Parlamento Galego de 1981, nas que o votado en Betanzos non reflicte con tanta precisión o resultado final galego, como si faría, en adiante, nos comicios posteriores a 1997. «Non é que tivesen unha correlación especialmente baixa ata o momento, pero nunca se aproximara. A partir de 1997, comezou a calcar tamén o resultado das eleccións autonómicas cunha certeza pasmosa», continúa Carmen Cotelo.
Pero, que pasou aquel ano? Tralos comicios autonómicos de 1981 e 1983, Manuel Fraga presentará a súa candidatura á Xunta de Galicia en 1989. Curiosamente, aínda que Betanzos ata o momento nas xerais sempre premiara ao líder de AP cun plus de votos extra, non o fixo naquelas autonómicas que lle brindaron a súa primeira maioría absoluta. A convocatoria posterior, en 1993, traía outra particularidade: o candidato socialista que quixo disputarlle a presidencia a Fraga era un betanceiro, Antolín Sánchez Precedo, quen fora o alcalde máis novo da localidade. Un elemento que comprometeu a correlación. «A partir de 1997 xa comeza a subir e a calcar a Galicia como nada, pero ollo, sen deixar de calcar España», advirte a xornalista galega.

As enquisas, desta volta, que anticipaban unha vitoria avasaladora do bloque conservador, erraron o tiro, máis, como ben lembra a investigadora, tampouco é a primeira vez. «Cando vía estas enquisas durante a campaña, pensaba nas eleccións de 1993, cando se deu unha situación moi parecida: apareceran tres ou catro enquisas martelando con que ía arrasar o Partido Popular. Chegou o momento das eleccións e resulta que non foi así. Hai que pensar que os datos que se publican xogan dentro da campaña electoral. Aprendemos pouco dende aquela», reflexiona Cotelo.

A receita da cidade máxica

A pregunta que cómpre facerse é clara: Coas transformacións sociais experimentadas no preto de medio século que separa as primeiras eleccións democráticas dos últimos comicios, cal é a receita que xustifica a maxia betanceira?
Carmen Cotelo convida a analizar, en primeiro lugar, a composición da poboación da vila, moi próxima a de Galicia, como así a súa pirámide de poboación. Unha cidade nin rural nin urbana, con industria e con comercio, que comparte patróns coa media galega a nivel socioeconómico e sociodemográfico; mais non son estes os únicos elementos que xustifican tal grao de equivalencia. «Estou segura de que hai vilas que, tendo unha composición moi similar, non dan esa correlación tan alta», reflexiona Carmen Cotelo.

Os electorados, as sociedades ou as poboacións, en Betanzos, en Galicia e no mundo, son seres vivos e cambiantes, pero estas transformacións poden discorrer en paralelo, no caso de Betanzos, á evolución da sociedade española e galega. «Non son iguais os electorados de España e Galicia, son eleccións distintas e a xente vota de xeito distinto. O fenómeno está en que se manteña a evolución durante 46 anos. Pode chegar un momento no que crebe», advirte Cotelo.

O politólogo e xornalista betanceiro Paulo Carlos López propón, conxuntamente co elemento demográfico e socioeconómico, explorar outras variables que xogan o seu rol en facer de Betanzos esa vila espello que hoxe non falla nos comicios. «Betanzos segue a reproducir o comportamento político de Galicia porque segue padecendo os problemas de Galicia, as súas eivas e tamén as súas potencialidades», reflexiona o politólogo. «Perda de poboación co conseguinte declive demográfico, desmantelamento da industria, deterioro do pequeno e mediano comercio a prol do fortalecemento da hostalería vencellada ao turismo e abandono do medio rural; conxunturas que hoxe padece Betanzos e que son perfectamente extrapolables á realidade galega no seu conxunto. Betanzos vota como Galicia porque representa a radiografía de Galicia».

Jaime Pita, que foi portavoz do PP no Parlamento Galego na etapa de Manuel Fraga («eu era practicamente o seu monaguillo», ri) ten unha visión complementaria. «Betanzos é unha vila cosmopolita desde sempre. Era un cruce de camiños, un porto que ata os anos 50 era o meirande exportador de madeira de España, tiña unha clase ilustrada e un comercio puxante, e un mundo rural moi rico. Non é ningunha bóla máxica, é un sitio pequeno que ten un pouco de todo, non está especializado en nada», sinala Pita, membro dunha familia amplamente representativa desa pequena burguesía ilustrada».

«Betanzos é unha vila cosmopolita de sempre, un cruce de camiños que tiña comercio, actividade portuaria, clase ilustrada, mundo rural.  Un pouco de todo. Como o país en pequeno» (Jaime Pita)

Desde o outro lado do espectro ideolóxico, e dos trienios en residencia, Xavier Campos, director de coordinador de comunicación do BNG, que se define como «neobetanceiro» recoñece que nas noites electorais sempre ten un ollo posto nos resultados que van saíndo no seu lugar de adopción. «Non sei que a pode distinguir de vilas similares en poboación, en tradición medieval, en ter sido portos de mar con comercio activo, como Pontedeume ou Noia. O que é certo e curioso é que os resultados electorais non dependen da situacion de fortaleza ou debilidade das organizacións locais dos partidos», considera. «Sempre digo na organización se non sería útil intensificar as campañas en Betanzos», ironiza.

Portas na muralla de Betanzos, que dan paso ao desaproveitado casco vello. Foto José Luis Cernadas CC BY 2.0

Para Paulo Carlos López, a maiores dos datos demográficos e socioeconómicos, que teñen peso nas conclusións, pero non abondan para explicar o fenómeno na súa totalidade, están as chamadas variables perceptivas. «Quizá outra explicación é que a cidadanía de Betanzos consume medios que representan ao conxunto de Galicia. A cuestión afectiva ou emocional é outra das posibles explicacións. Non sempre votamos en torno a variables racionais: a cidadanía moitas veces vota en función das emocións que ten», sinala Paulo Carlos López. A proba disto está, precisamente, nos procesos electorais nos que Betanzos non é quen de facer valer a súa maxia: as eleccións municipais, condicionadas por otras circunstancias.

Una realidade constatada que suxire outra incógnita: por que, sabendo da representatividade da mostra, non son máis as enquisas e estudos sociais que se elaboran sobre a poboación da vila das Mariñas? Por que non aproveitar o escaparate que ofrece a cidade para entender o país? «Resulta curioso que os partidos políticos, máis alá de PP ou PSOE, non teñan especial interese polo comportamento político en Betanzos, que a ciencia social constata que é análogo ao de Galicia. Sorprende que non haxa máis investigación social alí. Quizais debera haber máis esforzo para obter unha radiografía social máis completa de Galicia. É unha fórmula económica para entender as preferencias da cidadanía», propón Paulo Carlos López. É sabido que, dende 1960, quen gaña no estado de Ohio resultará vencedor das eleccións presidenciais dos Estados Unidos. Ohio é considerado como un dos swing states que baila entre o azul e o vermello, no que a opción escollida sempre cae do lado do gañador final. Unha equivalencia que multiplica os titulares de prensa que presentan a Betanzos, cidade máxica, como o «Ohio galego».

Cos datos na man, cabe propoñer, no seu caso, darlle unha volta ao marco e comezar a falar de Ohio, a Betanzos norteamericana.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail