Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán
A silueta da miña nai ten un esbozo fascistoide. Hai moitos anos sentada nun cuarto insípido, disfrazado de habitación acolledora, nun apartamento do West Village neoiorquino, dicíalle á miña psiquiatra que, co tempo e a distancia, descubrira que a miña nai era a sombra do Generalísimo Franco. Cando lle soltaba xoias como esta a miña doutora xudía levaba a man á boca, alarmada, ou ría entre dentes. Os seus pais sobreviviran ao holocausto, pero a min sempre me lembrou a unha das monxas católicas, escolapias, que tratou de arruinarme a infancia.
Ese insólito parecido agudizábase sobre todo cando poñía cara de póker e tentaba controlar o espanto (como cando lle comuniquei que me mudaba a Berlín) ou a broma que lle provocaban algunhas das miñas rocambolescas historias familiares, a pesar de que nunca cheguei a dicirlle que mamá chorou máis o día que morreu Franco que cando faleceu papá. (Que levante a man quen se ocupa de contabilizar o peso das bágoas).
De calquera modo, aínda que durante aquela época en NY gozaba como un faquir vendo os acenos de malabarista que, por momentos, lle adornaban o rostro á meu psiquiatra para evitar esmendrellarse, a min nunca me fixo nin chisco de graza que á miña nai lle lavasen tanto o cerebro nas escolas falanxistas ata deixarllo amidonado como unha pataca virxe, pulcra, uniformada, relixiosa e fascista. Un dos moitos crimes da ditadura franquista, ademais do terror, o sometemento das mulleres e os asasinatos que se cometeron impunemente é que non destruíu só a unha xeración senón a dúas, polo menos.
Moitas boas xentes, como a miña nai, que tiveron a desgraza de nacer baixo o réxime foron obrigadas a mamar da estupidez, o fanatismo relixioso, o sexismo, o antisemitismo, a xenofobia, a homofobia, o odio rampante ao diferente e a ignorancia atroz que, durante 40 anos divulgaron o anano ferrolán e os seus secuaces. A algúns escorregoulles esta instrución fundamentalista e pasaron os ensinos falanxistas polo forro. Con todo, outros con espírito de esponxas disciplinadas, quizais por querer ser aplicados e non defraudar aos seus maiores, empeñáronse en absorber todas as sandeces que lles transmitiu o réxime. Pero que lles vou contar.
O peor de adoutrinar ata converter os nenos en verdadeiros adultos imbéciles é que cando o lavado e centrifugado cerebral teñen éxito, as propias vítimas, agora reconvertidas en superhumanos impolutos, insistirán en transmitir os seus «coñecementos» aos seus fillos. Odio tanto a Franco non só porque era un psicópata e un lercho nacional, senón por tentar arruinar a miña vida usando a educación que recibín nas escolas Pías e a que case obtiven a través da miña nai, nada menos. A miña infancia foi un partido de tenis ideolóxico contra un inimigo que me daba culleradas de doutrina franquista para almorzar. A miña nai veña a lanzarme pelotas infectadas de machismo e sexismo, e eu veña a devolverllas coa intuición dun sentido común que nalgúns nenos resulta innato. Así pasamos anos debatendo a raquetazos, portadas e coleccionando selos de Franco, ata que crecín e farteime de facer de frontón.
Co tempo deime conta de que a gran perversidade do franquismo era a idea faraónica de querer transmitir esa ignorancia do réxime, de xeración en xeración, como a receita das filloas da avoa, polos séculos dos séculos, coma se fose un Borbón. Obviamente, en moitos casos os rapazolos conseguiron romper ese elo de inxustizas e sinsentidos. Noutros, como na familia de Adolfo Suárez, dos Grandes cazurros de España, realezas, privilexiados e etcétera, os vástagos saíron máis papistas que o papa. Mentres que moitas mulleres humildes, como a miña nai, evolucionaron paso a paso, amodo, pero sen dúbida máis intelixentemente que esas alimañas de VOX, por exemplo que, con todos os medios para informarse e educarse que teñen ao seu alcance, aínda insisten en continuar celebrando a doutrina e as sinistras «fazañas» daquel lunático. E iso si que é para facelo mirar.
Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán