Non deixa de ser curioso que este xoves a Educación fose a protagonista no Parlamento galego, onde manda o PP de Feijóo, ao mesmo tempo que se debatía no Congreso a Lei Celaá. Di a Academia, a española, que Celaá debe acentuarse por ser unha palabra aguda rematada en vogal, pero que Feijóo non debería levar acento, por moito que el llo poña (e eu tamén). «É que alguén pode caprichosamente decidir que o seu apelido é ‘Fernandez’ ou ‘Garcia’?», preguntábase hai un par de anos en El País o lexicógrafo Pedro Álvarez de Miranda. Caprichosamente? Ben se ve que non coñece o presidente da Xunta…
Todo isto acontecía no Día Mundial da Filosofía, unha das materias peor tratadas pola anterior lei, e no aniversario das primeiras eleccións xerais en que puideron participar as mulleres, antes de deixar de facelo –como todos– durante corenta anos. Curiosamente, na cámara baixa, os mesmos que dicían que si, que con Franco se podía votar, foron os que encabezaron os berros de «Liberdade!» contra a norma do Goberno; uns berros aos que axiña se sumaron PP e Cs como se aquilo fose outra vez a Praza de Colón e non a Carreira de San Xerónimo.
Entre as cousas que tanto os cabrean –ademais, imaxino, de que volva a Filosofía, que xa avisou Josele Santiago que pensando no se llega a ná– está iso de que xa non se ampare a educación concertada como unha «demanda social». Quizais porque non o é. Se o que toda esta banda de clasistas quere é liberdade para adoutrinar –como amosaron os centros onde leron ao alumnado un manifesto contra desta lei– que o fagan, pero non cos nosos cartos.
O da «demanda social», como o de marxinar a Filosofía, foron creacións da LOMCE, unha lei que non gustaba a ninguén. Ata UPyD (Q.E.P.D.) se opuxo a ela mentres Cs dixo que trouxera «o caos» á Educación. Por non gustar, non gustou nin a boa parte do PP, aínda que tivesen que apandar con ela. Logo, claro, hai distintos graos de entusiasmo. En Galicia fomos dos últimos, se non os derradeiros, en eliminar as reválidas. A orquestra de San Caetano seguía a tocar mentres o transatlántico de Wert (e Rajoy) afundía nun océano xeado. Supoño que será outra consecuencia de non saber ben onde colocar os acentos.
Pero postos a falar de inventos, ningún como a famosa mención á lingua vehicular, cuxa desaparición do articulado do novo texto interprétase como a enésima ameaza para a supervivencia do castelán, aínda que non existise na lei ata 2013. Wert defendeu con vehemencia no Congreso que a súa intención era «españolizar» os nenos de Cataluña. Supoño que, nesa mesma lóxica, entran tamén as crianzas vascas e mesmo as galegas, aínda que de nós nunca se lembren porque un único deputado segue sen facernos relevantes en termos de aritmética parlamentaria; mentres, noutras comunidades históricas, o Goberno ten dúas ou tres formacións autóctonas nas que tratar de atopar socios máis ou menos preferentes.
#StopLeyCelaá, por el bien del futuro de los más pequeños y de nuestro país.
NO a una ley educativa injusta y politizada.¿Es la Ley Celaá la peor ley educativa? 41 razones que prueban que sí https://t.co/Thu7QYnue4 a través de @elespanolcom
— Jesús Vázquez Abad (@jesus_ourense) November 15, 2020
Tamén é certo que por aquí arriba non fai falla españolizarnos máis, que diso xa se encarga o famoso decreto do plurilingüismo. Por iso quedaba un pouco sobreactuado ver a Miguel Tellado ou ao propio Feijóo (quero dicir, Feijoo) alertando dos riscos que a nova lei supón para a lingua do imperio. Que a ese coro se sumase Jesús Vázquez, conselleiro de Educación responsable daquel decreto, só converte outra posible traxedia nunha mala farsa.
Derogar a LOMCE era tan necesario como tombar a reforma laboral e, polo que se ve, moito máis doado. Á espera de coñecer o seu resultado, os medios dos que se vai dotar –claves para que non quede reducida a papel mollado– e a implicación das comunidades autónomas, a LOMLOE apunta algunhas ideas máis que interesantes: rematar coas subvencións aos centros que segregan por sexo; que a nota de Relixión deixe de contar para a media; rematar coas subvencións aos centros que segregan por sexo; prohibir ceder solo público para construír centros privados… sen esquecer o de rematar coas subvencións aos centros que segregan por sexo.
De todos os xeitos, coas leis educativas pasa o mesmo que cos personaxes de Xogo de Tronos: non convén collerlles demasiado cariño. Para o que van durar…