Brasil, un xigante paradoxal

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

Non deixa de ser curioso que o primeiro produto de exportación brasileiro da época colonial fose o pau brasil, unha árbore con madeira marcada pola súa cor vermella que servía como tintura. Árbore que será tamén responsábel do nome do país. E cor que será símbolo do Partido dos Traballadores (PT), así como a estrela amarela. Símbolos historicamente ligados aos movementos socialistas dos traballadores, que dominaron a política brasileira de 2002 a 2016, desde a primeira elección de Lula (2002) até o impeachment de Dilma (2016). A súa derrota é unha parte ineludíbel para entender o absurdo no que se transformou Brasil en 2019.

Bolsonaro e seus 3 fillos adultos teñen unha traxectoria na política institucional brasileira de case 3 décadas. Todos marcados por posturas antidemocráticas, misóxinas, racistas, homóbofas, anti-intelectuais, violentas e belixerantes con alianzas co crime, directa ou indirectamente, particularmente na cidade de Río de Xaneiro, a súa base electoral. Non por casualidade, o estado de Río de Xaneiro elixiu os fillos de Bolsonaro como senador e deputado federal –amais de ser concelleiro nesta cidade un terceiro fillo–, e tamén elixiu un ex xuíz con discurso proarmas, a favor da violencia policial, misóxino, homófobo e racista, igual que os Bolsonaros, para gobernador.

Se isto non bastara, a cidade de Río de Xaneiro, coñecida como luxuriosa e violenta, xa elixira en 2016 como prefecto un exbispo da Igrexa Universal do Reino de Deus, a maior igrexa neopentecostal do país, que controla unha das maiores redes de comunicación do Brasil e que está instalada en varios países, en especial na África lusófona.

O presidente do Brasil, Jair Bolsonaro. Foto: Beto Oliveira/Câmara dos Deputados.

Os resultados electorais de 2018 demostraron claramente que foi na periferia urbano-metropolitana do sur e sueste, as áreas de maior concentración de poboación, onde a dereita gañou. Por outro lado, nos estados máis pobres do país, localizados no nordeste, o PT gañou as eleccións para presidente e a esquerda elixiu gobernador. No sur e sueste, a vitoria foi absoluta da dereita, tanto para a Presidencia da República como para os gobernos dos estados.

Mais o encanto durou pouco. Actualmente Bolsonaro presenta os máis baixos índices de aprobación da historia da democracia no Brasil, en todos os períodos de avaliación polas enquisas nos primeiros 9 meses de goberno. Nin a normal esperanza dos electores nos primeiros 100 días de goberno resistiu. A alianza entre agrupacións de dereita autoproclamadas como liberais na economía, a extrema dereita conservadora e reaccionaria e sectores que apoiaban as medidas anticorrupción da Lava Jato –a partir do poder xudicial e o Ministerio Público–, desfíxose rapidamente. Os liberais na economía non foron capaces de soportar o desgaste dos primeiros meses dun goberno en que ten presenza fráxil e os ataques contundentes do goberno aos dereitos humanos máis elementais e mesmo a presupostos da economía liberal contemporánea, como a globalización. Os moralistas viron o seu superheroe, o xuíz Sergio Moro, aceptar inmediatamente tras a elección de Bolsonaro o cargo de ministro de Xustiza, demostrando claramente intereses persoais na súa cruzada contra Lula. Mesmo os seus máis renitentes apoios viron derrubar calquera sinal de idoneidade na conduta do ex-xuíz a partir das revelacións da súa actuación xunto cos procuradores visando a condena de Lula, a través da publicación de conversas entre procuradores e o xuíz na aplicación Telegram polo sitio web The Intercept, do xornalista Glenn Greenwald.

Desde sempre defensor da ditadura militar no Brasil (1964-1985), aínda que fose apartado do exército como simple capitán debido á acusación de elaborar un ataque á infraestrutura urbana por mor dunha disputa salarial –na época da mesma ditadura que defende hoxe–, Bolsonaro cada vez máis actúa en consonancia só coa súa base máis radical e fiel que non debe chegar a 20% do electorado. Alén dos estados do nordeste, onde Bolsonaro perdeu e foron elixidos gobernadores da esquerda (PT, PSB e PCdoB), enquisas recentes demostraron unha solidez de posicionamento contra o goberno, que xa había na época das eleccións, de mulleres, mozas, negras, de renda e escolarización baixas. Vanse sumando a este núcleo socioeconómico de oposición parte dos sectores medios que senten o aumento das perdas económicas desde o golpe; liberais e axentes do mercado financeiro que perden coa falta de confianza no país e o illamento internacional do goberno Bolsonaro; e parte da clase media tradicional que viu o seu soño de moralización converterse en moeda de cambio político coas revelacións do acordo entre xuíz e procuradores da Lava Jato.

o presidente do Senado, José Sarney (PMDB-AP), durante un encontro co expresidente da Republica, Luiz Inácio Lula da Silva, o vicepresidente da Republica, Michel Temer, e líderes dos partidos da base aliada do goberno.

A derrota do PT

Ten antecedentes, e remite ás propias condicións da súa chegada ao poder. A súa alianza con sectores conservadores influíu en gran maneira as medidas económicas e políticas dos gobernos petistas durante unha década e media. Un dos efectos máis nítidos desta alianza foi a inserción económica internacional do Brasil, que naquel período se convertera nunha das dez maiores economías do mundo. De sede e patrocinador do Fórum Social Mundial realizado en Porto Alegre, a primeira cidade con goberno petista e creadora da radical experiencia democrática do Orzamento Participativo, o PT convértese no partido que dirixe unha das maiores economías do planeta. Nese período tamén se produce un aumento da concentración de rendas entre os máis ricos e unha mellora das condicións dos máis pobres. Se o Brasil de Lula conseguiu fuxir da crise global de 2008, mesmo tendo parte da súa base económica centrada na exportación de produtos –en especial a China e os Estados Unidos, mais tamén con relevancia para a Unión Europea, Arxentina e países de Oriente Medio–, non sucedeu o mesmo a partir de problemas ligados aos axustes globais pos-2008. En especial, a diminución do ritmo de crecemento económico chinés tivo efectos na exportación de grans e minerais. A isto sumáronse problemas derivados de políticas internas que aspiraban a manter o ritmo de crecemento brasileiro da década anterior coa baixada de impostos e outros incentivos á industria. A caída de impostos industrial e comercial, en vez de reverter en investimentos e xeración de empregos, foi utilizada de xeito privado polos empresarios para investir no mercado financeiro. Un contexto que disparará unha desaceleración do crecemento a partir de 2014 e o estancamento, incluíndo períodos de caída da economía a partir de 2016. As condicións económicas do golpe civil.

A expresidenta Dilma Rousseff entrando ao plenario do Senado Federal durante a sesión deliberativa extraordinaria para votar a Denuncia 1/2016, que trata do xuízo do proceso de impeachment da presidenta por suposto «crime de responsabilidade». Foto: Marcos Oliveira/Agência Senado.

O golpe civil

Foi un golpe civil porque non houbo recoñecemento xurídico de «crime de responsabilidade» por parte do Goberno Dilma, como esixe a Constitución Federal de 1988 para a posta en marcha do impeachment. Constitucionalmente. o impeachment esixe a súa petición por parte da Presidencia da Cámara sendo  xulgado o proceso polo Congreso Nacional, composto pola Cámara de deputados e o Senado, precisándose polo menos 2/3 de votos favorábeis para a súa realización. Ou sexa, o «crime de responsabilidade» como suposto está subordinado a intereses políticos. Se o goberno non obtén polo menos 1/3 dos deputados e senadores pode ser destituído, mesmo sen a tipificación polo Supremo Tribunal Federal de «crime de responsabilidade». Situación contraditoria que permitiu que ao mesmo tempo a presidenta Dilma fose deposta e mantivese os seus dereitos políticos.

As eleccións de 2014 xa acentuaran a relación do PT co centrodereita, ao colocar na vicepresidencia a Michel Temer, político que dirixía o Partido do Movemento Democrático Brasileiro (hoxe MDB). Orixinado da oposición legal e parlamentaria concedida pola ditadura militar, coa democratización e a liberdade partidaria, esta organización perdeu os seus principais cadros a favor do trabalhismo do Partido Democrático Laborista (PDT), con vínculos coa socialdemocracia europea; cara o Partido dos Traballadores (PT) coa súa orixe no sindicalismo combativo e correntes e organizacións clandestinas da esquerda; e o Partido da Social Democracia Brasileira (PSDB), partido inicialmente socialdemócrata transformado en partido do capital financeiro e as elites económicas industriais, que gobernou o país con Fernando Henrique Cardoso de 1995 a 2002. No PMDB ficarían parte de sectores ligados á industria nacional e políticos de centro e centrodereita tradicionais. 2014 foi unha elección cuxa disputa entre os dous maiores partidos en termos electorais, PT e PSDB, tivo o gañador coa menor diferenza desde a democratización. PT e PSDB disputaron directamente todas as eleccións desde 1994.

O xuíz federal Sérgio Moro nunha audiencia pública na Comisión de Constitución, Xustiza e Cidadanía. Foto: Waldemir Barreto/Agência Senado.

Do desenvolvemento social á operación Lava Jato

A ecuación dos gobernos do PT foi conseguir equilibrio entre crecemento económico, políticas de distribución da renda para os máis pobres e concentración entre os máis ricos levando a unha hexemonía de máis dunha década dun proxecto de política económica de desenvolvemento e social, ou «social-desenvolvimentismo». Os efectos dos axustes globais e os equívocos na política económica nacional, xunto ao afastamento de movementos sociais e falta de continuidade de políticas populares durante o primeiro Goberno Dilma (2011-2014) tornaron a dirección política e económica do novo mandato, a partir de 2015, aínda máis conservadoras.

O golpe civil pode ser entendido como a toma do poder polos grupos políticos de centro e centrodereita que xa viñan controlando o Estado. A partir do golpe, sen ter os obstáculos que creaba a presenza do PT na Presidencia e aínda en varios ministerios. Paralelamente ao movemento á dereita dentro dos gobernos petistas, externamente desenvolveuse unha acción xurídico-política de cuño moralista tendo á fronte un xuíz de primeira instancia do politicamente conservador estado do Paraná. O xuíz Sérgio Moro, conseguiu con prácticas heterodoxas e inconstitucionais, en colaboración con agrupacións políticas de dereita illadas, condenar e prender políticos ligados ao PT e mesmo da súa oposición, nun movemento supostamente anticorrupción. A chamada Operación Lava Jato iniciouse, non por casualidade, en 2014. Aínda que políticos electos para o parlamento nacional e membros do goberno federal teñan como foro o Supremo Tribunal Federal (STF), con manobras xurídicas e inexplicábeis acordos dos xuíces do STF, a vara xudicial do xuíz Sérgio Moro conseguiu manter baixo a súa autoridade procesos obviamente de instancia superior. O xuíz tiña vínculos directos co PSDB, partido derrotado en 2014, e un histórico de formación profesional xunto ao Goberno dos EUA. Estes son os argumentos típicos dos adeptos da teoría da conspiración, teoría reforzada coa morte do xuíz do STF responsábel de analizar as incongruencias do proceso penal que levaría o presidente Lula a prisión en 2018 cando aparecía como demandante preferencial en todas as pescudas.

Michel Temer. Foto Romério Cunha.

Michel Temer e o porto de Santos

O xuíz do STF, Teori Zavascki, morreu nun accidente de avión particular dun empresario na rexión paradisíaca de Parati. Un avión cun índice baixísimo de accidentes e manexado por un piloto con experiencia. A investigación apuntou cara un fallo do piloto. Tras a morte do maxistrado, saíron á luz mensaxes na rede social do fillo do xuíz do STF con ameazas de morte ao pai. As mensaxes foron rapidamente borradas. O presidente Michel Temer nomeou entón o Ministro da Xustiza Alexandre de Moraes para o Supremo. Figura controvertida, Alexandre de Moraes foi secretario de seguridade do Estado de São Paulo, a maior economía do país e centro global de finanzas en América Latina, cando se produciu un ataque armado na cidade de São Paulo (o Estado e a cidade teñen o mesmo nome, así como Río de Janeiro nomea cidade e Estado) polo PCC (Primeiro Comando da Capital), organización criminal que controla o tráfico de drogas no Brasil. Alexandre de Moraes, entón secretario de seguridade do Estado de São Paulo foi o responsábel de negociar e atender as demandas do PCC. Hai informacións que apuntan a que, antes de ser secretario do Estado de São Paulo, o actual xuíz do STF actuara na oficina de avogados que defendeu a líderes do PCC. Michel Temer, principal beneficiado polo golpe civil, e responsábel polo nomeamento de Alexandre de Moraes ao STF, construíu a súa historia política no Estado de São Paulo. Durante o seu mandato na Presidencia foi acusado pola Procuradoría Xeral da República (PGR) de beneficiar con concesións a empresa responsábel da área de contedores no porto de Santos. Localizado no Estado de São Paulo, na cidade de Santos, este é o maior porto de América Latina e tamén, segundo informacións especializadas, de entre os grandes portos do mundo un dos dous co menor control de movemento de contedores. Temer ten relación histórica co control do porto de Santos e foi detido dúas veces tras deixar a Presidencia da República, debido a acusacións, entre outras, de ampliar a concesión até 2035 ao mesmo grupo que xa controlaba a área de contedores no porto de Santos polo menos desde 1998. A concesión foi anulada. O grupo económico beneficiado declarouse en quebra e en marzo deste ano informou do peche das súas actividades no porto de Santos. Este grupo económico sempre estivo entre os principais doantes nas campañas electorais de Michel Temer.

O ascenso de Bolsonaro

A exposición a través de procesos xudiciais fundados nun empoderamento dos procuradores do Ministerio Público Federal (MPF) de esquemas fraudulentos e de enriquecementos sospeitosos –tanto de empresarios como de políticos– nunha crise económica, nutriron un ambiente moralista entre os novos sectores medios económicos, a clase media tradicional e a elite tradicional. Se non resulta sorprendente que a clase media e a elite económica tradicional tomaran unha posición antipolítica, pois teñen súas condicións socioeconómicas estábeis, a conversión conservadora dos novos sectores medios de renda xerados a partir das políticas de emprego e acceso ao traballo e educación polos gobernos Lula/Dilma –en especial no período Lula–, é un problema. Eses novos sectores medios en termos de renda, isto é, con renda na media nacional –que en termos sociolóxicos non constitúen a clase media–, tiveron adiantos económicos significativos e inserción social durante os anos de Lula, mais foron directamente alcanzados pola crise económica. Residentes en xeral nas favelas e periferias das grandes metrópoles das rexións máis ricas do país, o sueste e sur, estes sectores económicos son a principal base das igrexas neopentecostais, e están tamén fortemente influenciados pola comunicación de masas, en particular das redes abertas de televisións e redes sociais por Internet. Altamente expostos a un discurso prexuizoso e anticivilizatorio de sectores reaccionarios do neopentecostalismo, este contexto construíu os fundamentos da adhesión ao discurso moralista difundido pola gran prensa e redes sociais dixitais e a consecuente elección de Bolsonaro.

2020 como horizonte

O Brasil, país paradoxal e de contrastes extremos, vive unha vez máis en alta tensión. A súa elite política e económica construíu unha crise institucional ao apoiar un proxecto sen compromiso coa democracia e o Estado de dereito, por un lado; e por outro, encóntrase unha intensa e crecente mobilización social liderada por mozas, negros, indios e mulleres. Os rumbos posíbeis aínda están en aberto e en fera disputa. En 2020, as eleccións para os concellos e prefecturas pode apuntar cara novos camiños para este xigante paradoxal: Brasil.

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail