Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán
Hai historias que empezan a contarse desde o final, mesmo a risco de desenfocalas. A de Marga Gil Roësset, escultora e ilustradora, comeza moitos anos despois da súa morte. A publicación dos seus escritos máis íntimos desvelou o seu amor cara o poeta Juan Ramón Jiménez, unha paixón oculta, incluso para el, que a levou ao suicidio con tan só 24 anos. Pasados os 85 do seu pasamento, diversos actos celebrados na súa memoria recuperan a Marga escultora, debuxante, pioneira, precursora. A súa obra semella adentrarse no invisible e faise grande, sobrepasando a súa traxedia vital.
Maio de 1930. En Madrid celébrase a Exposición Nacional de Bellas Artes. O Retiro alberga a obra de moitos artistas contemporáneos. Son tempos convulsos na política espanola. Uns meses antes, en xaneiro, finaliza a ditadura de Primo de Rivera, e Alfonso XIII nomea a Dámaso Berenguer presidente do Goberno. Iníciase a chamada polos xornalistas da época «dictablanda» que culminou, tras moitos avatares, coa proclamación da Segunda República en 1931. Á Exposición acudirían artistas e intelectuais que vivían nun Madrid «vangardista» no que coincidiron Ortega, Unamuno e os mozos do chamado grupo do 27.
Marga Gil Roësset, escultora e ilustradora madrileña, ten entón só 21 anos e xa expón unha das súas obras. Titúlaa Adán y Eva, e a crítica queda impactada ante unha escultura sen precedentes. En xuño, entrevístaa para a revista Crónica Rosa Arciniega de Granda: «Yo siempre intento operar sobre mis esculturas de dentro afuera –afirma a artista–, trato de esculpir más las ideas que las personas. Mis trabajos, en cuanto a la forma, podrán no ser muy clásicos; pero, por lo menos, llevan el esfuerzo de querer manifestar su interior». E continúa describindo o que quixo expresar na obra: «En sus caras he reflejado el dolor del paraíso perdido, dolor de sentirse solos en medio del planeta, dolor por todos los dolores que habrán de arrastrar sus hijos a través de los siglos».
A xornalista refírese a Marga como unha «chiquilla afable y bondadosa en cuya cabecita bullen ideas tan trascendentales como esta». Unha pregunta sorprende: «Piensa usted casarse?». Pero aínda máis a resposta dunha chiquilla: «Yo creo que no. No creo en el amor simultáneo de dos corazones. (…) Yo, por ejemplo, puedo enamorarme de un hombre sencillamente porque me gusta; pero me parece difícil que él al mismo tiempo se enamore de mí, completando así el amor. Me parece que en esto hay siempre un sacrificado».
Xullo de 1932 O nome de Marga volve á prensa. O 29 e o 30 de xuño de 1932 seis diarios madrileños recolleron a noticia do suicidio dunha moza en Las Rozas, unha vila próxima a Madrid, camiño da serra de Guadarrama. Os titulares eran parecidos: todos se referían a ela como «unha señorita» e ningún aludía á palabra «suicidio». Na noticia, poucos datos: a moza tiña 24 anos, chamábase Marga Gil Roësset, era escultora e ía «elegantemente vestida». En La libertad aventuráronse a contar algo máis dos feitos: «Alquiló un taxi y ordenó al chofer que le condujese a Las Rozas. Al llegar a este pueblo dijo al chófer del vehículo que esperase, y después de pedir la llave de un hotel propiedad de unos tíos suyos, entró en dicho hotelito. Pasaron unos instantes y se oyó una detonación. Al ruido acudió la familia de la joven y los vecinos, que vieron el cuerpo en el suelo exánime. También se incautó el juez de una carta escrita por la senorita Margarita Gil Roecer (sic) y dirigida a su madre, en la cual tal vez explique los motivos que la indujeron a quitarse la vida».
Ademais desa misiva, Marga deixou outras dúas. Unha para a súa irmá Consuelo, escritora e editora, tres anos maior ca ela, e outra para Zenobia Camprubí, a esposa de Juan Ramón Jiménez. A desta última estivo oculta durante 65 anos. Os mesmos que tardaron en saír á luz as páxinas dun diario que escribiu durante os últimos meses da súa vida e que deixou na casa de Juan Ramón Jiménez a mañá na que se quitou a vida. Os «motivos» mantivéronse ocultos ata que en 1997 o diario ABC publicou parte dese caderno no que Marga escribiu de maneira desgarradora a causa que a levou ao suicidio: o seu amor cara o poeta Juan Ramón Jiménez.
En ningún dos xornais daquel verán do 32 se falaba de que esa señorita era escultora, ilustradora, unha das máis brillantes do momento segundo os críticos da época. En 2017 cumpríronse 85 anos da súa morte. Recuperar a súa obra, colocar a Marga Gil Roësset no lugar da historia do arte que lle corresponde, máis alá da súa relación co poeta, é un dos empeños de familiares e estudosos. Pero non foi unha tarefa sinxela. A historia de Marga, polo seu final a destempo e inesperado, marcou a súa memoria. Ao silencio dun final tráxico e doloroso sumáronse outros silencios: o da causa da súa morte voluntaria, o dos anos escuros da guerra e a ditadura, o imposto de forma sutil por tratarse dunha muller…
A historia de Marga Gil quedou esmagada baixo a dor e as incógnitas. Marga Clark, fotógrafa e poeta, e a súa sobriña, recoñéceo: «o seu tráxico final foi tan doloroso para toda a familia, que non só provocou a morte prematura, algúns anos máis tarde, dos seus pais, os meus avós paternos (o meu avó morreu dous anos máis tarde que a súa filla, e a mina avoa pouco despois) senón que condicionou a actitude dos seus dous irmáns, Consuelo e Julián, o meu pai, que a mantiveron agachada no esquecemento, talvez coa boa intención de protexela de murmuracións e de falsos moralismos tan propios do ambiente social no que se movía a súa familia».
Marga Clark escribiu no seu libro Amarga Luz (Funambulista, 2011) como foi o seu particular proceso de descubrimento. A súa tía Marga era «unha ausencia moi presente» que marcou entre o misterio e a admiración a infancia e adolescencia da súa curmá. Impúxose un longo silencio por parte da familia de Marga e por parte da familia de Juan Ramón. Mentres, os seus debuxos e esculturas seguían protexidos nas casas dos seus irmáns, agochados esperando o momento de saír á luz. E isto non ocorreu ata maio de 2000. Ana Serrano, amiga íntima da familia, foi a comisaria da primeira exposición antolóxica que daba a coñecer a obra de Marga Gil e que se celebrou no Círculo de Bellas Artes de Madrid. Conta que foi «un clamor». A crítica volvía utilizar cualificativos como os empregados nas crónicas dos anos 30. O empeño era mostrar á Marga artista, aínda que non era fácil desligala da Marga ferida de morte por un amor imposible cara un home esencial na historia da cultura. Pero a súa obra alzouse por riba do drama.
Marzo de 1908 Marga Gil Roessët naceu en 1908, nunha familia burguesa, das que se cualificaban entón como «distinguida», adiñeirada e con grandes inquedanzas culturais e artísticas. O apelido Roësset provén do seu avó materno, un enxeñeiro francés que se afincou en España xunto a seu irmán na primeira metade do século XIX para construír a rede ferroviaria entre Madrid e Porto. Ambos casaron con dúas irmás descendentes dunha familia ilustre galega. Margot, a nai de Marga casou con Julián Gil, xeneral de enxeñeiros e tiveron catro fillos, dous varón e dúas mulleres.
As mulleres desta familia foron todas brillantes, conta Ana Serrano. María (a súa tía) e Marisa (a súa curmá) foron recoñecidas pintoras e Consuelo (a súa irmá) escritora e editora das revistas Chicos e Mis chicas, títulos esenciais na cultura popular española da posguerra. A importancia das Roësset queda recollida no libro Artistas y precursoras, un siglo de autoras Roësset que Nuria Capdevila-Arguelles, catedrática de Estudos hispánicos e de xénero da Universidade de Exeter, no Reino Unido, publicou en 2013. Fala do carisma destas mulleres «influentes e esquecidas», xamais mencionadas nos libros de historia, sen as que non se pode entender a historia da cultura feminina en España.
Marga e a súa irmá Consuelo creceron rodeadas de luxos e sensibilidade artística. Foron moi pouco ao colexio, educáronse na casa con distintos preceptores e era a súa nai quen coidaba persoalmente a súa formación, algo non infrecuente nas familias adiñeiradas da época. Acudía con elas a museos, concertos e conferencias. Falaban catro idiomas, a miúdo viaxaban por Europa e as fotos que se conservan delas mostran unhas nenas vestidas de forma pouco convencional, facendo teatro, sempre rindo.
Consuelo escribía e Marga debuxaba. Aos sete anos Marga escribiu e ilustrou La niña curiosa, «un conto que regalou á súa nai –conta Ana Serrano–, e no que se adiviña a xenial man desta nena precoz». Aos doce anos publica xunto coa súa irmá un libro, El niño de oro, no que aparecen uns debuxos sutís, inesperados nunha nena de tan curta idade. Así os describe Nuria Capdevila: «peculiares, e tristes, teñen pouco de infantís e moito de desconcertante debuxo adulto».
Dous anos máis tarde, publican outro libro, Rose de Bois, esta vez en francés. Os debuxos están feitos a tinta china e seguen en parte o orientalismo de moda en Europa, pero só en parte, porque teñen unha forza enigmática orixinal, un estilo que Capdevila denomina precursor e que se manifesta sen influencias externas aparentes.
Marga parece dar forma ao enigmático. Son corpos contorsionados, con rostros angustiosos, a veces demacrados, cheos dunha expresividade impactante.
A súa nai decidiu que acudira ás clases do pintor José María López-Mezquita, mais por pouco tempo xa que aos catorce anos, interesouse pola escultura e empezou a modelar. Parece que, de novo, a súa nai mostroulle as súas obras ao escultor Victorio Macho coa intención de que a ensinara. Pero ao ver os traballos dixo, «deixe vostede a súa filla que siga soa» e negouse a darlle clase para preservar a súa xenialidade. Así foi como iniciou unha carreira autodidacta.
Eran moi poucas as mulleres que facían escultura naqueles anos en Espana. María Pérez-Péix (muller do escritor Eugenio d’Ors), Eva Aggerholm, Eulália Fábregas de Jacas, Helena Sorolla… Foron verdadeiras pioneiras que nos anos da Segunda República foron conformando un novo modelo de muller que se incorpora activamente aos ambientes artísticos. Moitas eran de clase acomodada, pero posiblemente todas sufriron os prexuízos da crítica por adentrarse nun campo considerado aínda «non apto» para elas.
A produción artística de Marga concéntrase en só 12 anos. Sorprende o seu dominio de diversas técnicas: acuarela e tinta nas ilustracións; escaiola, madeira e granito, nas súas esculturas. O que poderiamos chamar a súa última etapa lévase a cabo nunha época de esplendor cultural no Estado, a chamada Edad de Plata. A Residencia de estudantes e a Residencia de señoritas convértense en verdadeiros epicentros da creación artística e en 1926 créase o Lyceum Club Femenino. A súa primeira presidenta foi María de Maeztu e na súa primeira xunta directiva figuraron, entre outras, Isabel Oyarzábal, Victoria Kent e Zenobia Camprubí, xa esposa de Juan Ramón Jiménez.
Durante os seus anos de existencia, o Lyceum Club organizou moitas actividades: conferencias, exposicións, funcións teatrais, concertos, festas ás que acudían Carmen Baroja, Victoria Kent, Clara Campoamor, María de Maeztu, Concha Méndez, Ernestina de Champourcin, Elena Fortún, María Teresa León ou Carmen Conde, entre outras. Todas participaron activamente na explosión cultural que invadiu os primeiros anos trinta, pero o su labor quedou inxustamente escurecido. Traballos coma os de Nuria Capdevila ou o recente libro e reportaxe de Tania Balló, Las sinsombrero, intentan «completar a historia» recuperando a obra e a vida destas mulleres.
Marga Gil Roësset tivo relación con elas? Quizais non, porque todo parece indicar que vivía nun círculo familiar estreito, pero era amiga de Ernestina de Champurcín, afirma Marga Clark, e é probable que visitara o Lyceum. A falta de documentación sobre a súa relación con outros artistas fai aínda máis interesante o seu orixinal estilo. Así o di Marga Clark: «Marga era unha artista única, independente, traballou soa sen mestres para desenvolver a súa propia voz, ela traballaba coa mirada dirixida cara dentro, por iso non creo que a súa natureza a levase a pertencer a grupo». En La ardilla y la rosa: Juan Ramón en mi memoria, de Ernestina Champourcín, hai unha foto na que sae Marisa (a súa curmá), non Marga, pero parece que si que coñeceu a Maruja Mallo, a Bauer e a Concha Méndez. Con Ernestina posiblemente trabou unha amizade máis estreita.
Ser artista e muller nos anos vinte era un verdadeiro reto. A pesar de que a sociedade española estaba empapada por un irrefreable espírito renovador e de apertura ás correntes vangardistas europeas, prestixiosos intelectuais, entre eles o amigo da familia, Gregorio Marañón, vían nelas «trazos do sexo masculino, adormecido nas mulleres normais». O Premio Nobel Jacinto Benavente foi máis explícito: non aceptou a invitación a dar unha charla no Lyceum alegando que el non podía dar conferencias «a tontas y a locas». Segundo Nuria Capdevila, as mulleres artistas da familia Roësset foron partícipes desta corrente renovadora, liberal de tradición krausista, pero non abandonaron unha mentalidade conservadora e católica que as situaba nun espazo moderado a respecto de moitas das súas coetáneas. Eran vangardistas e innovadoras na arte, pero tradicionalistas na súa educación e costumes.
Agosto de 1929 Marga e a súa irmá eran coñecidas e recoñecidas xa en 1929. José Francés, o crítico de arte con máis predicamento da época, falou elocuentemente delas nun extenso artigo publicado en La Esfera o 17 de agosto de 1929. Recorda as dúas irmás como nenas «silenciosas, tímidas e graves» e refírese á escultura de Marga como «enérxica, vibrante e misteriosa». Fala dunha «mujercita» (o diminutivo choca con adxectivos tan contundentes) que non espera aplausos «non ten présa de ecos nin impaciencia de lauros. (…) De agora en diante, cando se fale da escultura española, hai que citar o nome de Marga e a arte de Marga». Marga Gil non viaxa a París ou a Roma para formarse como fixo a súa curmá Marisa, mantense á marxe: «traballou sen influencias de ninguén e iso convértea nunha artista xenial», afirma Ana Serrano.
Capdevila, á súa vez, defende esta orixinalidade extrema: xa nas ilustracións de Rose de bois, realizadas aos 13 anos: «o rasgo físico máis importante dos personaxes conséguese a través do xogo con nocións de fealdade e deformación física». Os protagonistas son personaxes de extrema delgadeza, demacrados, con mans e pés enormes…, son a obra «dunha subxectiva autora coa seguridade suficiente para xogar confiadamente con monstruosidade e beleza, subxectividade de carácter precursor ou agonista, que mostra na súa obra a expresión dun paradoxo», continúa Capdevila citando a Poggioli.
Novembro de 1931. Marga coñeceu a Juan Ramón Jiménez e á súa esposa Zenobia Camprubí. Carmen Hernández Pinzón, curmá neta do poeta, sitúa o encontro no mes de novembro, nunha cea organizada por unha amiga común, Olga Gunzburg, como homenaxe á pianista Amia Dorfmann. A partir de entón, as visitas das irmás, pero sobre todo de Marga, á casa do poeta fixéronse habituais. Marga entrou a formar parte dese grupo de mozos artistas que acudían con frecuencia á casa de Juan Ramón. Así a recorda el en Españoles de tres mundos: «Marga era morena pálida, de verdoso alabastro, con ojos hermosos grises, y pelo liso castaño. Sentada tenía una actitud de enerjía, brazos musculosos, morenos, heridos siempre de su oficio duro. Y al mismo tiempo ¡tan frágil! Llevaba el alma fuera, el cuerpo dentro». Pese a que tiña a encarga de ilustrar un Quijote, Marga embarcouse nos retratos de Juan Ramón e Zenobia. O dela rematouno. O de Juan Ramón non chegou a comezalo. O propio Juan Ramón conta que pasaba moitas horas traballando alí: «Nos traía jenerosa el regalo de cada día, de cada hora: rosas, libros, frutas, papeles, cintas de colores (…) Era un ejemplo de vitalidad exaltada, de voluntad constante, de capricho enerjético. Se iba ya de noche, corriendo».
Marga namorouse de Juan Ramón. Comezou a imitar a súa letra, a non distinguir as grafías j e g como facía el, a estar pendente das súas opinións, os seus desexos. Máis adiante Guerrero conta que o poeta lle confesou que quería recuperar os poemarios Ninfeas, Rimas y Arias tristes porque lle parecían imperfectos, demasiado «juveniles». Marga debeu falar co poeta desta cuestión e decidiu buscar eses exemplares por librerías, bibliotecas particulares (chegou a entrar na de Gregorio Marañón, amigo da familia) e ata na Biblioteca Nacional: falsificou un carné que hoxe se conserva para sacar de alí os exemplares dispoñibles destas obras. Fixo un paquete con todas elas e entregoullas ao poeta para que as destruíse: «me trajo para que yo los viera todos o casi todos los que había en el Ateneo, en las bibliotecas públicas, incluso en la Nacional. Yo no sé con qué habilidad los cambiaba por otros volúmenes y los sacaba sin ser vista».
Durante os últimos anos da súa vida, escribiu os seus sentimentos nun diario. Son notas de irregular extensión, escritas de forma case automática. Cheas de puntos suspensivos, tonemas de suspensión, como as emocións que alí deposita. Non son poemas, nin revisten interese literario, pero conmove o lirismo da súa brutal sinceridade. Non é o diario de alguén desesperado, senón de alguén a quen a tristeza o vai invadindo como unha mala herba. Esfórzase por exponer a lóxica da súa dor: «ya no quiero vivir sin ti… no… ya no puedo vivir sin ti… tú, como si puedes vivir sin mí, debes vivir sin mí», e a morte parece unha e outra vez como a única maneira de seguir amando e de seguir creando: «Quiero morirme pronto, ahora mismo… la obra… para qué?… y tú, ¡ay de mí! Desánimo… metal frío, ácido, vacío… no quiero así… ¡no!».
As palabras de Marga son o fluxo de conciencia de alguén que está a desarraigarse. No medio da descrición do seu universo amoroso deixa colar algúns datos que nos fan pensar que a súa familia estaba moi pendente do seu traballo: «Mi padre me ha dicho, serio… irrevocable… Marga, vas a terminar la cabeza de Zenobia… pero terminarla… para inmediatamente empezar con El Quijote y… hasta acabarlo… no haces ninguna otra cosa en absoluto… estamos». Non chegou a terminar as ilustracións para o libro de Cervantes, pero si deixou outras para Canciones de niños, con letra da súa irmá Consuelo e música do seu cuñado José María Franco, que segundo moitos poderían ter inspirado o autor de El principito, Antoine de Saint-Exupéry, dezasete anos despois.
As palabras de Marga flúen descompasadas no seu diario. Pasa dun sentimento exaltado á tristeza de quen sabe que non poderá ser correspondida: «y es que como eres bueno, te da pena ver que no guarda proporción mi amistad… amor… con tu amistad… afecto» e cada páxina que avanza, aparece con máis frecuencia a idea da morte. Estas son as últimas palabras escritas: «Noche última… que querría… tanto a tu lado… y estoy sola… ¿sola?… no… estoy contigo. Pero en la muerte, ya nada me separa de ti… solo la muerte… y es ya… vida ¡tanto más cerca así!… muerte… cómo te quiero!».
28 de xullo de 1932. Podemos reproducir o relato do último día da súa vida grazas aos testemuños que Juan Guerrero, amigo íntimo do poeta e albacea recolleu en Juan Ramón de viva voz (Pretextos, 1999). O 28 de xullo de 1932, Marga levantouse cedo. Acudiu á casa de Juan Ramón e deixoulle unha carpeta con varios papeis coa indicación de que o lera máis tarde. Despois, e segundo unha doncela, saíu con bágoas nos ollos. Semella que se dirixiu ao seu taller, situado ás aforas de Madrid e destruíu a maioría da súa obra, incluídas as fotografías. Despois dirixiuse á casa («el hotelito») que o seu tío Eugenio tiña en Las Rozas; alí decidiu quitarse a vida cun disparo na tempa.
Segundo o testemuño de Juan Ramón, Zenobia e el chegaron a Las Rozas e atoparon a Marga na Clínica Omnia agonizante. Describe cun inusitado realismo os seus últimos momentos: «vendada la cabeza como una fe, tenía una exaltación serena y fija (…), con la belleza no destrozada, descompuesta».
A carpeta amarela coas páxinas do diario que Marga lle deixou ao poeta permaneceu oculta ata 1997, cando o diario ABC, dirixido entón por Luis María Ansón, publicou parte destes textos nunha extensa reportaxe firmada por Blanca Berasátegui. Para a familia de Marga foi algo «inesperado y estremecedor», afirma Marga Clark. Por que non se avisou á familia da existencia destes textos? Por que tardou 65 anos en ver a luz?
Xaneiro de 2015. As páxinas do diario completo de Marga xunto coas cartas que deixou antes de morrer a seus pais, irmá e a Zenobia e algúns poemas de Juan Ramón, publicáronse hai só dous anos a cargo da Fundación José Manuel Lara. O libro segue fielmente o corpus do proxecto que pensaba publicar o poeta. Carmen Hernández Pinzón, conta no prólogo a peculiar peripecia deses papeis. Juan Ramón pensaba publicar o diario de Marga xunto con algúns poemas seus e outros escritos no outono de 1932, pero a edición do libro foise retrasando por distintas razóns; despois veu a Guerra, o exilio e o roubo de gran parte dos seus papeis e manuscritos que fixeron que esa carpeta amarela, permanecera en paradoiro descoñecido.
Despois da morte de Juan Ramón, en 1958, a maioría dos obxectos roubados foron devoltos á viúva de Juan Guerrero que llos entregou ao curmán e albacea do premio Nobel. A súa filla, Carmen, quixo rescatar estes papeis coa intención de sacar do olvido a Marga, seguindo as palabras coas que Zenobia se expresa nos catro relatos incluídos nos seus diarios de dedicados a Marga Gil Roësset: «Marga, quiero contar tu historia porque tarde o temprano la contarán quienes no te conocieron o no te entendieron».
Carmen púxose en contacto con Consuelo Gil Roësset, xa anciá, que ignoraba a razón que levara á súa irmá a quitarse a vida. Hernández Pinzón di textualmente: «sentí una gran empatía hacia Consuelo y su dolor y no me atrevía a hablarle de los escritos que tenía de y sobre Marga». Pensou esperar uns meses, pero Consuelo faleceu pouco despois. Decidiron dar a conecer a historia de Marga a través de El Cultural de ABC co permiso do maior dos seus curmáns.
Cando o 85 aniversario da morte de Marga, Las Rozas bautizou unha biblioteca pública co seu nome, fíxoa filla adoptiva e durante o mes de maio celebrouse unha exposición e un ciclo de conferencias na Biblioteca León Tolstoi a onde acudiron case todos os que tiveron algo que ver co redescubrimento de Marga. A súa obra, o que queda dela, ten suficiente forza como para ocupar un posto na historia da arte española.
Xullo de 1932. Juan Ramón conta que Marga foi enterrada nun pequeno cemiterio en Las Rozas. Hoxe, ese espazo de silencio profanouse pola autoestrada, pero a serra de Guadarrama segue sendo un lenzo impresionista. Buscamos no cemiterio a tumba de Marga. O encargado municipal conta que unha bomba caeu nos primeiros anos da Guerra Civil e crese que afectou unha tumba familiar, posiblemente a da escultora. Hoxe, non queda rastro dela.
Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán