Condenan ao Banco Santander por espiar a conta corrente dunha traballadora para despedila sen indemnización

A Coruña.- O xulgado do Social número 1 de Pontevedra condenou ao Banco Santander polo despedimento improcedente dunha traballadora de Pontevedra cuxa conta corrente espiou para xustificar a rescisión unilateral do seu contrato.

A Confederación Intersindical Galega (CIG), o sindicato que a defendeu, denuncia que é frecuente que a entidade acceda a datos bancarios persoais dos seus empregados. O Santander desmente a acusación, asegura que o caso de Pontevedra foi «un erro» e nega que se trate «dunha práctica habitual» da compañía acceder aos datos financeiros persoais do seu persoal para usalos como probas en procedementos de despedimento ou en expedientes sancionadores.

Na sentenza, que ten data do pasado 20 de setembro, o xuíz condena á entidade para abonar á súa empregada Mónica Miguélez, xestora comercial con vinte anos de antigüidade nunha das súas sucursais de Pontevedra, 7.500 euros por danos morais por violación da súa intimidade –a súa parella era cotitular da conta corrente que o banco espiou–.

Ademais, deu a escoller á empresa entre indemnizala con outros 114.564,03 euros ou readmitila no seu posto, abonándolle nese caso 159,02 euros por cada día transcorrido desde o despedimento.

Recurso diante Tribunal Superior de Xustiza de Galicia

Tanto o banco como a afectada anunciaron que recorrerán o fallo no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). O primeiro pedirá que se considere o despedimento como axustado a dereito, mentres que a segunda reclamará que sexa declarado nulo e que se ordene a súa readmisión dado que considera vulnerados os seus dereitos fundamentais.

A traballadora, ademais, explicou a Luzes-Público que tanto ela como a súa parella exercerán accións legais contra a entidade ao entender que esta violou a Lei de Protección de Datos cando accedeu á súa información bancaria sen o seu coñecemento nin o seu consentimento.

Á marxe das sancións contempladas nesa norma, o Código Penal español considera delito e castiga con penas de ata catro anos de cárcere a quen se apoderen de datos reservados de carácter persoal ou familiar, como a información que consta no rexistro informático dunha conta bancaria, ou os utilicen para prexudicalo.

A traballadora e a súa parella denunciarán ao banco por acceder á información confidencial da súa conta corrente

Segundo considera probado o fallo do xulgado pontevedrés, a traballadora entrou en situación de baixa médica en xullo do ano pasado por unha lesión no pé diagnosticada polos médicos. Tras pagarse do seu peto un traumatólogo e un fisioterapeuta privados para acelerar a súa recuperación reincorporouse ao seu posto o 29 de marzo deste ano. Ao día seguinte o Santander asinou o seu despedimento, que lle comunicou por burofax unha semana despois alegando como causa que simulara a súa enfermidade.

Para xustificar a súa decisión, a entidade explicou que detectara na súa conta corrente, aberta no mesmo banco, ingresos obtidos durante o período de baixa derivados do alugueiro dun apartamento anexo á súa vivenda que ela e a súa parella anunciaban nunha web inmobiliaria.

Detective privado

A dirección do banco tamén contratou a un detective privado, que se fixo pasar por un cliente que contactou con ela, reservou e ocupou o apartamento e, segundo declarou no xuízo, constatou que lle atendía como hóspede.

O maxistrado relator da sentenza, Alejandro Gracia Lafaja, considera probado que a dirección do Banco accedeu «a datos bancarios da conta da que a traballadora é cotitular, sen autorización nin información previa», e que tería usado a información obtida «para fins distintos dos que poderían derivarse da lexítima finalidade» vinculada ao contrato mercantil mediante o que ela e a súa parella abriron a conta.

O xuíz considera probado que o Banco Santander accedeu ilegalmente aos datos bancarios da súa empregada

En canto á simulación da enfermidade, o xuíz entende que o feito de que a traballadora seguise atendendo durante a súa baixa aos clientes do banco que contactaban con ela por teléfono e por Whatsapp, e que se dirixise a un traumatólogo privado e a unha clínica de fisioterapia para acelerar a súa recuperación da lesión que sufría, demostran que non só non tivo a intención finxir a súa doenza senón «nin tan sequera a vontade» de prolongar a baixa que ordenou o seu médico de cabeceira.

Caixeiro do Banco Santander

Ademais, o maxistrado considera que o feito de que a traballadora atendese aos hóspedes do apartamento que alugaban durante a súa baixa non perturbaba a súa recuperación nin evidenciaba que se atopase capacitada «para o desempeño habitual e profesional durante o horario laboral das tarefas propias do seu posto de traballo» no banco.

Fuentes do Banco Santander informaron a Luzes-Público que a entidade non ten intención de readmitir á súa empregada, algo ao que, con todo, podería verse obrigado se o TSXG considera nulo o despedimento.

En canto a Mónica Miguélez, asegura sentirse «vítima dunha caza de bruxas», defende a súa profesionalidade e asegura que a actuación da dirección da empresa e os motivos alegados para o seu despedimento puxérona en dúbida fronte aos seus compañeiros.

A empresa nega que estea a usar os despedimentos disciplinarios para reducir persoal de forma encuberta

«Non só me puxeron na rúa, espiáronme e accederon ilegalmente a información confidencial que teñen o deber de custodiar, senón que mentiron e deixaron polos chans a miña imaxe profesional e persoal. Vou seguir adiante e a chegar ata o final», asegura a afectada.

Pola súa banda, a CIG afirma que durante o pasado mes de marzo varias traballadoras e traballadoras do Banco Santander «foron vítimas destas prácticas [similares ás sufridas por Miguélez] por parte da empresa», e asegura que existen probas de que «é habitual que en determinados casos a dirección incite ás traballadoras para facer xestións para a súa clientela mesmo estando en procesos de incapacidade temporal», como lle sucedeu a ela.

Redución encuberta de persoal

Segundo Rosa Conde, da sección sindical da CIG na entidade, a empresa estaría a utilizar a figura dos despedimentos disciplinarios como o de Mónica Rodríguez como ferramenta «para desfacerse de traballadores con antigüidade, reducir persoal de forma encuberta e, ademais, coaccionar e ameazar» ao resto de traballadores.

«Na inmensa maioría dos casos de despedimento que a empresa expón como disciplinarios atopámonos con que ao final acepta un acordo. Se propoñen a maior sanción que pode sufrir un traballador suponse que teñen que estar moi seguros e ter moi docuemtada da falta cometida e da súa gravidade», explica Conde, «por que, entón, non defenden ese despedimento nun xulgado e corren a negocialo?», se pregunta.

As citadas fontes do Banco Santander tamén negaron esas acusacións.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail