O misterio do polbo: Galicia perde capturas mentres o sur do Reino Unido vive unha explosión histórica

A Coruña.- Hai algo desconcertante na historia recente do polbo común. Mentres en Galicia as nasas saían da auga con menos exemplares e as lonxas encadeaban campañas frouxas, ao outro lado da Canle da Mancha, os pescadores de lagostas empezaban a atoparse cunha escena para eles surrealista: nasas cheas de tentáculos. En Newlyn, en Cornualles (Reino Unido), un barco chegou a descargar case 20 toneladas de polbo nunha soa xornada, dentro dun desembarque récord valorado en 158.000 libras, máis de 184.000 euros.

A tentación é construír unha historia sinxela: o polbo galego desapareceu das rías e marchou cara ao norte, na procura de augas máis favorables. Pero non. «Os polbos de Galicia non migran nin se mudan ao Reino Unido. Non lles daría tempo», explica Miguel Salvande, biólogo da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería do Mar da Xunta. O que está a ocorrer é bastante máis interesante: mentres as condicións ambientais se volven menos favorables para o recrutamento do polbo en Galicia, nalgunhas augas británicas están empezando a darse as circunstancias que favorecen a súa reprodución e supervivencia.

O fenómeno británico é extraordinario. Un informe elaborado pola Marine Biological Association, o Plymouth Marine Laboratory e a Universidade de Plymouth conclúe que o boom de octopus vulgaris rexistrado no suroeste do Reino Unido en 2025 foi o maior observado nesas augas en polo menos 75 anos. Só se documentaran outros tres grandes episodios nos 125 anos anteriores: en 1899-1900, 1932-1933 e 1950-1951. As capturas comerciais de 2025 foron, ademais, case 65 veces superiores á media anual do período 2017-2024.

Condicións inusualmente cálidas

En Newlyn, un dos principais portos pesqueiros de Cornualles, no Reino Unido, o Enterprise protagonizou en maio do ano pasado unha desas imaxes que resumen un cambio ecolóxico moito máis amplo: case 20 toneladas de polbo formaban parte dun desembarque récord para o polbo. Recólleo na revista dixital GCiencia outro biólogo, Antonio Figueras, investigador do Instituto de Investigacións Mariñas do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). Noutras zonas do suroeste británico as nasas tamén se encheron. E o fenómeno non quedou limitado a exemplares adultos capturados accidentalmente: os investigadores atoparon evidencias de reprodución do polbo en augas británicas, algo que ata agora era pouco frecuente, xunto con exemplares xuvenís nas capturas.

Por que alí si e aquí non? A primeira pista está na temperatura. Os investigadores que reconstruíron a historia das grandes explosións demográficas de polbo en augas británicas atoparon un patrón: todas coincidiron con condicións inusualmente cálidas tanto no mar como na atmosfera. O episodio actual produciuse, ademais, despois de varios anos de quecemento e episodios de ondas de calor mariñas na Canle da Mancha. O informe non formula que o cambio climático sexa unha explicación única e automática, pero si identifica un patrón compatible co quecemento do océano e cunha maior frecuencia de condicións cálidas.

O polbo común é unha especie especialmente sensible a estas variacións porque ten unha vida curta, de arredor dun ou dous anos. Unha xeración pode desaparecer en pouco tempo e ser substituída por outra que tivese unhas condicións de reprodución completamente distintas. «A abundancia ou escaseza interanual son moi variables», explica Ángel González, tamén biólogo do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC e presidente do Consello Asesor Internacional de Cefalópodos.

Caixas de polbo nunha lonxa / Foto: Consellería do Mar

Unha femia pode poñer entre 200.000 e 300.000 ovos, pero iso non significa que vaia haber centos de miles de polbos. A maior mortalidade prodúcese precisamente nas primeiras fases da vida, cando as larvas eclosionan e permanecen na columna de auga. A súa supervivencia depende de que atopen alimento e de que as condicións oceanográficas sexan adecuadas. En Galicia, explica González, os ventos de outono desempeñan un papel especialmente importante porque favorecen o afloramento de augas profundas, frías e ricas en nutrientes.

Por iso o clima non actúa necesariamente a través dun mecanismo tan sinxelo como «máis calor, menos polbo». «O clima inflúe en que poida haber ou non boas condicións de cría e subsistencia das larvas, pero non tanto pola temperatura da auga como polos ventos», sinala González. Se hai menos vento, o afloramento pode ser menor e con el diminuír a dispoñibilidade de nutrientes que sosteñen a cadea alimentaria da que dependen as larvas.

Ángel González, biólogo do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC: «As augas do suroeste das illas británicas están mellorando para o polbo porque están a reproducir agora as condicións que ata hai non moito había en Galicia»

O quecemento, ademais, non ocorre de forma illada. Temperatura, vento, correntes e fenómenos climáticos que operan a unha escala moito maior están conectados. Para Salvande, as augas británicas están empezando a reproducir unhas condicións que ata hai non moito eran máis habituais nas costas galegas. «A pesar de que o mar tamén se está quentando alí, viñan de augas máis frías que agora están mellorando para o polbo porque están a reproducir agora as condicións que ata hai non moito había en Galicia», sostén.

Iso non significa, con todo, que os polbos adultos estean percorrendo a nado centos de millas desde Galicia ata Inglaterra. O vínculo entre poboacións distantes pode producirse noutra fase da vida: as larvas. Os investigadores británicos consideran que os ventos persistentes do leste puideron contribuír a transportalas desde as illas da Canle e o norte de Francia. Os modelos de circulación oceánica apuntan ademais a unha posible conexión con Guernsey, onde xa se observara un episodio de abundancia de polbo en 2024.

«Un polbo moi veterano»

A diferenza é importante. Non se trata dunha poboación de polbos orixinarios das rías galegas que se despraza cara ao norte, senón de caladoiros que responden ás condicións de cada zona e á circulación das súas primeiras fases de vida. «Non, non lles daría tempo», repite Salvande. «Un polbo de dous anos e medio é un veterano, moi veterano».

En Galicia, mentres tanto, as estatísticas mostran a outra cara do fenómeno. As capturas oficiais de polbo pasaron de 1.600 toneladas na campaña 2021-2022 a 1.350 en 2022-2023 e a 940 en 2023-2024. En 2024-2025 produciuse unha certa recuperación, ata as 1.116 toneladas, pero a cifra seguía sendo un 30,3% inferior á de tres campañas antes. O valor das capturas pasou nese mesmo período de 15,5 millóns de euros a 11,4 millóns, un 26% menos.

Miguel Salvande, biólogo da Consellería do Mar: «Non, os polbos galegos non están migrando a Reino Unido. Non lles daría tempo»

A última campaña supuxo un cambio significativo. En 2025-2026 o rendemento ascendeu a case 1.327 toneladas e a facturación alcanzou os 14,75 millóns de euros, segundo os datos da Consellería do Mar. Iso supón un aumento do 18,9 % en volume respecto de 2024-2025 e do 29,4 % en valor económico. A recuperación é aínda máis rechamante se se compara co mínimo de 940 toneladas de 2023-2024: desde entón, as capturas aumentaron arredor dun 41 %.

A Xunta interpreta esa evolución como un sinal do efecto das medidas de xestión aplicadas nos últimos anos xunto coas confrarías. O plan mantén ferramentas como as vedas, os límites de captura e o peso mínimo dun quilo por peza, e para a campaña 2026-2027 incorpora por primeira vez unha limitación específica da pesca accesoria. A actual campaña rematou o 1 de maio e deu paso a dous meses de veda biolóxica destinados a favorecer a reprodución.

Pesca ordenada

«A pesca ordenada é o único instrumento coherente para manter os recursos de polbo», sostén Salvande. A Consellería considera que o repunte de 2025-2026 confirma o acerto das medidas de xestión e defende o modelo de cogobernanza co sector. Pero os científicos piden prudencia á hora de interpretar unha serie que, pola propia bioloxía do polbo, presenta fortes oscilacións interanuais. González reclama campañas de monitorización cada ano para poder anticipar que condicións climáticas poden favorecer ou prexudicar a supervivencia das larvas.

En calquera caso, a xestión pesqueira e o cambio climático non son explicacións excluíntes. Unha actúa sobre a presión que soporta a poboación; o outro pode modificar as condicións nas que esa poboación se reproduce e sobrevive. Separar ambos os efectos é precisamente un dos problemas científicos que formula o descenso galego. Unha boa campaña pode ser consecuencia dunhas condicións ambientais favorables, dunha menor presión pesqueira ou de ambas as cousas á vez. Unha mala campaña pode responder igualmente a varios factores simultáneos.

No Reino Unido, ademais, o boom ten unha cara moito menos amable do que suxiren as imaxes de barcos cheos de polbos. O cefalópodo é un depredador moi eficaz e aliméntase, entre outras especies, de cangrexos, bogavantes e vieiras. Moitos pescadores británicos sinalan impactos negativos da explosión de polbos. De feito, o informe citado ao comezo desta información rexistra caídas de entre o 30 % e o 50 % nas taxas de captura dalgunhas desas especies durante 2025.

Paradoxos dun océano que se quenta

É un dos paradoxos dun océano que se quenta: que unha especie prospere non significa necesariamente que o ecosistema no seu conxunto estea mellor. O informe británico advirte de que unha proliferación tan rápida pode alterar as redes tróficas e ter consecuencias aínda difíciles de predicir. Os investigadores reclaman sistemas de alerta temperá capaces de detectar as condicións que preceden estes episodios e ferramentas para que as frotas poidan adaptarse.

Por agora, as nasas de Galicia e as do suroeste británico están contando historias aparentemente opostas. Nunhas faltou polbo; noutras sobrou. Aínda que ambas forman parte dunha mesma transformación: unhas augas nas que as condicións ambientais están cambiando e nas que as especies responden a eses cambios a ritmos diferentes e de formas distintas, tamén segundo o lugar no que habiten.

Talvez a cuestión non sexa onde se meteron os polbos galegos, porque o certo é que non fixeron as maletas para viaxar a Plymouth desde Cambados. A pregunta é que condicións atopará a próxima xeración de octópodos cando eclosione, e que nos dirá entón a súa abundancia ou a súa escaseza sobre o que realmente está a pasar no mar.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail