A propósito de Asturies

Teño sangue asturiano. Miña avoa paterna era alta, espigada, co rostro angulado coma unha corredora de fondo, orgullosa, valente e coidadora feroz, intransixente co seus sete netos. Especialmente coa única neta que tiña: eu. 

Como miña avoa Josefa puido ler en min o «xen queer» dende moi cedo é un misterio ao que levo dándolle voltas toda a vida. Dende que era unha nena pequena xogaba cos meus irmáns e curmáns coma se fose un neno máis. Era o que había, pois non había outras nenas. Nin que dicir ten que os xogos dos varóns eran divertidísimos. Pero cando á avoa Josefa — madriña, como a chamamos todos— me vía xogar coma un neno, insultábame con toda unha restra de vocabulario castelán con matiz cubano arxentino.

Moitas veces pregunteime se a violencia, o noxo, o desprezo e distancia insólita con que me tratara cando eu tiña só nove ou dez anos fora produto dos tempos que lle tocara vivir.

Ela fixera as Américas. Marchara cunha irmá para La Habana, ao comezo do século XX. Da irmá nunca soubemos nada. A madriña casou cun galego e volveu no ano 1935. Pero iso é outra historia. Nunca soubemos a vida que levou nas Américas, mais non debeu ser fácil para unha nena de quince anos. Moitas veces pregunteime se a violencia, o noxo, o desprezo e distancia insólita con que me tratara cando eu tiña só nove ou dez anos fora produto dos tempos que lle tocara vivir. Non lle recordo un cariño ou unha palabra bonita para min xamais. Pero hai nenos que son coma cans: aínda que lles dean paus, seguen lambendo os pés do amo. A madriña tiña unha presenza, unha forma de falar, unha estatura, un xeito para lanzarnos varas coma se fosen boomerangs, mentres corriamos asustados e rindo, que me facía querela aínda que ela só me dera covachadas.

Só recordo unha vez que tivo un xesto amoroso comigo. Foi cando topei cunha cobra no terreo que alugaban meus pais. A cobra sería pequeniña, pero eu era tamén moi pequeniña e o réptil pareceume unha anaconda. Quedei coma unha estatua e só puiden berrar e berrar chamando a madriña. Ela chegou correndo con aquelas pernas longas e osudas que calzaba, e mais cunha vara. Golpeou o réptil ata deixalo coma un felpudo. Agora penso que aquela vella non sabía como quererme. 

Moitos anos despois da súa morte, un curmán mostroume unhas fotos dela e da súa irmá, canda estaban na Habana. Non sei explicar o porqué, pero tiven a certeza de que súa irmá tamén levaba o «xen queer». Algo na mirada, algo na pose do seu corpo, algo no xesto da boca díxome que era ela, esa rapaza, a súa irmá pequena ou maior, a que fixera que miña avoa  me desprezara tanto. Pensei que seguro que na Habana dos anos 20, esa moza de aspecto independente comezara a vivir a súa vida como lle petara, esquecendo que nacera nunha aldea tan minúscula dunha montaña asturiana que nin sequera Google coñece. Pensei que talvez a miña presenza lle lembrara á miña avoa esa irmá que «se perdeu» nunha illa do Caribe. Pero quen sabe, ninguen o saberá nunca. Eu só tiro do fío dos recordos daquela nena á que lle zoscaban por xogar coma un neno.

Cando estes días lin sobre a malleira que uns macarras fascistas lle deron a dous rapaces por defender a «bandeira gay» en Asturias, pensei na miña avoa. Coas declaracións do alcalde de Oviedo, sentín rabia e unha vergoña feroz de ter sangue asturiano. Xa sei que, desafortunadamente, a homofobia e o odio sementado por Vox medran en calquera lugar. Pode ser nunha praza de Oviedo, onde os «machitos» basean a súa virilidade na cantidade de cabezas que poden rebentar, ou pode ser nunha cuneta.

O alcalde de Oviedo, Alfredo Canteli, tería que dimitir xa, por ignorante e por irresponsable ao minimizar a violencia

Noutras circunstancias daríame pena que estes «pseudohomes» vaian polo mundo crendo que son máis homes por dar patadas ao grito da «Arriba España». Quen educou estas criaturas violentas non lles arruinou só a súa vida, senón que puxo en perigo a vida de moitos. Cando esta xauría sexa xulgada habería que deseducalos para que poidan vivir nunha sociedade democrática onde todas as vidas contan. En canto ao alcalde de Oviedo, Alfredo Canteli, que ten 80 anos, tería que dimitir xa, por ignorante e por irresponsable ao minimizar a violencia, por non chamar a brutalidade fascista polo seu nome, por darlle ás ao terror. Dimita, señor Canteli, e, se pode, dedíquese a coidar e a educar con tolerancia os seus netos e netas. Non pense que ser avó é un traballo menor que ser alcalde.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail