Trátase de materias troncais optativas que puntúan para a selectividade e o acceso á universidade, pero que non van poder cursarse porque a Xunta non o aproba se hai menos de cinco alumnos matriculados nelas aínda que exista profesorado dispoñible nos centros
A Coruña.- A Xunta de Galicia denegou a varios institutos de ensino secundario (IES) de municipios rurais do país, e tamén a algún das cidades, a posibilidade de que poidan impartir presencialmente aos seus estudantes materias como Latín, Debuxo Técnico, Física, Historia da arte, Grego e Francés, se non hai polo menos cinco alumnos matriculados nelas e aínda que exista no centro profesorado dispoñible e disposto a facelo.
Trátase de materias optativas de segundo curso de Bacharelato que puntúan para a selectividade e para o acceso a graos como Dereito, Historia, Física, Matemáticas, Filoloxía, etcétera. Segundo a Confederación Intersindical Galega (CIG), os alumnos aos que se lles prive da posibilidade de cursalas terano máis difícil para acceder despois á carreira universitaria relacionada con elas na que desexen matricularse, o que representa, a xuízo do sindicato, unha evidente discriminación.
Os centros afectados son institutos de municipios rurais como Melide (A Coruña), Cangas (Pontevedra), Chantada e Becerrá (Lugo). Tamén algún da Coruña pode estar nesa situación. Con todo, é nas zonas rurais, segundo os sindicatos e a oposición galega, onde a Xunta máis recorta para aforrarse profesores, para forzar aos alumnos para irse a institutos doutras vilas máis grandes, e, así, baleirar os centros pequenos e poder pechalos, mentres aumenta o orzamento que destina aos colexios e institutos privados concertados.
A Xunta, pola súa banda, sostén que a medida «non ten que ver cos recursos existentes» e que «non é unha novidade», xa que mantén os mesmos criterios de anos anteriores sobre o mínimo de alumnos esixido para impartir unha materia, e que o sistema ofrece a posibilidade de que os estudantes cursen a materia desexada noutro centro ou por vía telemática.
O sistema educativo galego oferta aos mozos e mozas matriculadas en segundo de Bacharelato un itinerario dividido en catro ramas (Ciencias, Artes, Humanidades e Ciencias Sociais) que consta de materias troncais xenerais, materias troncais de opción das que deben elixir dúas, e materias específicas das que deben elixir entre dúas e tres, incluíndo unha materia do bloque das troncais que non cursasen.
O Diario Oficial de Galicia publicou o pasado 30 de xuño unha resolución da Consellería de Educación que, como en anos anteriores, establece «con carácter xeral» un mínimo de cinco estudantes para as materias troncais xenerais tanto en institutos urbanos como rurais, e de dez no ámbito urbano e cinco no rural cando as materias troncais se cursen como opción dentro do bloque das materias específicas optativas.
Segundo a CIG, a Xunta permitía ata o de agora que os institutos que o solicitasen puidesen ofertar esas materias con carácter excepcional, tal e como recolle a lei, aínda habendo menos de cinco alumnos rexistrados, cando os centros dispuxesen de profesorado con dispoñibilidade horaria. A inspección educativa, con todo, está a informar aos IES das zonas rurais que este ano non van aprobar as súas solicitudes.
«Isto provoca unha clara discriminación para o alumnado que se ve obrigado a escoller materias nas que non ten interese ou a matricularse das da súa modalidade a distancia», explica a CIG.
O sindicato lembra que son materias que os estudantes queren cursar «porque ponderan para determinados graos universitarios», e advirte de que a Xunta tamén quere limitar as materias para impartir en cidades como A Coruña e Lugo, nunha tendencia destinada «a ver cada vez máis reducida a demanda de determinadas especialidades».
Por iso, reclaman á Xunta que permita cursar sempre as materias troncais con independencia do número de alumnos e do profesorado do centro «cubrindo todas as necesidades».
«Isto non é unha novidade», aseguran fontes da Consellería de Cultura, Educación e Universidades, que aseguran que este curso mantivéronse «os mesmos criterios» de exercicios anteriores. «Trátase dunhas instrucións de organización que tamén se fan noutras comunidades autónomas, mesmo con criterios máis estritos (con mínimos de ata quice alumnos). Por tanto, non ten que ver cos recursos existentes», indican.
«Ademais de ter criterios diferenciados para o rural e as zonas urbanas, co obxectivo de facilitar a creación de grupos na primeira, a inspección educativa analiza caso a caso para ver a posibilidade ou non de implantar esa materias, incluso facendo excepcións», engaden fontes do departamento de Educación, que dirixe o conselleiro Román Rodríguez, que con todo non expuxeron a súa versión fronte ao argumento da CIG de que este ano non se está facendo ningunha das excepcións que contempla a lei.
Os sindicatos e a oposición levan anos alertando da progresiva deterioración da calidade do ensino público en Galicia, onde se pecharon máis do 10% dos centros educativos desde que Feijóo é presidente. Segundo Comisións Obreiras, este ano reducíronse 116 unidades en educación infantil e primaria con respecto ao curso anterior e outras 445 en secundaria.
Pola súa banda, a Federación de Asociacións de Nais e Pais de Galicia reclamou á Xunta que manteña os protocolos sanitarios contra a epidemia de covid, que establecían unha distancia entre pupitres de 1,5 metros que a Xunta rebaixou este ano a 1,2 metros.
Segundo a Federación, iso significa un aumento do número de alumnos por aula.
As ANPAS reclaman á Xunta de Galicia que manteña os reforzos de profesorado que houbo durante o curso pasado, así como as medidas e protocolos sanitarios. A Federación Provincial de ANPAS reclama que non se reduza a distancia entre pupitres e que, en consecuencia, aumente a a cociente de alumnos por aula, xa que iso derivará nunha nova diminución do profesorado.