De enerxía renovable a motor de despoboamento e expropiacións masivas no campo. A enerxía eólica producida no Noroeste está nun auxe de beneficios que non distingue de habitantes, humanos ou animais, nin de redistribución de ganancias. Veciñanza, economistas e activistas do ecosistema demandan dotar a cidadanía de máis ferramentas de participación na evolución dunhas explotacións que xa atravesan a comunidade por millares nos seus catro puntos cardinais.
Hai en Galicia un mapa do medo. Un mapa enxertado de sensibilidades, de fotografías, avisos e alarmas, chamadas e publicacións en redes sociais. Unha cartografía construída pola xente que habita ou goza dos espazos naturais. Este conxunto de lugares sensibles, en Galicia, teme, como aquel David, as pisadas do xigante Goliath. En realidade, son varios Goliath en forma de torres de preto de douscentos metros de altura que duplican en casos as montañas. Para facerse unha idea, é como erguer dous campos de fútbol e poñer no cumio un muíño de aspas.
A enerxía eólica é dende os anos 1990 un dos bens máis prezados en Galicia, tanto que é obxecto de cobiza de empresas chegadas, incluso, dende Noruega. Empresas de capital público con funcionamento privado saídas dun chamado «modelo mixto» –aquela famosa «Terceira Vía» do selo de Tony Blair– que veriamos máis adiante en España coa privatización da empresa pública de enerxía Endesa. Se un olla o noso mapa dende moi arriba, dende un avión, por exemplo, rumbo a Oslo, verá que a xeografía do país está inzada de centenares de puntos xiratorios, algúns máis concentrados e outros máis esparexidos, pero cun impacto ambiental profundo para a xente e o ecosistema das zonas onde se instalan. Interrupción da vida cotiá da xente do común polos ruídos, expropiacións e imposibilidade de venda de fincas debido á amplitude dos parques eólicos, mortes constantes de paxaros e demais fauna do aire, tamén morcegos, aos que as torres cortan as súas rutas de voo. Son algunhas das problemáticas que denuncian dende as asociacións de veciños, o mundo da economía e os activistas do medio ambiente.
Galicia ten, con datos de 2019, 4.026 aeroxeradores, cunha facturación estimada de case 700 millóns de euros, segundo os datos de 2017 distribuídos polo Observatorio Eólico de Galicia. A historia de amor entre as grandes empresas eléctricas e unha terra provedora de enerxía para fóra dela, comezou o seu valse nos anos 1995 e 1996 co Proxecto de Ordenamento Eólico da Comunidade Autónoma de Galicia, máis coñecido co nome de Plan Eólico Estratéxico de Galicia, o comezo desta historia. Ollando a gráfica de beneficios millonarios que ofrece o Observatorio, a Grande Crise de 2008 non produciu nin unha leve oscilación na escala ascendente das ganancias, hoxe multiplicadas. A conivencia entre Administración pública, neste caso a Xunta de Galicia, e o oligopolio eléctrico queda reflectida na vontade do lexislador, no reverso dunha lei chave, para entender a implantación eólica nos catro puntos cardinais da Comunidade autónoma: a Lei 5/2017, de 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia. Esta lexislación acelerou os procesos de licenza para a implantación de novos parques eólicos, eliminando tempos que servían –no caso das partes afectadas, a veciñanza e as asociacións– para preparar alegacións ao respecto, ademais de suprimir a obrigatoriedade de xustificar os procesos de expropiación das terras debido á «utilidade pública» dos parques eólicos, co cal aumentaron uns procesos de expropiación que se inician ao mesmo tempo que se negocia coa veciñanza, unha conta atrás que dispara o mapa do medo.
Un xeito de negociación, sinala Lucía Anido, membro da Asociación pola Defensa Ecolóxica de Galicia, que pon a espada de Damocles enriba dunha veciñanza cuxas terras son pasto para eólicos: «É un modelo totalmente malévolo, o oligopolio enerxético vai coa utilidade pública por bandeira. Se os propietarios non están de acordo, non queren ceder eses terreos, exprópianllos coa utilidade pública na man». Concorda nisto a avogada Ana Varela. Varela é parte da Asociación Petón do Lobo, agrupación que denunciou a finais de abril deste ano a implantación do complexo eólico Nesa Monte Arca, de Gamesa, no concello da Estrada. Varela denuncia a realización dunha «fragmentación artificiosa» do parque, consistente en dividir o que é un macroparque eólico en pequenas parcelas para ir licitándoas unha a unha, evitando así declaracións de impacto ambiental que, no caso de realizalas polo parque no seu conxunto, serían valoradas moi negativamente. Ademais, segundo a lexislación, os parques de menos de 50 MW de potencia non pasan o filtro máis esixente do Goberno central, do Ministerio para a Transición Ecolóxica, polo que quedan beneficiados da «rapidez administrativa» da Xunta: «Por parques eólicos temos que entender muíño, subestación e liña de evacuación. Están fragmentando os parques en distintos proxectos. Hai que someter o conxunto do proxecto a avaliación ambiental, aínda que logo se execute por partes. Vemos que se fraccionan e someten a exposición pública de xeito segmentado, case por entregas, polo que só vemos unha parte dos impactos. Hoxe sae unha cousa, mañá outra, e iso dificulta a nosa resposta como parte afectada», denuncia Varela, que alerta sobre unha técnica que non só permite ás empresas colocar máis eólicos, senón nas que por parte da acción do lexislador –a Xunta– xogan con vantaxe debido aos mencionados rápidos prazos administrativos. A maquinaria legal de Goliath contra a de David. «Por exemplo, hoxe sae no DOG a declaración de impacto ambiental dun proxecto eólico no Irixo, Ourense.
Alí xa vemos como é un proxecto fraccionado, dividido artificiosamente, só se valoran as infraestruturas, os muíños, pero non se valoran as infraestruturas que comparten con outros dous parques. A eses efectos ambientais non se lles fixo avaliación, só se estudou unha parte. Isto sérvelles para diluír os impactos ambientais das infraestruturas, é unha vulneración dos dereitos da cidadanía a coñecer aquilo que lle pode afectar. Hai tres parques no mesmo monte, empregando incluso infraestruturas de parques que aínda están en tramitación. Isto é un fraude». Varela destaca a opacidade da Administración incluso no que atinxe ao contido da propia normativa eólica en Galicia, cun Plan Sectorial Eólico de 1997. Unha planificación «obsoleta», en palabras da letrada, que foi reformada en 2002, mais nunca foi sometida a avaliación ambiental estratéxica e que «nunca se chegou a publicar», sostén. «Publicouse o anuncio pero o texto íntegro non aparece no DOG. A Constitución Española obriga á publicidade das normas, é un principio básico do sistema democrático. Se hoxe queres consultar ese plan non o atopas en ningún boletín. Todos os instrumentos de ordenación do territorio teñen que aparecer integramente no DOG».
Nomes como Greenalia ou Statkraft, entre outros moitos, xa son comúns nos papeis de alegacións de numerosos colectivos como o que pertence Ana. No caso da primeira, Beatriz Mato, exconselleira de Medio Ambiente, é a actual Directora de Desenvolvemento Corporativo e de Sostibilidade da marca; polas súas mans –concretamente pola Directora Xeral de Medio Ambiente, nomeada por Mato– pasaron 5 proxectos da compañía. A enerxía producida nestes muíños, ao contrario que as perdas e estragos, non é repartida polos habitantes que soportan estes parques. Galicia é, segundo Red Eléctrica, a segunda comunidade, por detrás de Castela e León (a comunidade con maior superficie do Estado), que máis enerxía eólica xera, aportando un 75,6% da enerxía renovable española en 2020, cun aumento do 14,5% respecto do ano anterior. «A xente atópase desamparada. Os trámites teñen un prazo e os prazos corren. Que pode ocorrer? Hai exposición pública, hai alegacións, se non aceptas coas boas, aparece a expropiación. Dá a sensación que o único que importa é unha actividade produtivista da Administración pública, cando a Administración está para defender os intereses dos cidadáns», denuncia Rosa Regueiro, profesora de Economía Aplicada na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela.
A experta, autora de libros como A propiedade do vento galego (Laiovento, 2011), recalca a necesidade da enerxía eólica como motor económico sostible, mais tamén resalta a necesidade dunha política ambiental xusta e digna para a xente do común en Galicia: «Sería posible se deseñamos unha política enerxética integral e global que incorpore a todos os axentes implicados. Unha das partes máis afectadas e prexudicadas é a veciñanza. Parte deles son propietarios dos terreos onde se instalan parques eólicos, terreos tratados en réxime de alugueiro, normalmente. O alugueiro non é igual en toda a zona afectada, onde está o aeroxerador a parte é máis cara, a medida que nos afastamos a renda é menor. Se nunha finca caen tres aeroxeradores a renda é máis alta, se non ten ningún, é baixísima. Os donos do terreo teñen que estar máis presentes neste tipo de negocio». A economista pon o foco en modelos con máis experiencia, iniciados na década de 1970 en países como Dinamarca, Alemaña ou Francia, onde «os veciños entran a formar parte, se queren, como socios na empresa», explica Regueiro, «non é só que teñas un terreo alugado, senón que tamén es accionista desa empresa. Falamos de parques eólicos de dimensión máis reducidas, cun aeroxerador que dá servizo a unha parroquia». Ademais de mellores condicións para a xente cuxo concello acolle os muíños, a profesora e investigadora demanda un modelo económico de máis proximidade, onde a enerxía recollida repercuta e beneficie onde se asenta: «temos unha normativa europea en aplicación coa Axenda 2030 de Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, alí está explícita a potenciación das renovables en coordinación coa sostibilidade ambiental e o benestar. Non podemos instalar un parque eólico destruíndo zonas protexidas da Rede Natura». Comenta Regueiro que en Dinamarca, «o que sería aquí unha parroquia pode instalar un aeroxerador de circuíto pechado, que abastece a todas as casas dun territorio». Cando o fixo aquel país, expón, levou a cabo «unha planificación ben pensada, as empresas non perderon cartos. Isto é como cando se falou do imposto ao sol. A cuestión é que aquí se queres ter unha instalación propia tes que pagar imposto por contaminación e poñen dificultades para o abastecemento local. Creo que están a escorar a planificación en beneficio dunha parte do sistema, que é o mercado eléctrico, que sabemos que son un lobby».
Carlos Garrido coñece ben as montañas de Trevinca, é presidente do Club Peña Trevinca de Montañeiros de Galicia. O deportista, que cultiva unha paixón de pasos, vistas gloriosas de vales e ríos, de animais e ceos, combate tamén na terra pola conservación dun lugar para habitar e visitar, un lugar recoñecible: «Que este proxecto se paralice non significa que durmamos tranquilos, parece que hai ‘terras raras’, polo que poden entrar tamén coa minería, un lugar pegado á serra da Olla, que debería ser parque natural». Garrido fala da desestimación por parte da Xunta de Galicia do proxecto de construción dun parque eólico na Serra do Eixe, nun dos cumios do noroeste peninsular. É unha das moitas testemuñas da proliferación masiva nestes últimos anos de parques eólicos por todo o territorio galego: «O que fan é construír un montón de pistas, coa destrución da paisaxe, afectando a fauna e a flora, que son das cousas das que podemos sentir fachenda. Cada vez máis xente vén gozar dos espazos naturais, queremos ofrecer zonas onde camiñar, onde escapar dos eucaliptais. Cando vas a serras máis altas, xa sen eucaliptos… está o perigo de que topes cunha paisaxe só eólica». Carlos é presidente dunha das moitas asociacións –de montañismo, de preservación da natureza, veciñais– que crearon entre si múltiples redes de axuda e resposta ás agresións medioambientais que a creación destes parques podía ocasionar na comunidade.
Un xeito de traballar organizado e común que reivindican, dende Corme, na Costa da Morte, veciños como Sol Mariño e Suso Lista. Mariño, parte do colectivo Xente do Rural, reclama máis mobilización por parte da cidadanía afectada, vilas e pobos que «só soubemos de que instalan o parque cando vemos que traen as pezas», denuncia: «Hai un silencio tremendo nisto, impresiona. Lindando co esteiro de Anllóns están proxectando facer outro parque. A xente non coñece o que se vai facer, coñecen a desfeita unha vez realizada. Saben só os que teñen terreo alá e lle van pedir os permisos para abrir pistas ou poñer os aparatos. A xente non ten ningún papel de participación, só contemplamos». Mariño denuncia as prácticas de empresas como EDP en Corme: «Asfaltaron con cemento algunhas das pistas coas que se chega alí. Preguntámoslle ao SEPRONA se era posible botar cemento á Rede Natura, e dixéronnos que, en teoría non, pero que lles deron permiso para levar os camións. Outro dos que puxeron está no pozo da Lagoa, nun humidal. Chantaron unha metade da lagoa coa zapata dos eólicos». Unha das características deste tipo de empresas é o seu procedemento, sostén a veciñanza, opaco e divisorio, prometendo «a cada veciño unha cousa, máis ou menos cantidade de diñeiro», explica Suso Lista, «esta xente (as empresas eólicas) chega á vila e a cambio de dous ou catro euros teñen esas terras. Moitos dos veciños nin sabían que alí tiñan terreos. En base á dicirlle ao veciño que lle ían dar 30 euros e ao outro 15 e o «non digas nada ao teu veciño». O normal sería que os veciños se unisen para coller beneficios en común». Unha división e illamento que provoca enfrontamentos e discusións na poboación, mal pagada respecto dos estándares europeos. A táctica destas empresas vai moito máis alá, denuncia o veciño de Corme, con alcaldes «facendo campaña» polas mesmas empresas que colocan decenas de aeroxeradores nunha vila onde a súa xente ten que «empregar butano para poder ter unha calefacción mínima», sen capacidade de pagar a factura da luz: «non nos podemos permitir pagar electricidade pero estamos rodeados de eólicos. Somos xente de lámpadas de araña de 6 bombillas e están desenroscadas 3 ou 4», confesa; Lista resume a reacción que atopa na veciñanza cunha anécdota da súa xuventude: «cando tiña 25 anos fun bombeiro forestal, unha vez apagando o lume vin que había xente doutra parroquia, e pedímoslles que baixaran axudar, e non quixeron vir porque non ardía o deles. O lume era tanto que correu e logo eles comezaron berrar porque o lume xa lles estaba tocando».
A diferenza de rapidez da Administración galega coa febre eólica difire moito da lentitude administrativa que exerce cara a proxectos de economía de proximidade, local e sostible. O modelo eólico abre, tamén, o debate do tipo de economía para a Galicia do futuro. Fani Elexpuru e tres mulleres vidas da educación e do asociacionismo pechan nestes días, –«desafiuzadas», denuncia Fani– o proxecto «Carabel das cabras», en Corme, no lugar de Candelago. Con Carabel das Cabras «metemos o pé no lugar de Candelago en 2017, un sitio onde só queda un habitante, Jose, que vai todos os días a coidar da casa familiar», destaca a gandeira, «dende aquela ata agora estivemos xestionando un rabaño de cabra galega, raza autóctona en perigo de extinción, un traballo de recuperación de terras en estado de abandono. Xestionamos un lugar de horta ecolóxica de autoconsumo como espazo pedagóxico e venda local. A nosa intención era seguir un modelo de economía pechado e circular. Todo iso cunha base pedagóxica moi forte». O proxecto, agora en extinción, tivo, segundo apunta Fani, «todo tipo de atrancos» da administración para prosperar: lentitude burocrática, axudas municipais que non chegan e, denuncia a gandeira, «nós tiñamos que explicar paso por paso como iamos traballar nesas terras de protección coas nosas cabras mentres os parques eólicos danan todos os lindes coa Rede Natura», denuncia. A alternativa de Fani e as súas compañeiras, que agardan continuar con outros proxectos, abre o debate entre unha Galicia popular de economía circular, autoxestionada, ou a Galicia da voadura e a expropiación, a que remata, din activistas, economistas e veciñanza, por baleirar e despoboar o país.