Tantos puntos de luz

Un tramo escuro merece un punto de luz. Calquera corporación municipal é consciente. Aquí os puntos de luz úsanse para hipnotizar. Hai veciños que andan por aí cegados. Porque en Galicia a luz é importante. Non temos ese sol canario tan permanente.  Quedan aínda moitos camiños escuros que iluminar, sobre todo nas parroquias. E, do mesmo xeito que a principios do verán comezan a agromar as carpas sementadas polos concelleiros de cultura, as bombillas están programadas para empezar a fundirse meses antes dunhas eleccións municipais. Obsolescencia electoral.

A nosa luz natural é poderosa, fermosa e breve. Non hai baixón de tensión que nos deprima. Se non vemos, se camiñamos mentres apalpamos a parede, reclamamos puntos de luz nos despachos da alcaldía. Ás veces veñen soas, como as das festas patronais, algún entroido, un evento da asociación de comerciantes, o Nadal. No Nadal vemos mellor ca nunca. En Vigo, por exemplo, que adiantan o inverno sen pasar por sesión plenaria, levan un tempo encandeados polas luces. Non lles extrañe que o agosto do ano que vén, os vendedores de parisién e patatillas da praia de Samil sexan obrigados a vestir de Papá Noel.

Thomas Edison, que algo de bombillas sabía, dixo un día: «Non existe un recurso ao que o home non vaia para evitar o traballo de pensar»

As bombillas de Abel Caballero converten á cidade galega da vangarda nun novo meme. Porque Abel domina o sketch. De ser un ministro cun dos expedientes académicos máis brillantes dos que se lle coñeza a un político en activo, pasou a dominar a caricatura. Unha estratexia eficaz coa que consegue o 51% por cento dos sufraxios. «Por algo será», deféndeno unha gran maioría. Incluso o meu fillo de nove anos quere votar por Abel. Tobogáns xigantes de auga. Millóns de bombillas intergalácticas. Dinosaurios de boj e coreografías de bailes de moda. El votaría polo Capitán América, polo pai de Pepa Pig, pero ten un personaxe máis divertido a quince quilómetros (Hugo é habitante da área metropolitana, ese atrio). É lóxico.  

De Abel non se coñecen os puntos débiles. Para inaugurar a nova cancha dun pavillón polideportivo, Abel Caballero collía do chan a pelota de baloncesto. Diante dos gráficos, lanzaba a canasta fallando o primeiro e o segundo tiros. Ningún outro político pasaría de aí. Non encestar en público logo de varios intentos debilita emocionalmente. A min pasábame no patio durante os recreos, cando Cristinita estaba mirando dende as gradas coas amigas. Pero Caballero probaría sorte tirando ata sete veces. Co sétimo tiro, a pelota entraba. Ao día seguinte, a foto dos xornais era a do alcalde encestando.  Ninguén sabería nunca desa debilidade. Todo en Abel ten que ser de luz.

Existe unha teoría que di que a Santa Compaña deixou de aparecer cando chegou a luz eléctrica. A luz como arma para escorrentar pantasmas, neste caso, funcionou. En Galicia, os puntos de luz son seres vivos e votan. Thomas Edison, que algo de bombillas sabía, dixo un día: «Non existe un recurso ao que o home non vaia para evitar o traballo de pensar». Pero Edison vota en Ohio.  

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail