Galicia, a comunidade que máis arde mentres a Xunta renuncia a protexer con Rede Natura o 88% do territorio

A Coruña.- Galicia é a comunidade española máis afectada desde hai anos polos incendios forestais, tamén pola onda deste agosto que está a arrasar os montes de varias comunidades. Pero, paradoxalmente, trátase do territorio con menos superficie incluída na Rede Natura 2000, o catálogo da Unión Europea de áreas de conservación da biodiversidade que obriga ao Estado, a través das comunidades autónomas, a declarar figuras de protección legal destinadas a coidar os ecosistemas animais e vexetais.

Aínda que a directiva europea que as regula non establece medidas específicas contra os incendios, si estipula que as administracións de cada país membro competentes nos seus respectivos territorios deben lexislar outras fundamentais para combatelos: a xestión forestal preventiva –clareos, devasa e eliminación de biomasa nos bosques–; as restricións de usos do lume en épocas de risco; o mantemento e fomento de usos agrícolas e gandeiros tradicionais que axuden a reducir a carga de combustible, programas de reconstrución tras as catástrofes…

O directiva hábitat da UE, aprobada no ano 1992 e que España traspuxo á súa lexislación interna en 1995, obriga aos estados membros a identificar e designar, baixo criterios científicos obxectivos, zonas especiais de conservación (ZEC) de especies animais e vexetais e a propoñer lugares de interese comunitario (LIC) –que poden posteriormente ser declarados ZEC–, así como zonas de especial protección das aves (ZEPA). Eses espazos compoñen a Rede Natura europea, que xa ocupa ao redor do 18% de todo a superficie da Unión e máis do 28% da de España. Segundo o último listado do Ministerio para a Transición Ecolóxica, todas as comunidades autónomas teñen máis do 20% da súa extensión baixo ese paraugas, con Canarias (49%); Madrid (40%) e País Valencià (39%) á cabeza. Todas, menos unha: Galicia non chega ao 13%.

Desprotección do territorio

«Hai unha absoluta desprotección do territorio porque a Xunta non o entende como un hábitat ou un ecosistema, senón como un recurso que explotar para obter diñeiro», sostén Manoel Santos, zoólogo e coordinador de mobilización de Greenpece Galicia. «Non é que a Rede Natura non poida arder, de feito arde porque, ademais, aquí está mal xestionada e a declaración é máis un título nobiliario que outra cousa. Pero o feito de que sexamos a comunidade do Estado con menos superficie nela si demostra a relevancia que lle dá a Xunta á protección da natureza», engade.

Santos lembra que a Comisión Europea abriulle a España dous expedientes de infracción non só pola reducida porcentaxe de territorio que a Xunta incluíu en Rede Natura, senón porque considera que o seu plan director –único para todos os espazos protexidos, con independencia das súas características particulares– é insuficiente para garantir o cumprimento dos obxectivos de protección para os que supostamente foron creados.

Mapa da Rede Natura en Galicia / Imaxe: Xunta

Con datos provisionais, e coa vaga de incendios aínda en plena actividade, das máis de 350.000 hectáreas que segundo o sistema Copernicus –o programa europeo de observación espacial da Terra– arderon ata o de agora nos lumes das dúas últimas semanas en España, Galicia acumularía preto de 68.000 hectáreas. Iso sitúaa á cabeza das comunidades máis afectadas en relación ao total do seu territorio, unha posición que ocupa desde hai decenios. Segundo un estudo do portal Civio, historicamente foi a máis danada polo lume: desde 1983 ata 2016 concentrou un de cada cinco grandes sinistros ocorridos no Estado –foron máis de medio millón nese período– e preto de 1,8 millóns de hectáreas calcinadas. A superficie total de Galicia non chega aos 30.000 quilómetros cadrados. A seguinte na lista, con 1,3 millóns de hectáreas afectadas polo lume entre 1983 e 2016 é Castela e León, que ten máis de 94.000 quilómetros cadrados de superficie.

Escaso interese pola protección ambiental

Xabier Vázquez Pumariño, biólogo e ornitólogo e experto en Rede Natura, tamén advirte de que esta non está pensada para combater os incendios nin, na práctica, impide o desenvolvemento normal de actividades económicas que xa se estivesen levando a cabo nas zonas que ampara. Pero alerta de que a pasividade da Xunta para incluír nela espazos que obxectiva e cientificamente merecerían esa declaración, así como a protección que conleva, revela «o escaso interese» do Executivo galego actual e dos que o precederon «por unha política de protección ambiental garantista».

«Hai unha absoluta desprotección do territorio porque a Xunta non o entende como un hábitat ou un ecosistema, senón como un recurso que explotar para obter diñeiro»

Vázquez Pumariño sostén que a primeira configuración previa da Rede Natura en Galicia estivo «mal deseñada», e que, durante finais da década dos 90 e principios dos anos 2000, os gobernos de Manuel Fraga limitáronse «a cubrir o expediente para dicir que cumpriran coa Unión Europea», sen que existise un interese real en protexer efectivamente o territorio e os seus ecosistemas. O científico asegura que a estratexia de non recoñecer con figuras legais protectoras o patrimonio ecolóxico de Galicia, mesmo de deostalas para que a cidadanía do medio rural as haxa acabo por entender como un obstáculo á súa actividade, non só non variou desde entón, senón que se agravou como instrumento para achandar o terreo a proxectos industriais como a explotación do eucalipto ou os parque eólicos.

Segundo os últimos datos oficiais da Xunta aos que tivo acceso Luzes-Público, Galicia conta con 537.416 hectáreas en Rede Natura a través de 59 ZEC e 16 ZEPA. País Valencià, con máis de 6.000 quilómetros cadrados menos de superficie, ten, respectivamente 97 e 40 zonas de protección, que suman case un millón de hectáreas. Luzes-Público diario pediu á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta unha valoración sobre a comparativa da superficie en Rede Natura de Galicia con respecto ao resto de comunidades autónomas do Estado e o conxunto da UE. Tamén sobre se considera ou non que a ausencia das medidas de protección e conservación que acompañan a esa declaración poden ser un factor causante ou agravante dos incendios forestais en espazos que deberían ser protexidos. Á hora na que se terminou de escribir este artigo, o departamento que dirixe a conselleira Ángeles Vázquez non ofrecera resposta.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail