A Consellería de Educación elimina para o curso que vén outras 109 aulas de infantil, primaria e especial con ao redor de 150 docentes, e segundo a CIG proxecta un novo recorte «sen precedentes» no profesorado de secundaria
A Coruña.- A Xunta de Galicia leva pechados 138 centros públicos de ensino desde que Alberto Núñez Feijóo accedeu ao poder no ano 2009. É dicir o 11% -máis de un de cada dez- dos que existían na comunidade cando gañou as eleccións autonómicas de abril dese ano. Nos seus máis de doce anos no poder, o orzamento de educación reduciuse en 113 millóns de euros.
Cando Feijóo gañou as eleccións no ano 2009, Galicia contaba con 1.220 centros escolares de titularidade pública. No 2020, segundo os últimos datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), quedan 1.082. No 2009, o orzamento da última Xunta bipartita de PSOE e BNG ascendía a 2.432 millóns de euros, que representarían hoxe, actualizando a cifra según o índice de prezos ao consumo, 2.811 millóns. Para o 2021, o orzamento da Consellería de Cultura, Educación e Universidades, que dirixe Román Rodríguez, non chega aos 2.700 millóns de euros. Un 4% menos despois de 22 anos de Goberno nos que, con todo, Feijóo nunca deixou de erixirse en defensor da educación pública, e nos que o seu aparello de propaganda segue alimentando a falsa crenza de que foi aumentando ese investimento.
O certo é que o PP está a executar desde hai anos en Galicia unha estratexia continuada que está a derivar no desmantelamento e a depauperación da calidade do ensino público na comunidade.
O pasado mes de xullo, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o anuncio de peche doutros dous colexios púbicos. O de Pino de Val, en Mazaricos (A Coruña), e o de Baamonde, en Begonte (Lugo). Pouco despois, na primeira semana de agosto, o DOG anunciou a supresión doutras 127 aulas da oferta pública de educación infantil, primaria e especial para o curso 2021-2022 nunha trintena de centros de toda a comunidade. O DOG indicaba que só se crearán dezaoito novas aulas, o que lanza un saldo negativo de 109 unidades menos. Segundo a Confederación Intersindical Galega (CIG), maioritaria no sector, iso representará ao redor de 150 profesores menos que o exercicio precedente.
«Que todo isto se faga nun curso aínda en plena pandemia e con todas as incertezas, e que se faga sen ter en conta as necesidades do alumnado nin as do profesorado despois das dificultades e esforzos que pasaron, deixa ben ás claras a falta de sensibilidade da Xunta coa educación e co ensino público», sinala Diego Boquete, secretario de Acción Sindical e Comunicación da CIG-Ensino.
O día en que o DOG publicaba a modificación de unidades nos colexios públicos, cun saldo neto de 109 aulas menos, a Xunta sacaba unha nota de prensa na que aseguraba que mantería «máis unidades en infantil e en primaria que no curso anterior á pandemia»
A CIG alerta ademais de que este ano o Goberno de Feijóo vai executar «un recorte sen precedentes» no profesorado de educación secundaria non xa con respecto ao curso pasado, no que foi incrementado por mor da crise sanitaria, senón con respecto ao curso 2019-2020. Baséanse nun estudo que recolle as comunicacións que a Xunta remitiu ás direccións de varios institutos galegos sobre a cota de profesorado da que dispoñerán para o curso que se inicia en setembro.
Curiosamente, o día en que o Diario Oficial de Galicia publicaba a modificación de unidades e postos de traballo para docentes nos colexios públicos, e que recollía ese saldo neto de 109 aulas menos, a Xunta sacaba unha nota de prensa na que aseguraba, literalmente, que mantería «máis unidades en infantil e en primaria que no curso anterior á pandemia».
«Tentan enganar á opinión pública xogando coas cifras de aulas habilitadas o curso pasado porque se superaba o cociente de alumnos por aula legalmente establecido nas medidas de loita contra o covid-19, confundíndoas coas cifras de aulas reais do catálogo, que, repetimos, son 109 unidades menos», afirma Boquete.
O engano da Consellería, segundo a CIG, consistirá en seguir considerando aulas hábiles as que tiveron que ser duplicadas o ano pasado pola necesidade de rebaixar o número de alumnos polo aumento das distancias entre pupitres, e que na súa inmensa maioría non foron dotadas con máis profesores. «O PP demostra que para eles a educación é un gasto para cadrar e non un investimento», conclúe o sindicalista, que critica que a Xunta «siga xogando coas cocientes de alumnos para adornar as cifras dos recortes».
Para xustificar os peches de aulas e colexios, a Xunta alega no DOG que se executan «para adaptar a organización dos centros docentes ás necesidades efectivas da poboación escolar e ás esixencias duns cadros de persoal que incidan na atención á diversidade coa introdución de profesorado especialista e a mellora da súa oferta educativa». Pero esa redacción esconde os efectos prácticos que terá a medida sobre as familias e os alumnos e alumnas e afectadas. A supresión do centros de educación infantil e primaria (CEIP) de Baamonde aplicarase mediante a súa «integración» (sic) no CEIP Virxe do Corpiño, situado nun pobo a oito quilómetros de distancia. Pola súa banda, o alumnado do CEIP Piñeiro do Val de Mazaricos terá que desprazarse ao da Picota, a seis quilómetros.
Mazaricos e Begonte son dous municipios interiores gravemente afectados pola crise demográfica e o envellecemento da poboación, un argumento que a Xunta vén empregando desde hai anos de maneira recorrente para xustificar a supresión de servizos públicos esenciais en zonas rurais. En resumo: «Non hai alumnos», vén dicir a Xunta. Pero si os hai. Entre 2013 e 2020,o período máis amplo no que o IGE ofrece datos de matriculacións segregados por municipios, o alumnado en infantil e primaria en Mazaricos caeu en 43 matrículas -de 231 a 187-. En Begonte perdéronse 23 -pasou de 113 a noventa-. Xustifica esa caída pechar eses centros? Globalmente o argumento demográfico aínda é máis falaz. No 2009, cando Feijóo chegou á Xunta, había en Galicia 263.587 alumnos matriculados en centros públicos de ensinos non universitarios. No 2020 eran 284.331. Un 8% máis.
Luzes-Público preguntou ao departamento de Educación do Goberno autonómico polas cifras reais de recortes de aulas e profesorado para o ano que vén, pero a Consellería reitera as da nota de prensa da pasada semana. Tamén reclamou información sobre a evolución do investimento en educación concertada durante os mandatos de Feijóo, pero a Consellería remitiuse ao seu informe Datos e cifras do ensino non universitario 2020-2021, no que aparecen as cifras de alumnado, pero non as de financiamento dos centros privados concertados. Segundo La Voz de Galicia, representou o 10% do orzamento de Educación do ano 2018. Tampouco quixo a Xunta valorar as críticas polos peches de aulas e colexios.