As mariscadoras galegas patrullan os areais en busca de «furtivos de bañador»

A extracción de marisco ilegal repítese cada ano coa chegada do turismo. As traballadoras do mar vixían por quendas as praias para reverter un problema que se incrementa en vacacións pero que está presente todo o ano.

Contan as mariscadoras que é fácil identificar ao furtivo de bañador. Adoitan pasear polas praias con cubos de auga e extraen o marisco cando a marea está baixa. Os prismáticos das traballadoras identifícaos de lonxe e coa intención de que devolva a ameixa ou o berberecho ao mar, achéganse ao bañista e explícanlle o contexto. A típica resposta: «O mar é de todos (…)». As mulleres recoñecen que se di menos co tempo e é sen dúbida polo traballo de concienciación: «(…) pero sementámolo as mariscadoras», rematan elas.

Pontevedra é a segunda provincia de Galicia que máis creceu en número de visitantes o ano pasado. A estancia media creceu un 11,6% en 2019 e as praias das Rías Baixas cárganse na época estival. As perdas no sector pesqueiro que ocasionou o parón pola pandemia están a recuperarse polo turismo en zonas como Arousa e a posta en marcha da hostalería. Tanto o turismo interior como exterior que chega á costa galega quere alimentos do mar e os pratos típicos da comunidade, pero as extractoras de moluscos non o teñen tan fácil.

[Puedes seguir leyendo este artículo en castellano aquí]

Desde o inicio do confinamento A Illa tramitou 36 expedientes sancionadores. «Por máis información que se dá, por máis carteis que se poñen, a xente non atende a razóns», conta a presidenta da Organización de Produtores (OPP-20) da Illa, Mari Carmen Dios. Explica que «por desgraza» os furtivos de bañador pertencen na súa maioría ao territorio galego. Cando se aproximan as vixiantes da praia -agora mantendo as distancias de seguridade- para explicarlles que esa acción é ilegal, moitas persoas lles insultan e se fan «as tolas», e outras responden afablemente e devolven os moluscos á auga.

Por que non se pode recoller marisco nas praias? Aínda que o mar non teña dono, a Consellería do Mar obriga a rexistrarse como traballadora para obter unha licenza. As mariscadoras teñen que achegar unha cota de semente que alcanza os 600 euros ao ano, xa que o produto nace porque o plantan. O marisqueo a pé é compatible cos bañistas, pero «con respecto», piden as mulleres do mar. Pola contra, a persoa que escarva e extrae ameixas da beira e as garda no peto estaría a cometer unha infracción, con multas que poden ir desde os 300 a 6.000 euros.

Para paliar o problema, as Confrarías e as mariscadoras fan quendas de vixilancia pola mañá e pola noite, podendo saír ata 70 mulleres diarias a percorrer os bancos pesqueiros. Elas non cobran por vixiar os areais, pero está en xogo o seu traballo e o diñeiro que poden conseguir ao día seguinte na lonxa. Divídense por quendas e aínda que non teñan potestade xurídica para sancionar procuran realizar un labor de concienciación. Son os vixiantes das Confrarías os que poden multar, na súa maioría subvencionados pola Xunta de Galicia.

A vicepatrona maior da Confraría de Pescadores de Carril, Rita Vidal, alega que ademais dos impostos, as mariscadoras teñen que cumprir cunha serie de normas ao longo do ano para poder renovar o seu permiso de extracción. Por exemplo, a limpeza das algas. «Para non molestar aos bañistas imos ás cinco da mañá ou á medianoite. As vixilancias non son remuneradas nin as limpezas, e en xuño, xullo e agosto multiplícanse as gardas. Pásaste a semana extraendo, limpando e vixiando as fins de semana e os festivos», engade.

Como consecuencia, as traballadoras non teñen vacacións, debido a que algunhas non pararon de exercer durante a covid-19. En pleno agosto, coa calor e as máscaras, traballar e pasear polas praias nas horas máis altas de temperatura «é unha tortura», conta a presidenta da OPP-20. «Estás a desexar que acabe o verán, pero doutra banda queres gozar da temperatura e do bo tempo». Durante estes días xa viron de todo: piraguas pintadas coa cor da area con persoas escondidas dentro, pais cos cubos de praia dos seus fillos facéndose os descoidados, anuncios de venda ilegal de marisco en Facebook…

Os furtivos de bañador adoitan levar poucos moluscos para consumo propio, sobre un ou dous quilogramos, pero a cantidade increméntase notablemente se os miles de persoas que percorren diariamente os areais das Rías Baixas fan o mesmo. «Cando unha señora escarva na area para recoller ao ser vivo está a molestalo. Coa calor xa sofre», segue Mari Carmen Dios. Así mesmo, estes moluscos teñen que pasar por un proceso de limpeza e depuración xa que poden resultar prexudiciais para a saúde. «Hai que preguntar aos que collen o marisco se lles gustaría que xogasen co seu posto de traballo. É a análise que teñen que facer. Non se esconden, non están pendentes», proseguen as mariscadoras.

O furtivo «de negocio»

Así o define a patroa da Confraría de Lourizán (Pontevedra), Mari Carmen Vázquez. Neste banco pesqueiro non hai praia, de maneira que os turistas nin se asoman. Con todo, si que existen furtivos todo o ano que, en lugar de levar un par de quilos no verán, extraen toneladas para vender ilegalmente en calquera época. É un furtivismo organizado que comezou hai anos con individuos que roubaban para consumo propio e que creceu ata o día de hoxe. Nestes casos, as perdas económicas que lles pode supoñer ás traballadoras son moito maiores que as dos furtivos de bañador.

As mariscadoras corrían tras deles. Aumentaron a dotación de vixilancia, compraron prismáticos de visión nocturna e puxéronse en contacto coa policía para que houbese coordinación. O mar é grande e moitas veces cando chegan xa non están ou permanecen escondidos debaixo da auga. Pola súa banda, Vázquez explica que quen patrulla agora en Lourizán son integrantes da Confraría e non as mariscadoras. «Sempre me neguei a que elas fosen facer os controis, non son vixiantes e teñen que levar un punto de apoio», menciona. «Temos todas as de perder».

Nas Rías Altas como Sada (A Coruña), as perdas pola pandemia non se recuperaron e a moitas mariscadoras non lles vale a pena saír ao mar. De momento, os prezos nas lonxas de Arousa son competitivos grazas ao turismo e ás vacacións. As traballadoras colocan na lonxa a ameixa xapónica a nove ou dez euros e o berberecho a catro por quilogramo. Continuarán roldando as costas para que os seus bancos pesqueiros non terminen esquilmados, e confían que nalgún momento as gardas formen parte do pasado, como a máscara.


Este artigo publicouse orixinariamente en castelán en Público como parte dun acordo de colaboración con este periódico. Aquí podes atopar máis artigos de Público en Luzes.
cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail