Mentres os inmigrantes morrían de sede nos barcos de ONGs, el posaba en pantalóns curtos entre flores de cabazas. Antes, asistira ás carreiras de cabalos do Palio en Siena, paseara o seu torso espido entre viñedos ou deixárase fotografar pinchando nun chiringuito e bailando nas praias italianas.
E cando o Goberno español cedeu abrindo os portos ao barco ateigado con 130 persoas case que moribundas, por mor das presións dunha Bruxelas sen poderes para impoñer unha solución europea ao problema migratorio que chega dende a beira sur do Mediterráneo e ante o bochorno internacional que sería un colapso do Open Arms, Matteo Salvini sorriu.
Como bo depredador, o viceprimeiro ministro italiano e responsable de Interior sorriu neste verán de xenofobia e populismo praieiro que nos está a deixar, sen permitir que a súa vítima erguese a cabeza. Sen darlle un respiro, era tempo de rematala, de afondar na ferida dunha Europa indolente e sen respostas políticas ante a procura dunha vida sen fame, violencia e morte que desexan miles de persoas.
«A ONG española rexeita o porto ofrecido por España! Incrible e inaceptable, organizan cruceiros turísticos e deciden onde aterrar?», escribiu Salvini na súa conta de twitter. «Non me rindo, Italia xa non é o campo de refuxiados de Europa».
⚠️La Ong spagnola rifiuta il porto offerto dalla Spagna!
Incredibile e inaccettabile, organizzano crociere turistiche e decidono loro dove sbarcare???
Io non mollo, l’Italia non è più il campo profughi d’Europa. pic.twitter.com/oaaa9MnByI— Matteo Salvini (@matteosalvinimi) August 18, 2019
Porén, os datos desmontan esta ficción construída por Salvini. Hai xa un tempo que Grecia e España volven ser, con diferenza, os principais puntos de entrada de centos de migrantes subsaharianos; o número de chegadas totais ao vello continente está a caer, un 30% menos este ano; e dentro de Italia, reducíronse as propias cifras facilitadas polo seu Ministerio de Interior: ata o oito de xullo desembarcaran nese país 3.073 persoas das que só 248 –apenas un 8%– foran rescatadas polas ONGs, poñendo en evidencia que o perigo non son os refuxiados.
Salvini non está en guerra contra os migrantes, Salvini está en guerra contra os barcos da esperanza que ao navegaren o Mare Nostrum desmontan as mentiras sobre os países europeos supostamente desbordados pola presión migratoria. Salvini está en guerra contra a solidariedade e unha visión aperturista e progresista de Europa. É aí onde se insertan as graves acusacións contra ONGs porque supostamente «organizan cruceiros turísticos» ou colaboran coas mafias que trafican coas persoas.
Os seus chíos nas redes sociais buscan a viralidade para crear ese reino da mentira, actúan como a auga dunha inundación que se vai filtrando de planta a planta ata manchar espazos antes impolutos. E prenden como faíscas levadas polo vento alí onde os populistas levan tempo a xogar con falsas guerras idiomáticas ou os espolios que causarían aos impostos do Estado do Benestar. Así, Marcos de Quinto, antigo executivo dunha multinacional, autoproclamado liberal, atrévese a chamar «ben comidos pasaxeiros» a persoas que percorren miles de quilómetros fuxindo da morte.
Máis alá da crise demográfica polo envellecemento da súa poboación, Europa vive o esmorecemento dos valores humanos e a protección aos asilados creados ao longo da madurez de tres xeracións distintas. A que saíu da Segunda Guerra Mundial, a que a viviu durante a Guerra Fría e a que tirou abaixo o Muro de Berlín mentres ollaba a caída da Unión Soviética. Xeracións que daban apertas a aqueles que fuxían de tiranías e non pechaban portos ou discutían perennemente sobre o reparto entre varios países dunhas decenas de migrantes.
Hoxe, esas vivencias políticas e sociais quedan moi lonxe e no seu canto, a golpe de chíos, fotografías manipuladas e mentiras propagadas por inconscientes seguidores, a persoa que procura ese asilo é criminalizada. En Europa existen campos de refuxiados, si, pero non están en Italia, están en Grecia e Francia, coñecidos como Moria e «A Xungla» de Calais, ateigados de milleiros de persoas que viven entre lama e ratas, en precarias tendas de campaña ou cabanas de madeira e cartón.
Europa vive o esmorecemento dos valores humanos e a protección aos asilados creados ao longo de tres xeracións distintas
Estes campos de refuxiados apareceron hai uns anos, no momento álxido da crise de refuxiados entre 2015 e 2016, e resultan difíciles de aturar para unha supervivente de Auschwitz como Simone Veil, a primeira presidenta do Parlamento Europeo, a muller que loitou pola legalización do aborto en Francia. Falecida hai dous veráns, as súas vivencias eran un antídoto contra a realidade deforme dos políticos da nosa xeración.
E cando as cifras amosan que esa crise de refuxiados é xa historia, cando en Europa cómpre unha política holística para relacionarse con África e Oriente Medio e axudar ao seu desenrolo, Salvini ou De Quinto viven conscientemente nun pasado de xenofobia e clasismo beneficioso para os seus intereses electorais. Xogan con el sen atender ás leccións que a historia do vello continente lles ofrece sobre o odio ao diferente.