Kurdistán. Refuxiados na súa propia terra

O fin das negociacións de paz entre o Goberno turco e o PKK, e o posterior golpe de Estado en xullo de 2016 fixeron que Bakur, o Kurdistán turco, volte aos peores anos de represión. O recorte de liberdades,  os bombardeos da artillería turca e a forte militarización, así como as duras condicións de vida, obrigan a centos de milleiros de kurdos a seren refuxiados na súa propia terra.

O sistema turco nunca aceptou os kurdos, e nunca o fará. Empúrrannos á escravitude. Queren que sexamos dóciles coma cordeiros, e se non sacrifícannos… O golpe de Estado deulle amplos poderes a Erdogan, e cando gañe o referendo xa non haberá quen o pare. O noso futuro pinta moi mal». Estas duras verbas dun promotor inmobiliario kurdo, Abdul Nassir, son un bo resumo do que está a vivir o pobo kurdo en Bakur, o Kurdistán turco. Estamos no Newroz, a celebración de aninovo que coincide co equinoccio de primavera, e pese ao espírito festivo, unha estraña atmosfera de pesimismo invádeo todo. A muller de Abdul intenta facer calar o seu marido. Ten medo porque o lugar está repleto de policía secreta turca, e tampouco quere que os seus fillos pequenos escoiten tan dura realidade. Nembargantes, Abdul continúa. É o seu único xeito de desafogar.

No ano 2013 o Goberno turco e o Partido dos Traballadores (o ilegalizado PKK) comezaron un proceso de paz tan esperanzador coma inútil. Dous anos despois do inicio, Erdogan dá por finalizadas as negociacións e comeza unha campaña de man dura que recorda ás peores épocas. Co intento de golpe de Estado do 15 de xullo, a situación empeora aínda máis. «Din que o golpe de Estado fracasou, pero nós sabemos ben que non é así. Está acadando todos os seus obxectivos, que son principalmente esnaquizar a oposición e a todos nós», asegura Velat, un contable de 35 anos, mentres os seus amigos bailan o govend (a danza tradicional kurda) e berran pola liberación do líder do PKK Abdullah Öcallan durante a celebración do Newroz en Diyarbakir. Esta teoría de que o golpe de Estado triunfou é cada vez máis estendida en Turquía, e vendo a situación actual a verdade é que dá que pensar: máis de 120.000 policías, profesores, xuíces e outros funcionarios despedidos, 47.000 opositores detidos, 156 medios de comunicación pechados, 1.200 periodistas despedidos e 120 detidos… Unha auténtica purga contra todo aquel que non é servo de Erdogan e que o sitúan nunha posición de poder hexemónico que se verá aumentado grazas á súa vitoria no referendo do pasado 16 de abril.

A visita a esta zona coincidiu no mes anterior a dito referendo, que tiña como finalidade cambiar o sistema parlamentario turco a un presidencialista. Se se aprobaba, Erdogan tería aínda máis poder, o que supoñía un grave problema para os kurdos. Case todos os interpelados coincidían en que votarían polo non, pero que tiñan claro que gañaría o si. Erdogan encargaríase polas boas ou as malas de que así fóra. E así foi. Finalmente, o resultado oficial outorgou pouco mais do 51% ao si, entre acusacións de fraude por parte de toda a oposición e organismos internacionais como a OSCE. Non era difícil de observar. Mentres a campaña polo si era evidente nas rúas de toda Turquía e en todos os medios de comunicación, a do non estaba prohibida e moitos acabaron no cárcere.  Ademais, a oposición calcula que aproximadamente o 3 ou 4% das papeletas foron dadas por válidas pola xunta electoral sen estar seladas. Hai que lembrar que o país seguía en estado de emerxencia tras o golpe de Estado de xullo, o que lle outorga amplos poderes ao executivo. Se Turquía non é xa unha ditadura, está moi preto.

En todo o Kurdistán turco están a sufrir duramente esta estratexia de terra queimada levada a cabo polo todopoderoso Erdogan. Zonas enteiras da capital kurda, Diyarbakir, foron borradas do mapa pola artillería turca nos últimos enfrontamentos contra o PKK. Gran parte do barrio de Sur é hoxe unha escombreira. Dende xullo de 2015, decenas de milleiros de persoas víronse obrigadas a abandoar este barrio, e ata medio millón correron a mesma sorte en toda a rexión. Os toques de queda, o difícil aceso a alimento e auga, así como a sanidade e a educación, e o uso de artillería pesada obrigan a moitísimos kurdos a seren refuxiados dentro da súa propia nación, dentro do Estado turco.

As labores de reconstrución avanzan paseniño, e as indemnizacións danse por perdidas xa. Moitos comezan a facerse á idea de que non volverán ás súas casas. É difícil a xestión co Goberno turco. Moitísimos cargos elixidos democraticamente na zona foron substituídos por administradores afíns ao Goberno. Os funcionarios que daban apoio ás familias foron cesados, ao igual que as organizacións que prestaban axuda humanitaria. A situación en materia de Dereitos Humanos retrocedeu enormemente na rexión.

A militarización é evidente. Moverse entre pobos kurdos require de tempo, porque é probable que haxa controis militares. En Diyarbakir as tanquetas da policía e os controis con fortísimas medidas de seguridade e axentes armados ata os dentes están en todos os puntos estratéxicos da cidade, así como policías vestidos de paisano en grupos de catro. Moitos dos residentes no barrio de Sur din sentirse presos na súa propia casa. O medo ás forzas de seguridade turcas fai que moitos saian o mínimo posible.

Diyarbakir é quizais a zona onde mellor se poden observar os estragos desta política do Goberno turco por ser o centro administrativo e comercial kurdo, pero sen dúbida non é a única. Localidades como Nusaibin ou Cizre foron tan danadas ou máis que a capital. O problema é que o acceso a informadores ou ONGs está prohibido. A min foime imposible entrar en Nusaibin para traballar, e fun detido en Cizre polas forzas de seguridade turcas, que me confiscou o material fotográfico. As testemuñas non son ben tratadas nesta zona do mundo.

A toda esta complexa situación temos que sumarlle outro factor desestabilizador moi importante: os refuxiados sirios. O Kurdistán turco fai fronteira con Siria, e en cidades coma Kilis o número de solicitantes de asilo supera os propios habitantes da vila (90.000). En todo o país a cifra sitúase nos 3,5 millóns, unha cifra escandalosamente alta, sobre todo se a comparamos con todos os refuxiados na Unión Europea: 800.000. A maior parte destes refuxiados non viven confinados en centros de internamento, senón que se misturan cos habitantes locais nas barriadas próximas á maioría das cidades. É o caso de Diyarbakir, onde tras seis anos de guerra no seu país, moitos refuxiados teñen agora o seu fogar. Pese ás duras condicións de vida, a solidariedade vence o egoísmo e a convivencia aquí é boa en liñas xerais. Pero, ata cando aguantará a rexión esta carga migratoria? O paro é alto, as infraestruturas en materia de sanidade e educación non son suficientes, o acceso a auga potable e alimentos faise cada vez máis difícil para os menos favorecidos… unha serie de factores en cadea que supoñen unha bomba de reloxería.

E que fai mentres o Goberno turco co tema dos refuxiados? Utilizalo como unha carta de moito valor no xogo de xeoestratexia que se está a levar a cabo na zona. Europa serviuse de Turquía como muro de contención para frear a chegada de refuxiados coa firma do «Tratado da vergoña» en marzo de 2016. Dende entón, tan só 13.500 refuxiados foron acollidos na UE (só o 8% dos prometidos) e preto de 900 foron devoltos a Turquía. Para que este acordo funcionase, estímase que a UE pagou uns 6.000 millóns de euros. Unha cantidade máis que suficiente para realoxar e integrar a todos e cada un dos solicitantes de asilo entre todos os países da UE, pero que se utilizaron para prolongar o sufrimento de todos eles en territorio turco. Pero Turquía non recibiu tan só cartos con este tratado, senón que obtivo unha poderosa prebenda que Erdogan utilizou xa en varias ocasións. «Se ides máis lonxe abriremos as portas, iso debedes sabelo dende xa», espetou o presidente turco á UE polo intento destes de conxelar o proceso de adhesión de Turquía na UE. E o mesmo sucedeu cos recentes conflitos diplomáticos con Holanda ou Alemaña, ou co tema dos visados turcos. E o mesmo ocorre de portas adentro con temas quentes coma o Kurdistán.

«A UE abandonounos á nosa sorte. Están tan preocupados con que non cheguen máis sirios que non queren amolar a Erdogan con temas secundarios como os Dereitos Humanos no Kurdistán. A pesar de todo sairemos adiante como fixemos sempre», asegura Velat cunha seguridade que convencería ao máis escéptico. Acto seguido chega o momento máis importante do Newroz, o prendido da fogueira que simboliza a loita, a rebeldía e a pureza do pobo kurdo. A xente tolea. Os berros e mostras de ledicia percorren o parque do Newroz. Pouco despois a choiva fai acto de presenza, apagando o lume e obrigando os asistentes a volver a casa. Parece que este tamén vai ser un ano duro.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail