O pequeno Avignon

Chegou un ano máis a cita con Ribadavia. 35 edicións xa. Nove días dunha programación chea de variedade e calidade. Nótase o comentario de Roberto Pascual, director da Mostra, no programa de Radio 3 Dramedias:

A miña idea clara é que nós temos un déficit en Galicia. Non se conseguiu nin co Xacobeo, nin co CDG, presentar en Galicia os grandes mestres da escena internacional. Tamén temos dereito. Somos un país cunha cultura propia, cunha lingua. É un contexto cunhas peculiaridades, un espazo patrimonial histórico ao aire libre. Isto ten limitacións para determinados espectáculos pero eu intento darlle a volta: Cales son as oportunidades?

Disto imos tratar agora. Este ano a MIT tráenos un enfoque que ten como marco de xogo o teatro documento. Diferentes feitos escénicos que nos trasladan realidades diversas e tamén formas de codificación no código teatral que transgreden e revitalizan o xogo. A programación tenta equilibrar o panorama galego, propostas internacionais, peninsulares, o teatro de rúa e a formación.

Nas produción galegas, seguramente a máis destacada sexa a estrea de Chévere, que presenta Curva España. Unha viaxe teatral na que indagan nun estraño accidente dun enxeñeiro que marcou hai un século a chegada do tren a Galicia. Dentro do «mundo Chéreve», co seu proxecto paralelo A Berberecheira, chega Anatomía dunha serea. O monólogo protagonizado por Iria Pinheiro falando da súa experiencia persoal asociada á violencia obstétrica sufrida durante o parto. Tamén visita Ribadavia Voadora, co seu último espectáculo Hemos venido a darlo todo. A montaxe xoga a desprazar o centro do público ante o feito teatral sen renunciar á frescura, á estrañeza, á suor e á enerxía da música electrónica en lugares estraños. O circo está moi presente e Pistacatro trae o seu Orquesta de Malabares acompañados pola Banda La Lira de Ribadavia. Poñen en escena seis malabaristas e unha banda municipal. Unha relación entre música e circo. Un concerto onde os malabares son os bailaríns deste ballet aéreo. Estrea espectáculo a compañía Acusmaser Opus en coproducción con Ainé, coa peza Nun cuarto da rotonda, mesturando un texto de Beckett e un de Pinter.

Hemos venido a darlo todo, de Voadora.

No plano internacional, visitan a MIT compañías de Arxentina, México e Francia. Un poyo rojo (da compañía arxentina co mesmo nome) é unha peza de teatro físico que explora os límites da linguaxe contemporánea, respecto ao movemento e as súas posteriores interpretacións. Unha provocación, unha invitación a rirnos de nós mesmos e, á vez, de recoñecer a nosa fatalidade. O Teatro Línea de Sombra, mexicana, estará coa súa peza Amarillo, na que exploran as nocións da identidade cultural, as relacións entre o real e o virtual, entre o documental e o ficticio. De Francia chégannos dúas propostas moi diferentes. O compañía de teatro de rúa Picto Facto, que estará na Praza Maior cos seus Brimborions. E por outra banda Olivier de Sagazan con Transfiguration, que é unha historia do desexo incondicional do escultor de levar a súa creación á vida. Nun xesto de desesperación, entra no seu barro a darlle vida.

Tamén poderemos ver espectáculos de compañías catalanas, madrileñas, valencianas e de castela e león. Un exemplo pode ser Los bancos regalan sanwicheras y chorizos, de José y sus hermanas. Ou Residencia Paraíso de Irene Cantero. De Cataluña tamén chega Flyhard co seu espectáculo A.K.A (Also Known As). Un plato forte do festival será Jauría, a obra de Jordi Casanovas producida polo Pavón Teatro Kamikaze, que conta o proceso xudicial do caso de La manada, a través das transcricións das declaracións de acusados e denunciante publicadas en varios medios de comunicación.

Este ano Ribadavia fala especialmente da realidade, de abrir os ollos e a empatía ante a vida. De non ser indiferentes, da implicación. Sen olvidar que o teatro é poliédrico, igual que as formas de ver o mundo.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail