Con Soraya

A Soraya non a pintou Velázquez, pero foi malignamente descrita como menina. Non estudou aviación, pero copilotou un Goberno. Non foi sometida en primeira persoa a unha moción de censura, pero aguantouna estoicamente sentada a carón dun bolso que, durante unhas horas, gobernou España.

A min Soraya non me convence ideoloxicamente, pero despois de dar a cara unha e outra vez, sen plasmas polo medio e nun escenario de anos de tronos e treboadas, merece todos os meus respectos como política.

Na carreira pola sucesión de Rajoy á fronte do Partido Popular, Sáenz de Santamaría demostrou máis que ninguén a súa capacidade para xestionar e executar. Non se trata de que se converta na primeira muller presidenta do PP e potencial primeira muller presidenta do Goberno de España -María Dolores de Cospedal utilizou ese mesmo argumento para poñerse en valor na carreira das primarias, sen éxito. Trátase de que Soraya demostrou a súa valía máis que calquera dos seus contrincantes nas primarias do partido. Sen escándalos, sen saídas de ton, sen perder o sentidiño. A militancia do PP soubo velo. Pero a cúpula semella non estar preparada para que unha muller disposta comece a dar ordes. E aí si, estamos claramente diante dun teito de cristal.

Pablo Casado preséntase como un político novo e capaz de algo do que Soraya non é quen: de ser o Albert Rivera do PP e tamén de ser un home

Fálase moito estes días dunhas supostas «comidas anti-Soraya» nas que participan algúns membros do partido. Ese grupiño non existía ata agora, polo menos non diante do ollo público, porque ela non estaba a un paso de liderar o PP. As presas por buscar sucesor despois do «non» de Núñez Feijóo poderían solucionarse unicamente preguntando á militancia. Pero o resultado da votación non foi prato de bo gusto.

Pablo Casado preséntase agora como o olliño dereito desa bancada casposa, cun perfecto enmascaramento baixo a pel dun político novo e capaz de algo do que Soraya non é quen: de ser o Albert Rivera do Partido Popular -o parecido, físico e de perfil político, é máis que razoable-; e tamén de ser un home. Porque as que levamos uns anos danzando polo mundo da política xa sabemos que son eles quen arranxan o mundo nos bares, mesmo despois de 4 horas infrutuosas de debate na Cámara.

Pouco importa que Casado se atope inmerso no escándalo mastergate que tumbou a Cristina Cifuentes. A resistencia anti-soraya da cúpula dos populares é máis forte que o sentido común. Por iso eu rompo unha lanza a favor de Soraya. E tamén porque estou farta de escoitar ese trillado argumento dos contrarios ao PP: «Mellor que non sexa Soraya, que está máis preparada». Porque se algo falta en España e en Galicia, ademais de mulleres no poder, son políticos preparados. De un e de outro símbolo.

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail