Rueda compartiu tres actos con Villares cando xa sabía que fora denunciado por agresión sexual

A Coruña.- O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, compartiu tres actos institucionais co seu conselleiro do Mar, Alfonso Villares, cando xa sabía que este fora denunciado por agresión sexual e chamado a declarar pola policía. Villares, que se declarou inocente, dimitiu o pasado 4 de xuño tras ser informado o día anterior polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) de que fora imputado na causa e estaba a ser investigado por mor da denuncia.

Os feitos ocorreron o pasado 27 de decembro. Rueda, amigo persoal do exconselleiro a quen despediu case seis meses despois entre abrazos e eloxios e sen unha soa palabra de amparo moral cara á vítima, asegura que Villares o informou en febreiro deste ano de que fora citado en comisaría, pero sen precisar que día soubo da denuncia.

Luzes-Público preguntou en dúas ocasións á Xunta pola data concreta na que o presidente tivo coñecemento da mesma, pero o equipo de Rueda non respondeu e non se deu por informado dos correos electrónicos dirixidos por este diario ao seu departamento de comunicación e á súa secretaría persoal.

A axenda de Villares desvela que entre o 27 de decembro de 2024 e marzo de 2025, Rueda e el estiveron xuntos en polo menos dúas ocasións –o 21 de xaneiro en Vigo e o 20 de febreiro nunha viaxe oficial a Bruxelas–. Entre o 1 de marzo e o 4 de xuño –é dicir, sen contar o acto de despedida do pasado día 5–, o presidente da Xunta asistiu a outros tres eventos nos que tamén compartiu protagonismo co conselleiro cando xa era sabedor da denuncia contra el.

Alfonso Villares (esq.) e Alfonso Rueda, na foto institucional da Xunta na reunión da Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas o pasado 28 de marzo en Pontevedra / Foto: Xunta

O primeiro foi o 23 de marzo na Coruña, para presidir a inaguración da décima edición do Galicia Fórum Gastronómico. O segundo, o 28 dese mesmo mes en Pontevedra, na reunión da directiva da Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas. O terceiro, o 16 de maio en Vigo, para asistir á entrega de medallas desa mesma organización.

Notas de prensa e fotografías

A Xunta enviou aos medios comunicados de prensa e material gráfico dos tres actos o mesmo día en que se celebraron, con fotografías nas que Rueda aparece posando con Villares ou compartindo diversos momentos con el e con outras persoas.

A axenda dos últimos meses do exconselleiro do Mar tamén revela que, ao contrario do que apuntaron varios medios de comunicación, Villares non foi desaparecendo paulatinamente da escena pública nin limitando as súas aparicións desde que foi denunciado, nin sequera desde que foi chamado a comisaría e puxo ao tanto da súa situación ao presidente da Xunta.

Foto de familia da entrega de medallas de Anfaco o pasado 16 de maio en Vigo, con Alfonso Rueda no centro e Alfonso Villares, terceiro pola dereita / Foto: Xunta

Desde o día dos feitos ata a súa dimisión participou en 165 actos institucionais. Deles, 103 foron a partir de marzo, é dicir, a un ritmo de case dous por cada día laborable. Nese último período, Villares tamén compartiu aparicións públicas xunto a outros conselleiros e conselleiras da Xunta, noutros seis eventos públicos á marxe dos citados con Rueda

Sen apoio expreso á denunciante

Ningún dos seus excompañeiros, nin o Goberno nin na dirección do PP galego, que tamén abandonou, se manifestou expresamente en apoio da muller que o denunciou.

Tampouco a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, que máis de dúas semanas despois da súa dimisión segue sen mencionala e sen prestarse a valorar se a súa actitude e a do resto do Executivo autonómico, incluído o seu presidente, poden supoñer unha revitimización da denunciante e lanzar unha mensaxe negativa ás mulleres que padecen violencia machista e teñen medo a denunciala, ou a que as institucións as desamparen apoiando de forma implícita e explícita os seus presuntos agresores.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail