A ameaza pantasma

«Nos próximos tres ou cinco anos, podemos asumir que Irán vai ser autónomo na súa capacidade para desenvolver e producir unha bomba nuclear». «Cara á próxima primavera, ou como moito cara ao próximo verán…, (Irán) terá rematada a fase intermedia e avanzado á fase final do proceso (de refinamento nuclear)».

En vista dos últimos acontecementos en Irán, non sería ilóxico pensar que estas declaracións do primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu, son relativamente recentes. Porque é por isto polo que atacou Irán, verdade? Pola ameaza nuclear inminente. Porque en calquera momento van atacar eles primeiro, non? Israel simplemente estaba exercendo o seu dereito de defensa propia, tal e como fixeron ao masacrar a poboación palestina.

Non creo que se sorprenda ninguén cando diga que, tal e como ocorría co caso de Gaza, a suposta ameaza iraní non era máis ca unha escusa por parte dun líder megalómano e xenocida.

A primeira declaración é de 1992; a segunda, de 2012. É dicir, segundo Netanyahu, Irán leva sendo unha ameaza nuclear inminente como mínimo trinta e tres anos. Pero en calquera momento terán bombas nucleares disponibles, eh! Vós fiádevos de Netanyahu, que non mentiu nada no último ano e pico. Ben, menos cando bombardeou hospitais coa escusa de que estaban alí escondidos, nos túneles baixo os edificios, militantes de Hamas, pero despois non había tal cousa. Ou cando dixo que Hamas decapitara trinta bebés israelís, o que despois se demostrou que era mentira. Ou cando lle ordenou á poboación de Gaza desprazarse ao norte da franxa, declarando camiños seguros, para logo bombardealos.

Actualmente, non se permite a entrada de axuda humanitaria a Gaza. Ademais das bombas, Netanyahu está matando a poboación palestina en Gaza de fame, sede e enfermidades para as que existe cura, porque o seu obxectivo segue sendo, como sempre foi, a súa exterminación total.

Como xa non pode facerse a vítima e acusar de pertencer a Hamas a todo aquel que lle leve a contraria, ía sendo hora de atopar un novo inimigo imaxinario fronte ao que facerse a vítima. É a estratexia que levan usando en Palestina dende o primeiro Nakba en 1948, pero cun novo obxectivo: Irán.

Non me entendades mal. Non veño aquí a defender o goberno iraní, que é unha ditadura sen rastro de democracia algunha que oprime as mulleres da súa sociedade, pero non cabe dúbida de que neste caso non é o agresor.

Paréceme incrible e un acto da demagoxia máis absoluta que Netanyahu pretenda usar o argumento da defensa propia nun conflito no que el foi o primeiro en atacar, e unha irresponsabilidade política que estea disposto a arriscar as vidas da súa poboación para asegurarse do continuado apoio das nacións de occidente e desviar a atención do xenocidio activo que segue cometendo en Gaza. E paréceme máis incrible aínda que as nacións europeas e Estados Unidos lle compren a mesma narrativa que leva vendendo dende que empezou este masacre, tan só porque cambiou o recipiente.

Entre Macron reiterando o seu apoio a Israel, e os Estados Unidos, onde ninguén parece saber se están metidos na guerra ou non (e moito menos o presidente, que esquiva dar una resposta clara igual ca Neo esquivaba as balas en Matrix), o único que as nacións de occidente están facendo é facilitar que se deixe de falar dos miles de mortos en Gaza, e permitir que Netanyahu continúe co seu discurso de vitimismo a costa das vidas da súa propia poboación (que, por casualidade, seguro, estaba comezando a protestar na súa contra. No medio dunha guerra, por sorte para Netanyahu, é difícil que a xente se poña de acordo para manifestarse en contra do goberno).

En canto aos Estados Unidos e Europa, sempre é importante lembrar que o que se mete na cama cun xenocida vai espertar cuberto de sangue.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail