Temos tendencia a pensar que as ideas e termos coetáneos son orixinais e exclusivos dos tempos que nos tocou vivir. A economía circular pode ser unha delas, pero é ben antiga a filosofía de aproveitar ao máximo os recursos, loxicamente aguilloada pola súa escaseza.
Foi a finais do século XX cando un desenvolvemento exponencial levounos a un consumo desaforado (unha especie de hedonismo do usar e tirar). Como consecuencia, reformulámonos a nosa relación co planeta buscando a sustentabilidade nos nosos hábitos e hábitat.
Neste ano Santo Xacobeo podemos achegarnos a un dos símbolos do peregrino a Compostela, a vieira como exemplo de sustentabilidade a través dos tempos
Principais zonas de captura de vieira.
Emblema do peregrino a Compostela
O Códice Calixtino (1160-1180) é un manuscrito do século XII que recolle varios escritos que inclúen diversos aspectos relacionados co camiño en honra ao apóstolo Santiago. No mesmo sinálase á vieira como unha dos sinais de identidade do peregrino:
“[…] Pois hai uns mariscos no mar próximo a Santiago, aos que o vulgo chama vieiras que teñen dúas corazas, unha por cada lado, entre as cales, como entre dúas tellas, ocúltase un molusco parecido a unha ostra. Tais cunchas están labradas como os dedos dunha man […].”
“[…] Ao regresar os peregrinos do Santuario de Santigo préndenos nas capas para gloria do Apóstolo, e en recordo del e sinal de tan longa viaxe, tráenas á súa morada con gran xúbilo […].”
Fundamentos da economía circular
A economía circular baséase na evolución do concepto tradicional das 3 R (reducir, reutilizar e reciclar) a un sistema multi- R (repensar, redeseñar, redistribuír, recuperar, reparar…) buscando un ciclo de utilización continuo dos recursos, isto é, a perspectiva do «berce ao berce». Desta forma, o ciclo antropoxénico dos materiais asemellaríase ao ciclo biolóxico que ten lugar nos sistemas naturais.
A longa vida da vieira como alimento permitiu explorar unha infinidade de aplicacións en busca dunha multifuncionalidade integral do molusco, sobre todo do continente, pois o contido comíase (e cómese) con devoción.
• Instrumento musical. A vieira é un elemento importante na percusión galega, símbolo da nosa música tradicional.
• Cinceiro. Coa introdución en Europa dos cultivos do Novo Mundo durante o século XVI, aparece un novo uso: a súa utilización como cinceiros para recoller as cinzas do tabaco. Aínda se pode ver hoxe en día en moitas cafeterías e restaurantes ao longo do camiño.
• Envase integrado para cociñar. A vieira é un dos poucos alimentos que traen o seu propio envase de cociña incorporado, pois a súa cuncha cóncava é por antonomasia onde se cociña e se serve. Un pequeno truco é conservar as cunchas de maior tamaño para reciclalas na cociña. Ao forno poden aguantar máis de 200 usos.
• Emenda ao solo. Do mesmo xeito que ocorre coas cunchas e caparazóns doutros moluscos, o compoñente principal da cuncha é o carbonato cálcico ( CO₃Ca). Por iso, trala súa trituración, utilizábase como un excelente neutralizante da acidez dos solos e corrector do pH (característica dos chans galegos). Isto permite un incremento notable na produción dos cultivos, ao aumentar a taxa de mineralización da materia orgánica presente no chan.
• Utensilio para beber. A cuncha cóncava é un instrumento sinxelo e práctico para beber das fontes e arroios. Importante para un peregrino, senderista ou explorador circular.
• Material de construción. A arquitectura vernácula en Galicia utilizaba nas zonas costeiras a cuncha «plana» da vieira como capa impermeable. Na illa da Toxa (Concello do Grove, Pontevedra) pódese admirar a capela de San Caralampaio con esta técnica construtiva en todo o seu esplendor.
A vieira galega no século XXI
A vieira é capturada pola frota artesanal das rías galegas cunha técnica que se mantivo inalterable nos últimos 200 anos. A principal novidade foi introducir na cadea de valor o seu eviscerado e presentación mediante un sistema cooperativista creado polos propios pescadores (vieira galega) na Confraría de Pescadores de San Antonio de Cambados (Pontevedra).
Nun recente estudo publicado no Journal Industrial Ecology analizamos desde un punto de vista ambiental a captura da vieira mediante a análise de ciclo de vida. Consideramos todos as etapas, desde a súa extracción ata a súa chegada aos mercados (construción do barco, operación e mantemento da frota, descarga en porto, eviscerado, envasado e distribución). A súa pegada de carbono é de 2,97 kg CO₂ eq/kg, o que significa que cunha vieira grande teriamos a mesma emisión de dióxido de carbono que xera o desprazamento dun turismo durante 6 km.
Se se compara o contido proteico e a pegada de carbono para os diferentes grupos de alimentos: carnes, peixe e mariscos, vexetais, lácteos e froitas (figura 4), a vieira atópase situada entre aqueles que achegan unha maior cantidade de proteína (similar á carne ou ao queixo) pero cunha menor pegada de carbono.
Combinar tradición e innovación na cadea de valor do procesado de alimentos sempre leva a un resultado excelente na procura da sustentabilidade do noso futuro ao axuntar os aspectos socioeconómicos e ambientais.
Gumersindo Feijoo Costa, Catedrático de Enxeñería Química, Universidade de Santiago de Compostela
Este artículo foi publicado orixinalmente en The Conversation. Lea o orixinal.