O desenfreado avance tecnolóxico sen a necesaria concienciación social. Que podería chegar a supor isto na actual sociedade? Trátase dunha das maiores incógnitas que a miúdo formulamos pero que, á súa vez, concitan menos preocupacións á maior parte da sociedade. Así o expón Carme Torras na súa obra Estimades Màquines onde ofrece unha visión do amplo territorio que foron gañando as tecnoloxías, pero, sobre todo, dos cuantiosos beneficios obtidos (e que seguen a obterse) grazas a estas, ao mesmo tempo que nos fai pequenas chiscadelas do vulnerables que podemos chegar a ser as persoas fronte ás novas tecnoloxías.
Así pois, a escritora e investigadora, tamén profesora e membro do CSIC, escúdase nunha especie de utopía tecnolóxica para desenvolver á perfección unha obra de ciencia ficción co obxectivo de expor unha cuestión bastante hipotética, pero á que non lle sobra nin un chisco de realidade: até que punto a robótica pode chegar a supor o fin dunha sociedade? Trátase dunha pregunta dificilmente cuestionable debido á rapidez coa que se está avanzando na creación de novos sistemas tecnolóxicos. Por isto mesmo, un dos temas mellor reflectidos nesta obra literaria é a ética, a importancia de ter presente este valor en todo momento antes de seguir investigando ou construíndo novos dispositivos que nos faciliten a vida.
Un dos temas mellor reflectidos nesta obra literaria é a ética, a importancia de ter presente este valor en todo momento antes de seguir investigando ou construíndo novos dispositivos que nos faciliten a vida
A súa intención está bastante clara, trátase dunha firme defensora das tecnoloxías a condición de que estas impliquen o ben social, remarcándoo en varias ocasións nas súas diferentes obras literarias. En Estimades Màquines, chama a atención a brevidade coa que a autora explica a necesidade dunha co-habitación entre máquinas e persoas, pois trátase de mellorar a vida da comunidade social, as súas tarefas cotiás e baixo ningún concepto se chega a defender o uso das tecnoloxías como meros caprichos da ciencia, nin para levar a cabo investigacións abominables e/ou de ciencia ficción.
A obra componse de dez pequenos contos que narran historias nas que distintas persoas estreitan lazos coas tecnoloxías, sexa desde un punto xeral ou centradas nun determinado obxecto, e que nada teñen que ver as unhas coas outras salvo o transfondo das mesmas. A idea presente ao longo de todo o libro: a importancia da ética á hora de tratar coas máquinas. Até que punto o noso egocentrismo pode chegar a xogarnos unha mala pasada e provocar desastres a nivel mundial? Parece unha idea bastante aloucada, pero é a cerna destes contos recreados en ambientes fabulados que levan por propósito facernos pensar, meditar sobre as nosas accións diarias e como estas poden chegar a estar tan próximas da ciencia ficción.
Cantas veces non desexamos poder dispor dunha máquina do tempo que nos permitise reverter accións levadas a cabo por nós mesmos, por outras persoas ou que, mesmo, nada teñen que ver coa sociedade? Este é un dos exemplos presentados nesta obra; Zacaries i el rellotge de l’ànima ponnos na pel dun adolescente que recibe un reloxo, un simple obxecto, como agasallo por parte dos seus pais. O que sucede a partir deste momento pode ser considerado utópico, unha serie de acontecementos imposibles de levar a cabo na vida real. Mais que pasaría se efectivamente puidésemos proceder con estas viaxes a través do espazo-tempo? A autora sitúa no centro a este adolescente que xoga co tempo revertendo sucesos e provocando outros moitos escudado por este marabilloso reloxo temporal sen que ninguén se decate, pois son totalmente alleos a estes cambios. Estes feitos poderían ser dabondo preditos, é dicir, no momento en que imaxinamos un reloxo que nos permita viaxar no tempo habemos de imaxinar os acontecementos a posteriori. Pero se cabe o máis preocupante deste conto está case ao final do mesmo: a desesperación coa cal este adolescente busca con anhelo unha batería que poida substituír a xa gastada. Ese sentimento de necesidade, de adicción reflectida no mozo; velaquí a importancia da ética que quere mostrar a autora, da responsabilidade persoal á hora de tomar decisións en relación ás máquinas.
Unha das ideas máis defendida pola autora é o deseño de máquinas e robots co fin de facilitar a realización de tarefas ás persoas maiores ou persoas con necesidades específicas. Isto é algo que está moi ligado a investigacións en robótica asistencial que ela mesma dirixe e así o quixo mostrar no conto L’origen real de la llei zero onde a autora toca un tema que está de actualidade na política estatal: o debate sobre a eutanasia. Así pois, Carme Torras quixo dar exemplo deste dereito, pero desde un punto de vista un tanto distinto, enfocándoo na denominada «lei cero» derivada da novela Robots e imperio do escritor ruso Isaas Assimov. Esta lei, seguro dabondo coñecida polos amantes da ciencia ficción e os humanoides, establece que un robot nunca pode provocar danos á humanidade ou, indirectamente, permitir que se lle faga dano. Trátase pois dunha reflexión acerca da autoridade que se lles outorga ás máquinas, neste caso robots, pois nunca se sabe en que momento unha utopía pode chegar a converterse nun feito real, non só o feito de que se chegue a producir unha moi imaxinada rebelión das máquinas senón algo tan sinxelo como que algún robot chegue a fallar e poida chegar a producirse unha desgraza. Por este mesmo motivo, a autora insiste e fai fincapé nunha realidade que xa se contempla en distintas partes do mundo, sobre todo nas máis avanzadas en temas de robótica, e é que hai que saber distinguir entre beneficios e contraindicacións á hora de utilizar as máquinas posto que existen liñas vermellas que poden ser moi fáciles de traspasar pero que, unha vez feito, non permiten volver atrás.
Na chégase a apreciar, tamén, un relato de xénero negro onde a maldade existe e se fixa na sanidade. A autora foi capaz de imaxinar unha narración que pon os pelos de punta a calquera lector a medida que avanza na lectura da mesma. O relato chámase Una arrítmia silenciada e conta cunha escritura temporalmente inversa que enche de intriga cada un dos sucesos, como se van establecendo vínculos cada vez máis arrepiantes que parten dun asasinato xa premeditado. O incrible deste relato é a parte tecnolóxica involucrada no mesmo, é dicir, como poden chegar a unirse á perfección un marcapasos previamente trucado e algo tan bonito e necesario no noso día a día como pode ser a música, provocando así unha morte totalmente inimaxinable, nin nos peores pesadelos. Carme Torras foi capaz de facer chegar a maldade da sociedade ao mundo das tecnoloxías con algo tan común na nosa actual sociedade como pode chegar a selo un marcapasos, pois a principal función deste dispositivo é salvar vidas e en ningún dos casos o contrario, é dicir, matar.
O último capítulo Màquines de demà contén catro contos enfocados no porvir da relación entre humanos e máquinas, onde se sitúa o punto de vista máis futurista
O último capítulo do libro denomínase Màquines de demà; aquí atopamos os últimos catro contos enfocados no porvir da relación entre humanos e máquinas, sen ningunha dúbida é onde se sitúa o punto de vista máis futurista de todo o libro, por non falar da ciencia-ficción que esconde tras as súas palabras.
A presenza das máquinas é constante ao longo de toda a obra literaria da autora, pero estes últimos animan moito a reflexionar sobre como queremos que sexa o noso futuro tecnolóxico. Ela mesma móstrase interesada nas aprendizaxes éticas derivadas dos mundos ficticios con presenza de máquinas pois afirma que as utopías poden chegar a converterse en realidade. E no fondo é unha realidade, pois quen imaxinaría hai 20 anos que chegaría a haber humanoides na sociedade, robots con aparencia humana cos que poder interactuar e desenvolver afección posto que, está claro, os robots non posúen emoción algunha, pero poden chegar a espertala nas persoas.
As persoas creamos as máquinas co fin de liquidar problemas e, sobre todo, contar cunha axuda extra que nos permita avanzar e seguir cara a un futuro cada vez máis conectado coas tecnoloxías
Un exemplo desta idea preséntase no conto L’indigent no que atopamos un humanoide que busca axudar pero que ao principio é rexeitado por un dos personaxes e onde só unha persoa, unha meniña, é capaz de espertar esa curiosidade presente nalguén que nunca vira, un tanto peculiar ao seu parecer. Desta historia pode extraerse unha idea que coido é moi interesante: as persoas creamos as máquinas co fin de liquidar problemas e, sobre todo, contar cunha axuda extra que nos permita avanzar e seguir cara a un futuro cada vez máis conectado coas tecnoloxías. Así pois, a autora foi quen de mostrar esa relación de cooperación establecida co humanoide, pois desenvolve elementos tecnolóxicos que posteriormente comparte cos humanos que o visitaron; esa relación dentro do ámbito do social pode chegar a ser unha metáfora do que debería ser o noso futuro, é dicir, que a investigación con máquinas se centre no ámbito do social, en como poder axudar á cidadanía mediante o uso de robots que leven a cabo tarefas cotiás que faciliten as nosas vidas sen chegar a un punto de acomodación constante por parte das persoas, senón, máis ben, as tarefas do noso día a día.
Unha das ideas que a autora pretende denunciar, e con iso evitar, é un mal uso dos avances tecnolóxicos, sexa para facer o mal ou simplemente debido a un uso inapropiado dos mesmos, cruzando liñas vermellas. Por iso, Carme Torras redunda na necesidade de sentar a falar debido á profundidade do tema, é dicir, até que punto queremos avanzar en tecnoloxías e, sobre todo, como evitar que isto vire na nosa contra. Así o manifesta no último relato presentado nesta obra, unha viaxe cara a un futuro, esperemos moi afastado pero que non se atopa tan distanciado como parece. O relato chámase La vida e-terna e, pois como o seu nome indica, fai fincapé en algo dabondo imaxinado pola maior parte da sociedade grosso modo. Quen non quixo vivir eternamente ou, polo menos, vivir durante o maior tempo posible? Pois iso é o que nos amosa a autora neste conto, pero desde un punto de vista un tanto distinto, é dicir, que é o que non debemos facer.
Neste tamén arrepiante relato transpórtasenos a un mundo no que os nosos órganos son implantados noutras persoas sen o seu previo coñecemento; está claro, non estamos a falar de órganos tan comúns nos transplantes levados a cabo nos quirófanos no noso día a día, senón de partes como poden ser o o bulbo raquídeo ou demais partes do cerebro. Unha mafia é quen leva a cabo estes experimentos para asegurar a vida eterna destes órganos, conservando a esencia dos donos de orixe. En definitiva, un mal uso dos avances en tecnoloxía e sanitarios pois a súa aplicación puramente egoísta dista moito do que deben ser estes avances destinados ao ben común e nunca deben ser postos en práctica desde un punto de vista individual.
O feito de ler obras literarias como Estimades Màquines permítenos enfocar o noso futuro tecnolóxico no contexto do ben social. A autora soubo outorgar a cada relato o seu chisco de ética de maneira que o lector dáse conta do transfondo establecido en cada historia. A mestura da ciencia ficción e as máquinas é unha temática que sempre triunfa, pero moi poucas veces fáisenos fincapé na necesidade de distinguir entre o que está ben das máquinas e o que non, até que punto debemos chegar á hora de investigar na construción de máquinas que poidan discordar moito dun fin común e social. En definitiva, unha obra imprescindible para enfocar o futuro.