«Me lo contó Rosa María Mateo, una de las figuras más populares de la televisión española. Una mujer le había escrito una carta, desde algún pueblito perdido, pidiéndole que por favor le dijera la verdad:
—Cuando yo la miro, ¿usted me mira?
Rosa María me lo contó, y me dijo que no sabía qué contestar».
Eduardo Galeano, «El libro de los abrazos».
Con menos intriga da habitual, Feijóo anunciou as eleccións para o 12 de xullo e eu respirei aliviado dúas veces. Primeiro, un suspiro pequeniño ao coñecer a data, que xa era –outra vez, Urkullu mediante– un segredo a voces. Despois, enchendo de aire os pulmóns e abrindo as costelas antes de soltar o aire –canto pilates aprendín no confinamento, amigas!– por iso de que lle vai dar un perfil baixo á campaña. Vale, o do perfil baixo el non o dixo textualmente, pero como ata a prensa máis afín dentro da afín lle comprou o titular, penso que podo empregalo sen medo.
Perfil baixo. Menos mitins e mitins con menos aforo. Sensacional. Considerando que a eses anacrónicos actos electorais só acoden dous tipos de persoas –os convencidos e os xornalistas– pouco se perderá, máis aló da liturxia ritual dunhas campañas que lle seguen a chamar «pegada de carteis» a uns actos de arranque que hai tempo esqueceron a cola e as vasoiras.
A TVG ofreceu íntegras e en directo 27 roldas de prensa do presidente da Xunta dende que comezou o estado de alarma cunha duración media de 70 minutos, en total, 31 horas e media. A canta xente vistes tanto durante o confinamento? A esa coa que compartides vivenda, e grazas
Logo, por que ese alivio? Moi sinxelo. Segundo as contas do PSdeG –cito a fonte porque a min aínda me parecen poucas– a TVG ofreceu íntegras e en directo 27 roldas de prensa do presidente da Xunta. 27, dende que comezou o estado de alarma, hai algo máis de dous meses. 27 roldas de prensa á hora de xantar e cunha duración media de 70 minutos; en total, 31 horas e media. A canta xente vistes tanto durante o confinamento…? A esa coa que compartides vivenda, e grazas. Chegou un momento no que, pasadas as dúas da tarde, a piques estiven de poñer outro prato na mesa para Feijóo. «Onte non saíu, seguro que hoxe non falla». Foi o único que cheguei a dicir antes de que me quitasen da man, para devolvelos ao caixón, os cubertos que collera para el. E non me trabucaba: a cadencia era esa. Día si, día non, día si, día non… Para non saturar, seguro.
Durante todo ese tempo, por se alguén aínda o dubidaba, quedounos claro que se superabamos a pandemia ía ser só grazas a ese individuo providencial que non só nos protexía do virus coa súa simple presenza, senón que tamén nos defendía das felonías que o malvado Pedro Sánchez poñía en marcha só por amolar os galegos. E se non nos quedaba claro simplemente véndoo e escoitándoo, o Telexornal que viña xusto a continuación xa se encargaba de explicárnolo.
Por iso creo que é unha gran noticia que Feijóo decidise adoptar, a partir de agora, un perfil baixo. Polo menos, no que se refire á actividade puramente electoral do seu partido, claro. Un bo xeito de manter lonxe a Casado, a Cayetana, a esa Díaz-Ayuso coa que a esquerda progre madrileña o compara para –suspiro–poñerlle logo os mesmos olliños cos que miraba a Ruíz-Gallardón cando se paseaba pola Puerta del Sol antes da fase cero.
A ese PP haberá que volver atopalo agochado nun cartel no que o candidato volverá ser omnipresente, identificado non cunhas siglas senón con Galicia; ou, mellor, cunha Galicia: a Galicia dos caciques e os curas, os mesmos aos que lles entregou a xestión das residencias de maiores que se converteron nunha auténtica rateira. Podería ter apostado pola xestión pública, pero aí xa falariamos doutra Galicia. A que non sae nos mapas.
Mentres leve a medio gas a campaña, Feijóo seguirá dándolle pulo ao seu papel institución. O de Paladín fronte á Pandemia, o de Gran Timonel da Desescalada, un novo San Roque freando a nova peste do século XXI
O único risco é que, mentres leve a medio gas a campaña, Feijóo seguirá dándolle pulo ao seu papel institucional. O de Paladín fronte á Pandemia. O de Gran Timonel da Desescalada. Un novo San Roque freando coas súas propias mans a nova peste do século XXI… «Priorizar a xestión da pandemia» e «seguir gobernando ata o último día», eses eran os obxectivos que fixou na que foi, ata o de agora, a súa última rolda de prensa televisada. A do luns.
Mmmmh… diso hai xa case 48 horas. Hoxe igual non –que se vota no Congreso o estado de alarma–, pero en nada vai tocar poñerlle de volta o prato na mesa. Mesmo estou por gardarlle un sitio fixo na cabeceira ata o 12 de xullo.
Polo menos.