«It’s all about money, not freedom, y’all, okay? Nothing to do with fuckin’ freedom. If you think you’re free, try going somewhere without fucking money, okay?».
Bill Hicks.
Imos falar de cartos. Xa sei que debería facelo da campaña, porque nunha semana eliximos alcaldes e representantes no Parlamento Europeo, pero deixádeme que escriba diso que, como lle explicou Luke Cage ao Todopoderoso nas Secret Wars, «é o que move o mundo». Ademais, desenganémonos: a política non deixa de ser unha prolongación da economía por outros medios, igual que a guerra é unha prolongación da política (isto linllo por primeira vez ao Comandante Cobra nun cómic dos G.I. Joe, aínda que seguramente sexa apócrifo…).
Imos falar de cartos, si. En concreto, imos falar da suba do salario mínimo interprofesional, o penúltimo Armageddon. O Banco de España –o mesmo que viu vir de lonxe a crise, a burbulla inmobiliaria ou a desfeita das caixas de aforros–, estimou que suporía «a perda de 125.000 postos de traballo» e que sería especialmente duro no tramo de idade entre os 45 e 64 anos, coa destrución «do 28% dos empregos dos que gañan menos de 900 euros». «Acojona, ¿eh?», que diría Bosco en Tesis. Acojona, si, porque todos sabemos que quen queda fóra do mercado laboral a esas alturas da súa vida é quen máis complicado ten volver a el. Pero, aínda así, o regulador non era o máis catastrofista. O BBVA, por exemplo, aínda o vía máis negro: estimaba que, por redución de xornada ou por supresións de contratos, veríanse afectadas ata 190.000 persoas.
E que pasou? Pois todo o contrario. Resulta que se a xente gaña máis, consome máis, compra máis, gasta máis e así tira da economía. Como a recorrente conta de twitter, isto no se podía saber. O Foro Económico de Galicia, no seu informe de conxuntura do primeiro trimestre do 2019, falaba mesmo de «cambio de patrón económico». De súpeto, xa non eran as exportacións as que tiraban do PIB, senón «a demanda interna e os investimentos» algo que sería «difícil» se non «aumentase o SMI». E as pensións, claro.
Cantas veces coma esta se trabucaron os presaxios? A familia non se esbarrelou porque se legalizasen o divorcio ou o matrimonio homosexual. Os bares non tiveron que pechar a moreas porque agora non se poida fumar neles. A chegada dos inmigrantes non acabou co noso modo de vida (nin tampouco coa necesidade de seguirmos marchando para buscar as castañas fóra…). As peonalizacións non liquidaron o comercio local; outra cousa son as compras por internet e as medidas liberalizadoras dos mesmos que se opoñían a quitar os coches dos cascos históricos ou que agora, nun xiro digno de 1984, queren subir o SMI de 900 a 850 euros. E se agora nacen menos nenos non é porque as mulleres traballen, senón polas condicións nas que (sobre todo elas, pero tamén eles) teñen que facelo.
A estes grandes clásicos podemos engadir outros mitos máis contemporáneos: cobrar unha taxa dun euro aos turistas (como se fai en media Europa) fará que busquen outro destino; gravar as vivendas baleiras é bolivariano; unha fiscalidade progresiva porá en fuga as empresas; as concesionarias privadas xestionan mellor os servizos que os propios concellos… E así ata o infinito. É posible que moitos deles, en cuestión de anos, nos parezan tan ridículos como as afirmacións de que o cambio climático non existía…
Promesas que non se cumpren e agoiros que tentan meternos medo. Si, ao final, sen querelo, si que estabamos falando da campaña. Pero en ningún momento deixamos de falar de cartos. Ao final, aí está sempre a clave.