Feijóo e Rueda pagaron outros 250.000 euros da Xunta a medios da ultradereita madrileña

A Coruña.-Os gobernos de Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda adxudicaron nos últimos oito anos preto de 250.000 euros de diñeiro público da Xunta de Galicia ás empresas cabeceiras de Libertad Digital e EDA TV, os medios de Federico Jiménez Losantos e Javier Negre vinculados á extrema dereita de Madrid.

As adxudicacións realizáronse mediante a modalidade da contratación menor, que permite ás administracións públicas eludir o concurso público e asignar directamente ao contratista que elixan, cando se trate de compras de bens ou servizos por valor inferior a 15.000 euros.

Esas cantidades súmanse aos máis de 1,9 millóns que os executivos de Feijóo Rueda entregaron nos últimos anos mediante contratos menores á prensa de Madrid, na súa maioría a medios da dereita afíns ao Partido Popular, como ABC, El Mundo, La Razón, a cadena COPE e Antena 3, entre outros.

Tamén se engaden aos preto de 18 millóns asignados en publicidade institucional e subscricións mediante esa mesma modalidade a empresas propietarias de xornais galegos de liña editorial coincidente cos intereses do PP, como Prensa Ibérica –Faro de Vigo, El Correo Gallego de Santiago e La Opinión da Coruña–, Editorial A Capital –El Ideal Gallego da Coruña, Diario de Ferrol e Diario de Arousa– e os grupos editores de La Voz de Galicia, El Progreso de Lugo e Diario de Pontevedra, e La Región de Ourense e Atlántico Diario de Vigo.

Entre 2018 –o primeiro exercicio no que a Xunta cumpre a súa obrigación legal de publicar os seus contratos menores– e 2024, os executivos autonómicos adxudicaron a Libertad Digital SA 46 contratos menores por un valor conxunto de 123.855,88 euros. En 2022 e 2023, asignaron outros cinco por 86.027,75 euros a EDA TV Consulting SL. En 2025 a Administración autonómica entregou a Libertad Digital SA outros 18.089,50 euros por un acto ao que a Deputación de Ourense, tamén en mans do PP, achegou 18.143,95 máis. En total suman 246.117,08 euros.

Consellerías, axencias, fundacións e empresas públicas

No caso de Libertad Digital, a maioría dos contratos menores estaban destinados á compra de espazos e á inserción de cuñas publicitarias en esRadio, a emisora de Losantos, e canalizáronse a través de quince consellerías, axencias, fundacións, institutos e empresas públicas dependentes da Xunta.

A Administración de Feijóo e Rueda sostén que as axudas que entrega aos medios e o gasto en publicidade institucional distribúese mediante criterios obxectivos de audiencia e difusión. Segundo a segunda onda de 2024 do Estudo Xeral de Medios (EXM), esRadio ten 33.000 oíntes en Galicia e ocupa o posto 11 no ranking global de audiencias de radio, e o quinto no das canles xeneralistas despois da SER, COPE, Radio Galega e Onda Cero.

O organismo da Xunta que máis contratou con Libertad Digital nos últimos anos foi a Axencia Turismo de Galicia, que lle adxudicou 45.225,24 euros a través de dez contratos menores para campañas publicitarias. Ségueo, con seis adxudicacións por 38.115 euros, a Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama), unha empresa pública mixta propiedade da Xunta (51%) e de Naturgy (49%) que xestiona o tratamento de residuos de 295 municipios de Galicia.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, nun acto no Club Siglo XXI en Madrid / Foto: Xunta

Catro dos contratos de Sogama con Libertad Digital refírense á inserción de cuñas de publicidade, pero outros dous, por 12.705 euros, contemplan a emisión de propaganda institucional camuflada de información a través de entrevistas bimensuais nos programas da cadea de Losantos á persoa designada pola propia compañía.

Ademais dos contratos menores entre 2018 e 2024, e tal e como desvelou o mes pasado o dixital Galicia Press, a Axencia Turismo de Galicia entregou á empresa de Losantos outros 18.089,50 euros para que fixese o seu programa matinal en Ourense e entrevistase a Alfonso Rueda e a Luis Menor, presidente da Deputación provincial, tamén do PP e que pagou a Liberdade Dixital outros 18.143,95 euros polo mesmo concepto.

O resto dos pagos da Xunta en contratos menores á empresa de Losantos canalizouse a través das consellerías de Economía (900 euros), Medio Rural (1.100), Cultura (2.099,77), Emprego (4.400), Medio Ambiente (1.000) e Educación (495,13); das secretarías xerais de Igualdade (1899,95 euros), Emigración (6.050) e Medios (5.211,72); da Axencia Galega de Emerxencias (1.249,63); a Fundación Cidade da Cultura (2773,45); o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (1.208,79 ) e a empresa pública Galicia Calidade SAU (12.100 euros).

Javier Negre e Vito Quiles

En canto a EDA TV, a empresa do axitador ultra Javier Negre na que tamén traballa Vito Quiles –á súa vez xefe de prensa de Alvise Pérez, líder da formación populista de extrema dereita Se Acabó la Fiesta–, non é unha canle de televisión, nin sequera unha televisión dixital na internet, senón unha páxina web con vídeos de Youtube. Só entre 2022 e 2023, a Xunta adxudicoulle a través da Axencia Turismo de Galicia cinco contratos menores por 86.027,75 euros para diversas campañas publicitarias.

Negre, na Guarda (Pontevedra), nun dos vídeos do seu percorrido polo Camiño portugués financiados pola Xunta.

Os tres primeiros contratos asináronse cando Feijóo aínda era presidente da Xunta pero xa anunciara a súa decisión de deixar Galicia para facerse coa presidencia do PP estatal, como desvelou no seu día Luzes-Público. Suman exactamente 50.000 euros, pero foron partidos en tres expedientes –«Creación dunha canle de noticias turísticas na televisión dixital EDA TV» por 17.995 euros; «Promoción do Camiño de Santiago e o Xacobeo 21-22 en EDA TV» por 16.895 euros; e «Campaña de Publicidade na televisión dixital EDA TV» por 15.110 euros–, para que ningún superase o límite legal de 18.150 euros –15.000 euros máis o 21% do imposto sobre o valor engadido– que impediría a súa consideración de contratos menores e que fosen adxudicados a dedo.

Esas adxudicacións fixéronse na mesma época, inicios da primavera de 2022, na que Feijóo alisou a súa aterraxe en Madrid adxudicando 1,25 millóns da Xunta a seis grandes medios da capital do Estado, mediante seis convenios a dedo cinco dos cales foron subscritos cando exercía a presidencia da Xunta en funcións.

En 2023, a Axencia Turismo de Galicia volveu adxudicar á empresa de Negre 36027,75 euros en dous contratos menores para «Promoción do destino Galicia e Camiño [de Santiago]», por 17.908 euros, e «Campaña Turismo Nadal en Galicia» por 18.119,75 euros.

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail