Rueda tenta rebentar outra folga na CRTVG impoñendo servizos mínimos abusivos

O sucesor do presidente do PP asina a orde da Xunta que obriga a cubrir a 112 postos de traballo nas xornadas de paro para poder emitir todos os informativos do día, a pesar de que acumula varias sentenzas condenatorias por violar o dereito a folga nos medios públicos

A Coruña.- A Xunta de Galicia decretou servizos mínimos para máis dun cento de traballadores da Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), o que os sindicatos consideran unha nova manobra para rebentar os paros que convocaran na defensa dos seus dereitos e estabilidade laboral.

Os representantes do persoal denuncian ademais que o Goberno que aínda preside Alberto Núñez Feijóo violenta a xurisprudencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que en reiteradas ocasións condenou ao seu Goberno por vulnerar o dereito a folga.

Unha orde anunciada na mañá do martes e asinada polo vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, a quen Feijóo designou sucesor, establece que durante os paros previstos para este mércores, para o vindeiro 27 de abril e para o luns 2 de maio, terán que estar nos seus postos polo menos 112 traballadores dos servizos informativos. No paro do 1 de maio, domingo e festividade polo Día do Traballo, deberán estar un mínimo de 54.

O decreto de Rueda tamén ordena que se manteñan os catro informativos diarios habituais tanto na televisión como na radio, e no caso desta última, os boletíns horarios. Ademais, prevé impedir que a programación vaia a negro ou se silencie, emitindo se é necesario contidos de arquivo ou pregrabados.

Os sindicatos considérano abusivo porque presupón que as noticias teñen carácter esencial cando así o considere a dirección, un argumento que os xuíces desmontaron en fallos previos. Tamén alertan de que Rueda esperou ata o martes, o día anterior, para publicar a orde no Diario Oficial de Galicia (DOG). Afirman que aínda que ese primeiro paro foi desconvocado posteriormente, o herdeiro de Feijóo tamén pretendía evitar que os tribunais anulasen os seus servizos mínimos a tempo de garantir que os traballadores puidesen exercer efectivamente o seu dereito á folga.

Non é a primeira vez que Rueda e Feijóo tentan rebentar outras protestas de empregados públicos co mesmo modus operandi. A última foi o ano pasado, cando o TSXG considerou que os servizos mínimos da Xunta para o 8M, nalgúns casos do 100%, non tiñan por obxecto garantir a prestación de servizos esenciais, senón «privar de repercusión apreciable» a reivindicación feminista e impedir que as traballadoras puidesen participar nela. Os xuíces anuláronos en sete organismos e entidades da Administración galega, entre eles a CRTVG, que dirixía entón e segue dirixindo Alfonso Sánchez Izquierdo. A sentenza chegou en outubro, sete meses despois da xornada.

Rueda xa impedira o dereito á folga na televisión e a radio pública autonómica outro 8M, o de 2018. Con seis meses de atraso, o TSXG condenou á Xunta, anulou os servizos mínimos e advertiu da ilegalidade que supón «que nun día de folga que no seu conxunto abarca as 24 horas, a Administración pretenda emitir os programas informativos de forma íntegra no seu horario habitual».

Apenas un ano despois, o TSXG volveu condenar á CRTVG por vulnerar o dereito a folga da presentadora do espazo dedicado ao tempo, que non estaba incluído entre os servizos mínimos pero que se emitiu igualmente en directo, segundo a sentenza, porque a dirección o encargou a outra traballadora «non folguista».

Feijóo e Sánchez Izquierdo, nunha imaxe de arquivo / Foto: TVG

«Os servizos mínimos teñen que responder o carácter esencial», advirte Santiago Alvite, presidente do comité intercentros e representante da Confederación Intersindical Galega (CIG). «Pero aquí chégase ao extremo de impoñer a obrigatoriedade de cubrir postos que nunha xornada normal non se substitúen cando o traballador ou a traballadora que os ocupa está de libranza ou de baixa por enfermidade ou asuntos propios», explica.

Alvite subliña que ao anunciar os servizos mínimos con tan pouca anticipación, a Xunta vulnera tamén o dereito dos traballadores a obter a protección e tutela efectiva da xustiza. «Os xuíces condenan á Xunta, pero o PP sabe que lle sae gratis porque as sentenzas non teñen transcendencia algunha para o condenado».

A mesma opinión mantén Raquel Lema, delegada da Central Unitaria de Traballadoras (CUT): «Unha información esencial é cubrir unha catástrofe ou unha traxedia, un terremoto, o afundimento dun barco ou unha situación meteorolóxica excepcional e grave. Non a propaganda política nin a cobertura habitual dunha xornada normal», engade.

Raimundo Méndez, delegado de UGT, lamenta a «nula vontade negociadora» da Xunta e asegura que ninguén do departamento do vicepresidente se dirixiu aos representantes dos traballadores para acordar «uns servizos mínimos razoables». E lembra que a teima de seguir impoñéndoos de maneira abusiva pode ter relevancia penal dado que os antecedentes demostran que se ordenan «de mala fe» contra as advertencias dos tribunais.

A lexislación española que regula o dereito de folga contempla que cando esta afecte a empresas que prestan un servizo público ou de «recoñecida e inaprazable necesidade», e a iso se engadan «circunstancias de especial gravidade», as autoridades poden establecer servizos mínimos. Pero a Xunta alegou esta vez a necesidade dos mesmos baseándose en premisas falsas.

A orde de Rueda publicada no DOG alude á «especial gravidade» que supón «a urxencia de non asegurar a emisión e a comunicación informativa relevante cando [a CRTVG] é o único medio audiovisual de titularidade pública de Galicia». Obviando algo tan evidente como que Televisión Española emite os seus programas e telexornais en toda a comunidade, onde tamén chegan os informativos e os boletíns de Radio Nacional de España, que recollen as noticias relevantes e esenciais de Galicia. Ambas contan con centros territoriais e delegacións locais con persoal propio, que diariamente realizan noticiarios mediante desconexións en exclusiva para o terrirorio galego.

Os traballadores da CRTVG convocaron os paros para protestar polas medidas coas que a Xunta pretende cumprir a lei estatal para a redución da temporalidade no sector público, pois consideraban que eran insuficientes e que mesmo poderían provocar ata corenta despedimentos. Este martes pola mañá os sindicatos desconvocaron o paro do mércores para someter á asemblea a última oferta acordada pola empresa. Aínda que os representantes sindicais se amosan satisfeitos con ela, manterán a folga se a asemblea vota en contra.

Desde hai varios anos, os traballadores da radio e a televisión autonómicas tamén se manifestan cada venres para denunciar a manipulación informativa e a persecución ideolóxica á que, ao seu xuízo, somete a dirección aos non afíns á sua liña ideolóxica.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail