Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán
Querida marica maior, non te alporices polo de marica. Sabes que entre nós podémonos chamar maricas. Incluso é posible que non o saibas, porque pillaches algo tarde o tren do empoderamento. Son cousas que se van aprendendo polo camiño, neutralizando a idiotez e revirando a mala intención.
Hoxe estás soíño na casa, ti que es de tanto saír, ver, imaxinar, de quedarte absorto no interior da túa intimidade comprobando como agora todo é máis doado. Imaxinando como gozarías se tiveses 20 anos. Ti que naciches ao principio dos 40, tras a lousa de formigón armado que se interpuxo entre o teu país e a civilización, esa permanente escuridade do Cara al Sol, do Montañas Nevadas, o altísimo nome de Deus, o xeneralísimo de todos os exércitos, do chumbo nas costas dos vencidos.
Ti que ías levando a túa homosexualidade sen falar dela, convivindo con Esteso e Pajares, compaxinando as túas simpatías comunistas e os teus compromisos sindicais cos Pactos da Moncloa e o desencanto político. Ti que tamén situaches o soño libertador na república dos desexos, que te desarmaches contaxiado polo novo espírito da harmonía social, ese experimento que tivemos que mercar desde o principio dos 80.
Escoitei canda ti, aínda que ambos con 20 anos de diferencia, os ecos de Stonewall, da bandeira do arco iris, que foi paseniño facéndose máis e máis nosa, dos diferentes, dos inadaptados, dos que necesitabamos esforzarnos por atopar o camiño máis honesto coas nosas vidas contra a lóxica da inercia, contra o catolicismo, o puritanismo, o machismo, o concepto cristián da familia, o educación, o longa noite de pedra.
A revista Zero abríndose paso entre a caspa e o tradicionalismo posfranquista, destapando militares, curas, intentándoo con futbolistas, sen conseguilo
Vimos xuntos caer a tantos e tantos amigos vencidos por outra pandemia terrible. O Sida cabrón que segaba vidas sen preguntar, sen explicarse, só merendaba persoas enteiras converténdoas en nada. E se non mataba, estigmatizaba, sinalaba co dedo a través das tremendas marcas faciais dos primeiros tratamentos. E algúns continuamos o camiño agradecidos de que o bicho non se fixara en nós para esa tómbola cruel.
Almodóvar, Jordi Petit, Boti García, Mili Hernández e Berkana, Jesús Vázquez, Gurruchaga ou tantas e tantas personaxes públicas que axudaron a visibilizar, a normalizar. Zerolo e Antonelli e a revista Zero abríndose paso entre a caspa e o tradicionalismo posfranquista, destapando militares, curas, intentándoo con futbolistas, sen conseguilo. Comprobabamos no político que á esquerda de todo sempre había voces amigas, sempre panos vermellos, amables, mans abertas para reforzar a autoestima, que desembocou, xa no século XXI, na conquista formal da maioría dos dereitos.
Mirabamos, sentados cabo de calquera acantilado, o ambiente bakala, o nacemento do mundo bear, a desprexuización do sadomasoquismo, a relixión do músculo, o desenvolvemento de Chueca como concepto liberador e a súa regresión ao mundo limitador e clasista que é xa desde hai anos. Tamén o empoderamento lésbico, a visibilidade trans, a saudable desconfiguración dos xéneros, a perseguida liberdade absoluta de elección do aspecto e a personalidade.
O extremo capitalismo rosa. Hoteis para maricas, enotecas para maricas, perfumes para maricas, roupa para maricas.
Faleiche tanto de cousas ás que ti xa non chegaches… cousas que foron indo a máis grazas aos primeiros pasos que destes os da túa xeración, resistindo e navegando por océanos duros e incertos, marés de incomprensión e dificultade. As noites de sexo, as saunas, os paraísos do sexo desprexuizado, os clubs de fetichismo, a música techno, as peregrinacións a Londres ou Berlín. Dos bares nudistas xa en Madrid ou Barcelona, o turismo gai, os cruceiros, as excursións a Bruxelas para La Demence ou a Berlín para Panorama, ou a mítica quedada leather en Semana Santa. As primeiras Into the thank, eses paraísos escuros da felicidade sexual.
Téñoche falado, lembrando os teus porros felices dos 70 e os 80, sobre as estúpidas drogas de deseño, ou o costume de foder con poppers, que medio nos transforma en máquinas de sexo, substituíndo o erotismo preliminar. O ocaso daquelas primeiras festas de sexo libre, sas e divertidas, que foron dando paso aos macroespectáculos para bailar, drogarse, desexar e mirar, como se a noite quixese volver ao puritanismo romántico. O extremo capitalismo rosa. Hoteis para maricas, enotecas para maricas, perfumes para maricas, roupa para maricas.
Viches estrañado e secretamente marabillado como a xente liga por teléfono, como se enganchan amizades efémeras ou duradeiras a través dunha app.
Viches como recuperamos as viaxes a Sitges, a Torremolinos, a Maspalomas. Seguimos conectados a Porto, a Lisboa, a París e ás súas tranquilas vidas gai, en contraste coas máis activas de Bilbao, Sevilla ou Valencia. Ou por suposto as minúsculas pero divertidas noites das cidades de Galiza, desde o Vigo cheo de portus, ata o postureo coruñés herdeiro de aquel lendario paraíso do cruising portuario que os máis novos xa non lembran.
E falando de cruising, ese foder con descoñecidos tan saudable e rexenerador, ao que nunca quixestes entregarte por medo á Sida, pero eu sabía que era porque xa te vías canso, xa compartías esa apatía de ter nacido un pouco antes do que tiveras desexado, un dato que te marcou sempre.Viches estrañado e secretamente marabillado como a xente liga por teléfono, como se enganchan amizades efémeras ou duradeiras a través dunha app. Hai pouco aínda che contaba que xa están un pouco en decadencia, vencidas pola masificación e o xogueteo estúpido dos inconscientes, se ben aínda dan algo de si.
Estes meses, como durante aqueles anos, os mellores das vosas vidas, roubáronvos a dignidade, o amor e o benestar
Tanta vida xuntos, tantas aventuras felices que agora véxote aí, só, case poñendo un pé nos oitenta, medio depre, cumprindo esta corentena vírica con triste estoicismo, asustado, co medo a contaxiarte, escoitando algúns delincuentes emocionais que ven con certo alivio que o bicho ataca aos de máis idade, ese cruel darwinismo social que os economistas liberais abandeiran sen vergoña, coma equiparándonos á obsolescencia programada.
Unha enorme tristura por ti e por outros tantos centos ou miles de maricas vellas, ás que tanto vos debemos, atrapados na casa mirando a vida pasar, soportando a televisión necrolóxica, vítimas da fenda dixital, sabedores de que vos queda pouco para tirar a toalla e laiándovos da mala sorte de que vos rouben algo do pouco que aínda vos queda: o tempo. Estes meses sen vivilos. Meses que vos roubaron, como durante aqueles anos, os mellores das vosas vidas, roubáronvos a dignidade, o amor e o benestar.
Cóidate, meu, volveremos a nos tocar axiña.
Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán