O confinamento da igualdade nas oposicións galegas

A Xunta de Galicia admite que ata a primeira semana de maio non decidirá se anula ou non a convocatoria de oposicións para xuño deste ano. Sindicatos, opositores e varios colectivos esixen o aprazamento a 2021 dunha convocatoria para 3.600 prazas que non garante o principio de igualdade e, din, pode poñer en risco a saúde dos convocados. Luzes puido conversar con catro opositoras que, ademais da saúde, poñen o foco na desigualdade de xénero e económica no estudo en tempos de estado de alarma.

«É imposible estudar nestas condicións. Estou coidando o meu fillo, demanda xogos e demanda atención, vivo nun piso pequeno e iso dificulta aínda moito máis as cousas. O meu plan antes disto era estudar pola mañá e pola noite, iso está totalmente desfeito». Isabel Suárez padeceu dúas crises, a do crack de 2008 e a do coronavirus de 2020, e hoxe unha enfermidade pola que está a tratamento médico. En 2012 quedou sen traballo por mor dun ERE e entrou daquela nas listas de Educación, onde, ata o comezo da pandemia tiña esperanzas de obter unha praza en xuño.

Isabel actualmente está desempregada e vive coa súa parella, pensionista. Ambos teñen ao seu coidado a Manuel, un neno de 5 anos que, polo de agora, «vaino levando ben, está mentalizado sobre o virus e admite a situación», di. Ela é unha das 3.600 persoas en Galicia que aínda descoñecen se van ser convocadas ás oposicións planeadas para o 20 xuño deste 2020, un ano no que a nivel estatal estaban convocadas 27.789 prazas.

Como Isabel están Soledad, Carolina e Marta, opositoras que coinciden en reclamar un aprazamento inmediato da convocatoria para 2021 nunha situación de incerteza sanitaria e «de desigualdade total» entre os aspirantes á praza, sinala Isabel: «penso non só en xente coma min, nais e pais, senón tamén nos que teñen xente enferma na casa ou con familia traballando na sanidade ou nos supermercados. Se ao final manteñen as oposicións en xuño, que van facer cos grupos de risco? Como nos van garantir uns mínimos de prevención nesas probas? Prefiro que sexan claros e nos digan que se vai aprazar».

Descoñécese se en Galicia haberá grandes aulas magnas con límites de seguridade ou edificios baleirados onde os opositores ocupen grandes extensións en metros cadrados. De momento, a Xunta de Galicia desbota cambiar a convocatoria para o 2021, unha decisión que xa tomaron o resto de autonomías. Nunha primeira comunicación da Consellería, en marzo, Educación sostivera daquela que só mantería as oposicións en Galicia en xuño no caso de levantarse o estado de alarma o 11 de abril. Segundo a última carta enviada aos sindicatos por parte da conselleira de Educación, Carmen Pomar, a Xunta estaba á espera da prórroga do actual estado de alarma despois do 26 de abril para comunicar a súa decisión, situación que sindicatos como a CIG sinalaron como «electoralismo», con «cambios de criterio» e «mensaxes contraditorias». Na mesma comunicación, a conselleira Pomar admite que a intención da Xunta, agora, é manter as oposicións en xuño no caso de que o estado de alarma remate o 26 de abril, antes de que o presidente Pedro Sánchez anunciara a intención do Goberno de ampliala até o 9 de maio. A intención do Goberno galego é tomar unha decisión «na primeira semana de maio» segundo o seu presidente, Núñez Feijóo. Esta negativa a da Xunta a pospoñer a convocatoria para o 2021 levantou voces discrepantes entre o colectivo opositor, o docente e entre os sindicatos, que rexeitan a celebración das oposicións en 2020 e demandan á conselleira de Educación, Carmen Pomar, a activación da mesa sectorial de educación para discutir unha nova data.

As catro opositoras coas que puidemos conversar, sinalan unha realidade onde non todos os confinamentos son iguais. Os factores, alertan, radican na situación familiar, o xénero e o nivel económico: «O principio de igualdade ten que estar presente nun proceso de oposicións, cando dedicas todo o teu tempo ao coidado dos teus é imposible facelo ao estudo. É unha situación de desigualdade que tamén houbo antes do confinamento, mais esa desigualdade podía ser paliada co tecido social, coa rede pública, cun mínimo de condicións que favorecen a igualdade, iso xa non está e todo parece que se vai alongar no tempo, estamos ás portas dunhas oposicións que poden ser en xuño e non temos tempo. Como pode ser que non nos teñan en conta?», di Marta Rodríguez, partidaria de aprazar a convocatoria. Esta indignación levouna a levantar o auricular e chamar á Cadena SER, onde denunciou a situación dela e gran parte das súas compañeiras. Marta é nai de dúas nenas, ten unha parella que, ao igual ca ela, teletraballa: «Vivimos nun piso non moi grande onde temos que permanecer as 24 horas, polo que é difícil atopar espazo e oco para o teletraballo. É unha situación moi estresante que dificulta ser flexibles, as nenas perderon a súa rutina da escola, do conservatorio, de amizades… É moi difícil compaxinar o teletraballo cos coidados».

Esta preocupación, a dos coidados, é latente nas voces destas catro opositoras que denuncian como a fenda de xénero se abriu aínda máis co inicio do confinamento: «É unha situación inxusta. Sempre o foi, sobre todo para as mulleres, as que facemos aínda a maioría as tarefas da casa. É unha sociedade moi machista, infravalóranse moito os coidados. Paréceme unha broma, un chiste, que aínda non aprazaran a convocatoria», sostén Carolina Posada. Vive coa súa parella e ten dous fillos. Ao igual que Marta, teletraballa: «Ademais de traballar, de atender a casa e os nenos estou coa incertidume de saber se vai haber oposicións ou non», denuncia, «teño un grupo de Whatsapp de compañeiras do traballo e hai 4 que están na mesma situación agás unha, a única que pode estudar porque non ten fillos». Admite que ela, como moitas outras compañeiras, tivo que aparcar o estudo para substituílo pola xestión da vida confinada, califica a posición actualmda Xunta de «campaña electoral»: «Calquera con xuízo calmaría os opositores, aprazaría isto. A Xunta está vendendo a moto da consolidación de 3600 postos de traballo, cando antes non se interesou para nada pola situación do interinos ou a xente de FP. Interésalles vender a imaxe de que en Galicia ‘as cousas van ben’ e que somos unha illa dentro da pandemia, cousa que non é así. Non son condicións para facer unha oposición».

A mestura do exceso de traballos, estudos e coidados xera unha situación de grande estrés psicolóxico: «Unha oposición xera un estrés brutal. Son moitas horas sen estar coa túa familia, pagando academias, coidados, é un estrés brutal. Súmalle a iso o que estamos a vivir agora». Nisto coincide a psicóloga Laura Camazón, especializada en terapia infantil: «O confinamento é un estresor engadido ao que facer fronte ademais de todo aquilo que implica unha situación de emerxencia como esta. O estar confinado altera a rutina cotiá á que os nenos estaban acostumados», explica, «atopamos nas crianzas situacións de altibaixos anímicos, desconcentración, aburrimento, comportamentos atípicos e unha maior demanda de atención». A experta destaca, ademais, a necesidade de que os pais e nais propoñan actividades e cousas que facer ás crianzas, algo que consome gran parte do día.

Esta situación, a dos pais e nais opositores xunto cos seus fillos, é levada á palestra tamén por Marta: «Coa disciplina que require a preparación das oposicións, onde antes podías ir á biblioteca, deixar ás nenas cos avós ou en actividades da escola. Todo iso agora non está, están na casa cun estrés psicolóxico importante». Expertas como Mar Rodríguez, psicóloga, destaca neste confinamento «unha falta de nornalidade» que require «un uso moito maior da nosa enerxía»: «Non estamos vivindo a nosa vida cotiá, aínda que sexa temporal. O ser humano é animal de costumes. Estamos máis alerta e iso afecta o funcionamiento dos procesos cognitivos. Non podemos pretender funcionar igual». Sumado ao estrés vén, polo seu efecto, a falta de atención: «Unha función que se ve afectada casi de maneira universal no malestar psicolóxico é a atención e, á súa vez, esta vese implicada en case todo o resto de procesos: memoria, capacidade reflexiva…», aclara a psicóloga.

«Gustaríame que fose neste ano, pero non en xuño». Soledad Otero, «Tita», foi das que desexaban acuder unhas oposicións ás que dedicou todo o último ano pero, admite, esta situación de emerxencia é predominante: «Son consciente de que en xuño non poden ser, o meu rendemento cambiou moito e as miñas horas de estudos reducíronse co coidado dos nenos». Soledad ten un neno dun ano e vive coa súa parella, nestes momentos nun ERTE con perspectivas de voltar ao traballo. Soledad aínda segue a manter como pode o ritmo de estudo, e demanda da Consellería de Educación unha resposta moito máis rápida: «non estamos estudando igual, non podemos vivir nesta incertidume, agardando a que resolvan». Mantén que a Administración galega «perdeu unha oportunidade» de «quedar ben» e «ser sensibles» nesta situación. Unha das súas maiores preocupacións no caso de que se celebraran as oposicións en xuño é o contaxio: «poñería en risco a nosa saúde e coido que é imposible xa que somos miles de opositores. Eu preferiría que fosen en outono». Tamén abre a porta a outras situacións de coidados que se están a dar neste confinamento ademais das crianzas, como é a dos enfermos de Alzhéimer e outras doenzas, vulnerables ao acoso da Covid-19.

Cunha campaña en Change.org e preto das 10.000 sinaturas, a incerteza segue a sobrevoar a celebración das oposicións galegas este xuño. As opositoras teñen a confianza de que, finalmente e debido á crise sanitaria, se adíen. Recalcan que isto pode poñer tamén o foco na situación e no reforzo do modelo de educación pñublica e igualitaria: «Creo que dentro dun ano os opositores caeremos no esquecemento. Igual son pesimista, ao igual que penso que coa sanidade vai haber mellor valoración creo que co tema educativo a sociedade non está moi concienciada. Si que se lle dá importancia agora, cando non hai unha escola onde deixar as crianzas. Hai pouca valoración do sistema educativo», remata con pesimismo Carolina.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail