Artigos a 4.800 euros: os convenios con diarios afíns ao PP camuflan axudas da Xunta sen xustificar

A Coruña.- Os convenios sen concurso público da Xunta con medios de comunicación afíns ao PP, que no primeiro ano de lexislatura de Alfonso Rueda recibiron tres millóns de euros a través de diversas vías á marxe da publicidade institucional, camuflan en realidade axudas inxustificadas e chegan a establecer pagos de máis de 4.800 euros por difundir un artigo e ata 11.700 euros por unha plana de propaganda camuflada de información. Esa cantidade multiplica por varios díxitos a que se paga no mercado da comunicación por pezas informativas e de opinión publicadas en prensa de papel ou dixital ou emitidas a través da radio.

No último ano, a Xunta repartiu dous millóns de euros a través de subvencións directas entre cinco empresas editoras de xornais: La Voz de Galicia, Prensa Ibérica –Faro de Vigo, El Correo Gallego de Santiago e La Opinión da Coruña–, o Grupo El Progreso –El Progreso de Lugo e Diario de Pontevedra–, o vinculado a La Región de Ourense e Atlántico Diario de Vigo e a Editorial La Capital –El Ideal Gallego da Coruña, Diario de Ferrol e Diario de Arousa–.

Ademais, o Goberno de Rueda entregou a esas empresas outros 1,3 millóns a través de convenios bilaterais de colaboración, sen concurso porque en teoría exclúen o lucro das compañías implicadas, pero que na práctica as benefician con subvencións ou acordos mercantís disfrazados, non suxeitos aos criterios de transparencia, concorrencia e publicidade que deben rexer nos procedementos de contratación pública e de concesión de axudas das administracións públicas.

Os convenios da Xunta de Rueda con eses medios, que se celebran todos os anos e que seguen a pauta establecida durante os Gobernos de Alberto Núñez Feijóo, adoecen dos mínimos mecanismos de control que garantan a eficacia dele gasto. Contemplan criterios aleatorios de cofinanciamento que a Xunta non explica e que non parecen responder a outra lóxica que os intereses contables das empresas editoras. Tamén reservan ao Executivo autonómico a posibilidade de influír nos contidos que se publican, sen que conste obrigación algunha para os medios de advertir previamente aos lectores de que se trata de información previamente conveniada. Nalgúns casos, mesmo, de mera propaganda.

Convenios para a promoción do uso do galego

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a cargo de José López Campos, asinou o 16 de maio do ano pasado nove acordos cun orzamento global de 447.707,97 euros para promover o uso do galego nos once diarios beneficiarios. O acordo subscrito con La Voz de Galicia, que recibiu por iso 149.510,43 euros, estipula a publicación dun mínimo de 25 reportaxes dunha páxina no seu suplemento Fugas  e de seis pezas de radio a emitir na canle propiedade do grupo. É dicir, unha media de 4.822 euros por cada unha.

O conselleiro de Cultura, José López Campos / Foto: Xunta

Segundo o convenio colectivo de La Voz, o salario base dun redactor da máxima categoría ronda os 30.000 euros anuais. Iso significa que co diñeiro do convenio, e se non se lucrase con el, o diario coruñés tería que dedicar a cubrir o acordo coa consellería a catro ou cinco dos seus xornalistas mellor remunerados, para que cada un dedicase exclusivamente a súa xornada laboral a preparar e elaborar unha reportaxe ou locución de radio cada dous meses.

La Voz de Galicia, propiedade dunha fundación que desde a morte do empresario Santiago Rey preside o xornalista Lois Blanco, é con diferenza o medio máis beneficiado polas axudas da Xunta. Recibiu máis de 15,8 millóns durante os gobernos de Feijóo e leva máis de tres millóns cos de Rueda. O acordo de 2024 coa Consellería de Cultura estipula que o diñeiro público que recibe debe ser destinado integramente a sufragar «o custo da realización das actividades» proxectadas, «sen que ningunha das partes conveniantes obteña lucro algún».

La Voz e Faro de Vigo, este último propiedade da Editorial Prensa Ibérica da familia Moll e que por 63.543,40 euros acordou dar cobertura «a un máximo de sete accións sobre liñas de actuación, programas e proxectos no ámbito competencial» da Consellería de Cultura, son os únicos diarios aos que a Xunta esixe a publicación concreta dun número de pezas.

Ao resto non lles di cantas deben difundir, pero finánciaos igualmente a cambio de condicións que dificilmente explican o gasto: deben manter actualizada unha web en galego, non traducir as declaracións e entrevistas realizadas orixinalmente nesa lingua, transmitir aos seus usuarios o seu apoio ao idioma de Galicia e empregala «nas notas necrolóxicas» (sic), ademais doutros criterios xenéricos dificilmente cuantificables como «ampliar» o uso do galego nos seus contidos relacionados co Días das Letras Galegas e o Día de Galicia, ou en determinadas seccións ou suplementos.

A Consellería de Cultura xustifica a necesidade do investimento en que o plan de normalización do galego de 2006 a faculta para contribuír «a incrementar anualmente e de maneira constante o uso do idioma propio nos medios públicos e privados». O certo é que despois de case dúas décadas iso non sucedeu e a eficacia do gasto parece máis que cuestionable. Os mesmos medios que se benefician dese diñeiro ano tras ano –dez veces máis do que obteñen os medios que si publican integramente en galego– seguen ofrecendo a abafadora maioría dos seus contidos en castelán e relegando o galego a un papel accesorio e unha presenza residual.

O departamento de López Campos non respondeu a Luzes-Público cando foi preguntado polos criterios que emprega para establecer as cantidades coas que se supón que cada empresa editorial contribúe ao convenio, que tamén poñen en dúbida que eses criterios existan realmente: as porcentaxes de cofinanciamento oscilan entre o 9,4% de La Voz –di achegar 15.489,57 euros dun total de 165.000– e o 70% de La Opinión, que en teoría sufraga máis de 11.100 euros dos 15.900 do total do seu acordo coa Xunta.

Convenio para a difusión de programas educativos

Entre o 4 e o 7 de outubro de 2024, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, que dirixe Román Rodríguez, asinou outros oito acordos coas mesmas empresas por un total de 275.000 euros. Neste caso non houbo cofinanciamento, pero si similares vaguidades e ausencia de normas específicos de control e seguimento da eficacia dos convenios.

La Voz de Galicia obtivo máis da metade, 140.000 euros, polo programa denominado De cero a cen… na ciencia, consistente na publicación na súa web e a súa canle de Youtube das gravacións de charlas escolares con profesionais da ciencia, a tecnoloxía, a enxeñería e as matemáticas, moderadas por un xornalista. Desde que se asinou o convenio colgáronse na web do diario 11 capítulos, é dicir, dous ao mes. Ao mesmo ritmo serían 24 nun ano, o que significa que, se non existise lucro, cada un debería custar unha media de máis de 5.800 euros.

Faro de Vigo levou outros 54.000 euros polo programa Escola en camiño, destinado a divulgar entre os escolares, con artigos publicados na súa edición de papel e na versión dixital, «a dimensión cultural, social, económica e humanística do Camiño de Santiago». O diario de Javier Moll publicou e colgou na súa web 12 noticias relacionadas co programa deste ano, que terían así un custo de medio de 2.160 euros.

Esa cifra resulta difícil de explicar se se ten en conta que as outras dúas cabeceiras galegas do grupo, La Opinión e El Correo Gallego, recibiron 6.000 euros e 14.000 euros, respectivamente, por convenios idénticos. Na web de La Opinión non aparece peza algunha de Escola en camiño datada este ano, só as 11 da anterior edición, a unha media de 618 euros cada unha dado que o convenio de 2023 eran 6.800 euros–. En El Correo non hai nin unha soa entrada do programa de 2024 cando xa se cumpriu a metade do período de vixencia do acordo.

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez / Foto: Xunta

Esas incongruencias poñen en dúbida que os convenios da Consellería de Educación cos medios teñan ánimo altruísta e que o diñeiro público que achega a Consellería responda a gastos reais das empresas xornalísticas. Máis ben semellan axudas directas outorgadas discrecionalmente en función da difusión de cada medio. Porque as incoherencias repítense co resto de diarios.

Así, para El Progreso, propiedade de Blanca García Montenegro, o custo de organizar e difundir unha xornada sobre a situación do ensino rural en Lugo elevouse 24.611 euros, mentres que para El Diario de Pontevedra, tamén da súa propiedade e de tirada considerablemente menor, os gastos dun proxecto case idéntico sobre o plan de «nova arquitectura pedagóxica» na cidade reducíronse a 10.630 euros.

La Región e Atlántico Diario, ambos propiedade de Óscar Outeiriño, asinaron con Educación un acordo conxunto similar aos anteriores por máis de 24.000 euros, «para accións de difusión asociadas centrado nos primeiros resultados do traballo do Centro Galego de Innovación de Formación Profesional Eduardo Barreiros», de Ourense.

Por tres veces menos diñeiro –7.650 euros–, as tres cabeceiras de José CollazoEl Ideal Gallego, Diario de Ferrol e Diario de Arousa– fixeron o mesmo para «difundir a figura do matemático Rodríguez, nomeado científico galego de 2024 con motivo do 200 aniversario da súa morte». Mesmo organizaron un certame escolar de microrrelatos sobre el.

Convenios para a difusión de actividades institucionais

O pasado xaneiro, a Conselleira de Economía e Industria, que dirixe María Jesús Lorenzana, asinou cos medios afíns ao PP outros nove acordos por valor de 297.000 euros nos que se asegura a difusión de entrevistas, artigos e reportaxes sobre as súas actividades. De novo, as cantidades pactadas non parecen responder aos gastos dunha acción sen ánimo de lucro, senón a unha subvención disfrazada cuxa contía está en relación coa capacidade e influencia de cada medio.

Así, de novo, La Voz de Galicia recibe 149.873,18 euros que a comprometen a publicación de cinco monográficos de oito páxinas cada un sobre proxectos da Consellería; a organización e difusión de tres cafés de redacción con altos cargos da mesma, e a cobertura na súa emisora «das iniciativas que se consideren oportunas». Todo asumindo «as observacións que formule» o departamento de Lorenzana «en relación cos datos e informacións a publicar». Excluída a radio, e se cada entrevista pactada se publicase a dobre páxina, o custo sería de 3.825 euros por cada plana e peza de propaganda paga pola Xunta en La Voz e a súa emisora.

Proba da incongruencia de criterios é que no caso de Faro de Vigo o prezo polo mesmo é case o triplo: 11.740 euros por páxina, dado que o segundo diario da comunidade obtivo 58.695,65 euros por organizar «un café de redacción e divugalo a dobre páxina» e por «elaborar e publicar tres páxinas soltas impares, en branco e negro e en días laborables con noticias da Consellería». De novo, a Xunta garántese a supervisión do contido, tal e como recolle o texto do convenio: «Faro de Vigo fixa a liña edtorial dos citados espazos informativos […] Con todo, a Consellería de Economía e Industria facilitará os datos que considere relevantes para a súa difusión».

A conselleira de Economía, María Jesús Lorenzana, no Parlamento de Galicia / Foto: Xunta

Os outros dous diarios do grupo Moll seguen a mesma pauta, aínda que con enormes diferenzas con respecto a Faro nos custos nos que supostamente incorren pola mesma actividade. El Correo Gallego accede por 9.782,61 euros a celebrar «un encontro xornalístico sobre un tema de interese económico e empresarial e a divulgalo en dúas páxinas, e a publicar […] dúas páxinas relacionadas coa estratexias, programas e inciativas da Consellería». É dicir, 2.468 euros por plana. La Opinión compromete por 7.826 euros a publicación de tres con entrevistas ou reportaxes sobre o departamento de Lorenzana, é dicir, 2.609 euros por cada unha.

A historia repítese con El Progreso –seis páxinas por 29.739 euros, é dicir, 4.957 euros cada unha– e Diario de Pontevedra –11.347,83 euros por tres planas–; e con La Región –cinco por 21.130,43 euros, é dicir, 4.226 cada unha– e Atlántico Diario –tres reportaxes ou entrevistas por 4.695,65 euros, a razón de 1.565 euros por peza–. No caso dos xornais de La Capital, o suposto custo de elaborar e publicar propaganda supervisada pola Xunta é considerablemente inferior: 10.173,91 euros por catro páxinas en El Ideal Gallego, outras tantas en Diario de Ferrol e as mesmas en Diario de Arousa, é dicir, apenas 850 euros por cada unha.

140.000 euros por dar información sobre Galicia

En agosto de 2024, e seguindo a mesma liña que segue desde os tempos de Feijóo, a Axencia Turismo de Galicia, dirixida por Manuel Merelles, asinou con La Voz de Galicia un convenio de suposta colaboración que tamén esconde unha axuda disfrazada de acción sen ánimo de lucro. O diario coruñés foi o único beneficiado polo acordo, cuxo obxecto é «a difusión de contidos vinculados a Galicia que potencien o turismo».

O director da Axencia Turismo de Galicia, José Manuel Merelles / Foto: Xunta

As accións concretas consisten no compromiso do diario de publicar con periodicidade semanal nunha web da Xunta as reportaxes que xa fai para o papel e para a súa emisora de radio; en «implicar» neles «a prescritores de viaxes e firmas de recoñecido prestixio», e en traducir polo menos dous artigos ao mes ao inglés e ao portugués. A Xunta paga por esas accións, sen concurso público que permita contratar eses servizos a un prezo máis competitivo, 140.000 euros. É dicir, unha cantidade maior ca o salario bruto anual de catro xornalistas cos soldos base máis elevados da empresa que dedicasen en exclusiva a súa xornada a esa tarefa.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail