O 18 de marzo, Israel lanzou un novo ataque contra Gaza, de forma que rompeu o alto ao fogo que se declarara o 15 de xaneiro deste ano. A tregua foi declarada para facilitar negociacións entre Hamás e Israel para liberar os reféns de ambos bandos, pero este motivo xa non parece ser abondo, a ollos de Netanyahu, para deixar de bombardear Gaza.
Neste marzo atopámonos no medio do Ramadán, período no que a poboación musulmá ten a práctica relixiosa de xaxuar durante o día. Deste modo, Netanyahu non só atacou de novo unha poboación á que leva bombardeando indiscriminadamente un ano e pico, senón que o fai durante un mes de oración e reflexión, no que parte da cidadanía se atopará con menos enerxía.
Nestes novos ataques, a maioría das vítimas son nenos. O xoves comezou o ataque por terra no norte da franxa de Gaza, co obxectivo de continuar ocupando terreo palestino e expandindo as fronteiras de Israel. Despois de dous meses nos que se lles permitiu intentar comezar a reconstruír as súas familias, e obter algo de esperanza, Netanyahu decidiu continuar co masacre no mes no que esa poboación que está masacrando está máis débil.
Mentres tanto, nos Estados Unidos, o aliado máis cercano de Israel, atópase un presidente que non soamente declarou que vería ben construír un complexo vacacional sobre as ruínas e os mortos de Gaza, senón que deporta a quen proteste e sanciona as universidades onde as manifestacións pro Palestina se levan a cabo. As protestas arredor do mundo deixan claro que a maior parte do pobo quere ver rematar a violencia en Gaza antes de que sexa demasiado tarde, se ben cada día parece máis difícil manter a esperanza.
Dende outubro de 2023, Israel está a cometer un xenocidio desapiadado e intencionado contra a poboación palestina. O seu obxectivo non é defenderse fronte a Hamás, senón eliminar o pobo palestino do territorio que quere para Israel. Se non é a base de botalos a outros países, será a base de limpeza étnica.
Ao meu ver, o único motivo polo que Netanyahu acordou a tregua foi a presión por parte da súa propia poboación para intentar recuperar os reféns, e agora xa pode desentenderse e dicir que si, que o intentou, pero que eses salvaxes de Hamás se negaron, de modo que a única solución é volver a masacrar os palestinos. A verdade é que en ningún momento tivo a intención de declarar unha tregua permanente, porque o seu obxectivo non é convivir cos palestinos, senón desfacerse deles. Coa diferenza en armas, poboación e capacidade para causar destrución, comparar Israel con Palestina é como comparar unha pistola cunha bomba nuclear. Palestina non ten vantaxes para negociar máis que os reféns, e agora que Netanyahu se deu por vencido, e coa comunidade internacional descendendo ao caos máis absoluto, non hai nada que o pobo palestino poida usar para presionar a Israel e intentar forzar unha negociación.
En Israel, o pobo palestino leva anos vivindo nunha prisión descuberta, tratados como cidadáns de segunda, deshumanizados e botados dos seus fogares. Agora, setenta anos despois de que comezaran a compartir o seu territorio coa nación de Israel, están sendo sistematicamente eliminados. Netanyahu ten demostrado, a través das súas accións, que a busca de Hamás é unha excusa, e que a súa intención foi sempre o masacre. Por exemplo, cando bombardeou hospitais (porque hai túneles debaixo) ou cando evacuou a poboación declarando unha ruta segura (para despois bombardear a ruta que el mesmo trazou).
É imposible negociar a paz cunha persoa que non te considera digno de respecto coma un ser humano, e Netanyahu leva ano e pico demostrando que os palestinos para el non son seres humanos, senón unha praga que quere exterminar.