Case un terzo dos electores galegos informáronse da campaña das autonómicas a través das redes sociais

A Coruña.- A maioría do electorado galego que acudiu ás urnas o pasado 18 de febreiro informouse da campaña das eleccións ao Parlamento de Galicia pola televisión -un 64%-. Un 34,5% fixérono a través da prensa dixital e un 27,9%, case un terzo, a través das redes sociais. É dicir, máis que a trávés da radio -21,3%- e a prensa en formato impreso -19%-.

Así o desvela o avance de resultados da enquisa postelectoral que fixo pública este mércores o Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS). Segundo a sondaxe, case un 42% de quen usaron Internet para informarse sobre os comicios preferiron redes sociais como X e Facebook. É dicir moi preto do 45% de quen optaron polas webs de medios de comunicación convencionais e o 11% de quen acudiron ás páxinas de partidos ou candidatos.

O PP de Alfonso Rueda gañou as autonómicas galegas cun 47,36% dos sufraxios e obtivo 40 escanos, dous por encima da maioría, absoluta; seguido do BNG de Ana Pontón -31,567% e 25 deputadas-, o PSOE de José Ramón Gómez Besteiro -14,04% e nove actas- e a Democracia Ourensana de Gonzalo Pérez Jácome -1,03% e un asento-.

Segundo a sondaxe, só un 2% dos enquisados cambiarían agora o seu voto nunhas novas eleccións, fronte ao 97% que votarían ao mesmo partido e o 0,8% que dubidarían se apoiar de novo á mesma formación. O 23,4% asegura que sempre vota ás mesmas siglas e un 20,4%, que case sempre repite opción. O 33,2% varía o seu voto ou non vota.

O 13,8% dos electores que exerceron o seu dereito ao voto o 18F decidírono na última semana de campaña. Un 54,2% xa tiña adoptada a súa opción antes de que esta comezase, fronte ao 9,4% queo fixeron ao comezo da mesma. Un 8,9% fíxoo durante a última semana un 2,1% durante a xornada de reflexión e un 2,8%, o mesmo día das eleccións.

Lei de amnistía

O estudo do CIS indica que para un 11% a lei de amnistía foi o tema máis debatido polos partidos e candidatos durante a campaña. O 8,4% opinan que foi a situación da sanidade pública; o 6,8%, a crise ambiental derivada da vertedura de pellets na costa; o 4,8%, as disputas entre partidos, e o 3%, a crise económica e a inflación.

Apenas un 0,5% cren que a campaña se centrou na precariedade e nos baixos salarios, a falta de oportunidades para os mozos, a inseguridade cidadá, a unidade de España e a inmigración.

A enquisa realizouse entre o 6 e o 9 de marzo mediante 4.077 entrevistas telefónicas aleatorias en 294 dos 313 municipios de Galicia, e ten un erro de mostraxe do 1,6%.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail