Douscentos venres negros: a loita dos traballadores da CRTVG contra a manipulación informativa

A plataforma Defende a Galega denuncia que o aínda presidente da Xunta «deixa Galicia cuns medios públicos ao servizo do Partido Popular»

Os traballadores e traballadoras da Televisión de Galicia cumpriron o venres 18 de marzo duascentas xornadas de protestas do movemento Venres Negros contra a manipulación informativa na Televisión de Galicia (TVG) e a Radio Galega ( RG), os medios da Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG).

Os Venres Negros están convocados pola plataforma Defende a Galega, galardoada no 2019 co premio José Couso de Liberdade de Prensa que entregan o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o Club de Prensa de Ferrol. Defende a Galega asegurou nun comunicado que despois de case catro anos de protestas, a dirección da CRTVG, que exerce Alfonso Sánchez Iquierdo, non deu ningún paso «para avanzar cara a uns medios públicos plurais, imparciais e neutrais».

«A RG e a TVG están cada vez máis lonxe de contribuír á formación dunha opinión pública plural e máis atentos a guiala cara a unha opción política concreta», afirman. «Alberto Núñez Feijóo deixa Galicia cuns medios públicos ao servizo do Partido Popular», engaden os portavoces da plataforma.

Tanto a oposición como o comité de empresa da CRTVG denunciaron en numerosas ocasións non só a manipulación da información nos medios públicos, senón as represalias e o ostracismo ao que ven sometidos os traballadores que se atreven a denuncialo ou que se significan nas protestas de Defende a Galega.

Un dos exemplos máis recente é o de Carlos Jiménez, locutor da Radio Galega que denunciou á empresa por abrirlle expediente, tentar despedilo primeiro e sancionalo despois, por significarse nas súas redes sociais en apoio de Tati Moyano, outra xornalista crítica que tamén fora represaliada pola dirección, e de que participase nas mobilizacións de Defende a Galega.

O pasado 28 de decembro, o xulgado do Social número 1 de Santiago considerou que a dirección vulnerara os dereitos fundamentais de Jiménez á liberdade de expresión e á tutela xudicial. Segundo a xuíza, a sanción que a dirección pretendía impoñer a Jiménez estaba «en directa relación causal e tamén temporal» tanto coas denuncias previas que expuxera contra a CRTVG -foi declarado traballador indefinido non fixo tras unha longa batalla xudicial- como «coa manifestación da súa discrepancia xornalística respecto a a política informativa da corporación» e a súa «activa e intensa participación» nos Venres Negros, que tiñan por obxecto «a denuncia por parte de diversos traballadores da entidade demandada do despregamento por parte da dirección da mesma de políticas de manipulación informativa».

Feijóo e Sánchez Izquierdo, nunha imaxe de arquivo / Foto: TVG

Non é o único caso de persecución de xornalistas e traballadores críticos coa manipulación da CRTVG en favor de Feijóo e do PP. A outra redactora, delegada de persoal e nai de dúas nenas, negóuselle o seu dereito para adaptar o seu horario laboral ás súas necesidades de conciliación. O xulgado do Social número 4 de Santiago, primeiro, e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), o pasado 2 de marzo, consideraron tamén que se vulnerou «o seu dereito fundamental a non ser discriminada en razón do seu sexo».

Os tribunais consideraron tamén que a Xunta tentou rebentar varias folgas, como a do 8 M, decretando servizos mínimos abusivos en varias empresas e instituticiones da admnistración autonómica, como a TVG e a Radio Galega. As represalias na CRTVG son práctica habitual na estratexia política de Feijóo prácticamente desde a súa chegada ao poder no 2009. Apenas dous anos despois, Alfonso Hermida e Ana Pérez, presentadores dos servizos informativos, foron apartados do especial electoral das eleccións xerais tras participar nunha folga contra a lei de medios audiovisuais que propoñía o PP.

Anos despois, no 2018, Hermida e Tati Moyano deixaron voluntariamente os seus postos de presentadores no informativo de maior audiencia para manifestar a súa discrepancia coas presións que recibían os xornalistas da casa para ofrecer informacións manipuladas e sesgadas en favor do Partido Popular e do presidente da Xunta. A oposición chegou a denunciar que unha das directoras de informativos da TVG foi interventora do Partido Popular en varios procesos electorais. Segundo fontes das traballadoras, a escaleta dos informativos supervísaa en persoa a secretaria xeral de Medios da Xunta, Mar Sánchez Sierra.

«Que os traballadores leven case catro anos e 200 xornadas de protesta pode parecer que di moito en favor da súa capacidade de loita e de resistencia, pero o que define en realidade é a pésima calidade democrática que se vive na CRTVG, que se converteu nun aparello de propaganda do PP», asegura Raquel Lema, responsable da CUT no comité de empresa. “«O que piden os traballadores de Defende a Galega non é unha mellora laboral ou salarial, senón que se cumpra o que din as leis sobre independencia, transparencia e pluralidade dos medios de comunicación públicos», engade.

Defende a Galega leva anos ofrecendo exemplos e probas de manipulación nos informativos da CRTVG, como a orde para limitar a cincuenta segundos a noticia da condena xudicial ao PP pola trama Gürtel; dar planos sen xente de manifestacións contra as políticas da Xunta; non ofrecer información sobre os incendios forestais ou non cubrir noticias sobre casos de corrupción do PP. Os exemplos máis recentes, segundo o diario dixital Praza Pública, foron a minimización de mobilizacións a favor da sanidade pública, unha emisión de bonos sostibles da Xunta que o locutor eloxia como «a marca de auga dos gobernos de Alberto Núñez Feijóo» e as declaracións dunha persoa citada para vacinarse nunha información sobre o covid que resultou ser o director do informativo de mediodía da TVG.

Luzes-Público tratou de obter a opinión da dirección da CRTVG sobre as denuncias de Defende a Galega, da oposición e dos sindicatos, pero o departamento de Comunicación de Sánchez Izquierdo non quixo dispor a ningún portavoz que puidese ofrecer a versión da empresa. A cambio, enviou a este diario unha resolución de cincuenta páxinas da Valedora do Pobo sobre as denuncias dos traballadores, na que a Valedora recomenda á dirección que atenda as súas demandas, e o texto dunha intervención de Sánchez Izquierdo na Comisión de Control da CRTVG no Parlamento de Galicia, na que se refire á citada resolución.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail