Putas con orgullo

Filla de puta. É, de lonxe, o peor insulto que pode recibir unha persoa -ademais de puta, sen máis, no caso dunha muller-. A explicación reside na connotación asumida que temos das prostitutas: mulleres que foden con putañeiros por diñeiro, algo que socialmente se construíu como algo noxento (por elas) e deshonroso (para elas).

Tamén está a parte da explotación, que sinala a trata, a escravitude, a cultura machista baseada na cosificación das mulleres e a percepción que se ten de nós coma un obxecto que se pode mercar e vender.

Pero hai putas máis alá das escravas. Non é estraño, tendo en conta que o Estado español está á cabeza de Europa en putañeiros por metro cadrado. Jordi Évole vén de mostrar, da man de Amelia Tiganus, a brutalidade e impunidade da trata, un mundo no que o 75% das vítimas son mulleres e nenas. A idea do programa foi boa, pero moitas televidentes seguimos botando en falta a cara B. As putas por oficio. As putas con orgullo de selo. As que se contabilizan no PIB, pero cobran en negro.

Aquí xa dei a miña opinión sobre os putañeiros e a súa contribución a como mira a sociedade as mulleres. Pero, xa que falamos de putas, hai que falar tamén das prostitutas que defenden con unllas e dentes o seu oficio. Porque así o consideran: un oficio.

Moitas televidentes seguimos botando en falta a cara B. As putas por oficio. As putas con orgullo de selo. As que se contabilizan no PIB, pero cobran en negro

Podemos estarmos máis ou menos de acordo en chamarmos «clientes» aos putañeiros. O que non podemos é discutirlle a unha puta o seu propio negocio. Si, existen as putas con orgullo, que non queren que se fale delas con eufemismos, que reivindican que se regule e se recoñeza o seu traballo e que se defendan os seus dereitos. Como, por exemplo, non seren multadas, criminalizadas e perseguidas pola súa actividade.

Esa realidade existe e dela non se fala por dous motivos: o primeiro, polo interese propio de moitos (moitísimos) en que a prostitución continúe existindo -é un habitual «obsequio» de benvida de todo gran congreso internacional de señores de negocios-; e, o segundo, polas persoas que queren acabar con ela, incluída certa parte do movemento feminista a miúdo pouco dialogante, e tamén parte da sociedade á que non lle importa o que lles pase ás putas despois da prohibición.

Emitir a entrevista a unha ex-vítima de trata en prime time está ben. Pero segue faltando diálogo coas prostitutas. Poucos artigos falan tanto da súa realidade como o da miña compañeira Esperanza Escribano, quen se molestou en coñecer as reivindicacións das putas do Raval, en Barcelona, para deixalo por escrito, e moi ben escrito.

Non falamos coas putas. E non é porque a elas lles falte orgullo, senón porque a nós nos sobra covardía, suficiencia e ignorancia. Temos que falar máis coas putas. Con todas elas.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail