Salma

A Salma secuestrouna, violouna e golpeouna durante 22 meses o seu exmozo. Durante ese tempo, o criminal, Alberto, tiña visitas da súa irmá e da filla. Estas dúas viron as marcas de negróns que tiña Salma no corpo, mais non dixeron nada. Nada. Imaxino que tiñan terror, que tiñan marcada na alma a violencia deste home.

Noutra ocasión, o desalmado pegoulle tal malleira que lle sacou un ollo. Daquela non lle quedou outra que deixala ir a un hospital. Nese centro de saúde, onde foi acompañada dunha muller amiga do criminal, non se sabe que pasou, pero tampouco denunciaron o estado de Salma. A súa familia si denunciou a súa desaparición en canto non puido comunicarse con ela. E que fixo a Policía de Murcia con esa denuncia durante case dous anos? Investigaron algo?

O criminal, que é español —se fose africano, VOX xa queimaría o pobo—, tiña antecedentes de maltrato. Xa lle dera unha somanta á súa exmuller, traficaba con drogas e vivía nun lugar que —se a policía tivese un pouquiño de enxeño…— parecía o escenario perfecto para facer desaparecer a calquera. O enorme fracaso da policía, ou do sistema, mete medo e dáme moita rabia. Mais a Salma case lle custou a vida. Non investigaron a súa desaparición porque son uns ineptos dun calibre insospeitado. Ou se cadra non investigaron e non fixeron o seu traballo porque a muller é «mora», como estou segura dirán moitos no corpo de seguridade do Estado. Se fose unha muller branca do Paseo do Prado, non se falaría doutra cousa polos séculos dos séculos.

Salma quiso deixar este mozo malnacido e volver coa súa familia para Barcelona. En canto dixo que marchaba, o bruto secuestrouna. Isto é un modus operanti que no noso país se repite case sempre, se non sempre. Os machistas violadores, asasinos e maltratadores son homes (sempre son homes, dá igual se son negros ou brancos) que pensan que a moza, ou a esposa, é da súa propiedade. Son reis ananos que levan o veleno do machismo dentro. E cando non son adorados, só saben matar. A muller é deles. É un obxecto que lles pertence. Teñen que sentir como eles digan. Teñen que facer como eles digan.

Hai uns días, outro bruto (non sei como chamarlles a estes seres que din ser homes) degolou a súa muller e a súa filla de 12 anos. E por que? Porque a muller o denunciara por malos tratos había un tempo. Non só pensan que lles pertence a muller, senón tamén as súas crianzas.

Din que a educación é unha das solucións para esta lepra que nos está matando a todas. O que está claro é que os homes do noso país teñen un problema maiúsculo para percibir as mulleres como seres independentes con liberdade para elixir e facer o que nos pete. Non é só o Alberto, traficante, maltratador e violador, ou ese tipo de Castellón que degolou a nai e a filla. Non é o nivel de educación o que fai que estas bestas se desboquen, golpeen e maten. Nos últimos días, ata o director da Policía Nacional foi acusado de violación. Se esa frase fose un tropo, comíame. O director, José Ángel González, foi acusado por unha inspectora que tivera unha relación con el. Ela non quería seguir co tema, pero con estes machos está claro que hai que poñer moita terra por medio para poder deixalos. Xa hai máis de 20 anos que Nevenka Fernández se enfrontou ao mundo das bestas. E gañou, mais tivo que exiliarse para poder sobrevivir.

As verdadeiras heroínas de noso país son estas mulleres que denuncian ou non, mulleres como Nevenka, Salma, a inspectora de policía que denunciou o director, a valente Ana Orantes e todas as anónimas que todos os días contan os seus calvarios na conta de Cristina Fallarás. Xa abonda. Salma salvouse ela soíña. Vai sendo tempo de acabar con este veleno que nos está matando.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail