Moción de desconfianza

As eleccións do domingo están a ter moitas interpretacións nas que cada quen incide nalgún factor salientábel: que si un aval para Feijóo, que si a validación de Rueda, o ascenso do BNG ou o fracaso da amnistía… Polo xeral, na análise da actualidade o conxuntural manda.

Hai porén un factor a destacar que se está a quedar nos teclados: o revés que ven de levar a reconstrución do bipartidismo no máis amplo cadro da superación da crise de réxime. Paradoxos segundo a perspectiva coa que se mire, o que aconteceu o 18F pode ter efectos mais fondos fóra que dentro da Galiza, camiño xa de eleccións vascas e europeas.

Botemos unha ollada no tempo. Galiza foi o primeiro lugar onde tivo impacto a vaga de mobilizacións do 15M. En 2012, Alternativa Galega de Esquerda irrompía como terceira forza, con case un 14% de voto e 9 deputados. Era a primeira fenda electoral no réxime do 78. A esta seguirían as de Podemos nas europeas de 2014, os «concellos do cambio» nas municipais de 2015 e as eleccións xerais daquel mesmo ano.

O bipartidismo afundíase de xeito imparábel. Nun só decenio, de ser exemplo dunha democracia de éxito á debacle. Ou para o caso: do 83,8% que PP e PSOE sumaban en 2008, antes do 15M, até o mínimo histórico do 45,4% nas xerais de 2019.

O pesadelo de PP e PSOE precisaba dunha catarse para saír adiante. Esta viría da mao dun recurso institucional previsto para emerxencias: a moción de censura. Entre 2017 e 2023 tiveron lugar catro das seis que houbo desde o 78. Só unha saíu adiante: a de Sánchez a Rajoy en 2018. A partires de aquí, co PSOE de novo á dianteira do vello bipartidismo, o réxime puido metabolizar a crise de fragmentación e polarización no sistema de partidos.

Grazas a moción de censura, de feito, Sánchez recuperou a centralidade perdida (centralidade que aínda volveu revalidar o pasado 23J). A piques de ser liquidado no seu propio partido, o líder socialista emprendeu a longa marcha da restauración do sistema de partidos por defecto; isto é: dous partidos moderados alternantes no goberno.

O fracaso do novo bipartidismo que impulsaran Iglesias e Rivera (no canto de mirar de transitar a un pluripartidismo) comezou a soprar a prol do vello. Na repetición de 2019, PSOE e PP xuntos obtiveron una tímida mellora até o 48,8%. O 23J sumaban un 64,74%. De menos da metade a dous terzos; lonxe aínda daqueles catro quintos dos vellos tempos.

Con todo, antes do 18F, non todo foron boas novas para o bipartidismo. Dous indicadores sintomáticos, previos a onte, advertiron das dificultades da restauración bipartidista. O primeiro, o fracaso de Gabilondo, que non foi quen de evitar que Más Madrid adiantase ao PSOE outra vez. O candidato do PSdeG, Besteiro, mesmo sendo un mellor candidato e facendo mellor campaña, colleitou un resultado aínda pior. Parecería que na estratexia de reconstrución bipartidista hai un certo interese no reparto funcional dos territorios.

Á vista dos resultados de onte, o 23J resignifícase por completo: de ser unha audacia de Sánchez, o restaurador do bipartidismo, a ser un voto en negativo condicionado polos excesos da dereita española. Onde existen alternativas coma o BNG, o voto a PSOE e PP xa non ten por que ser bipartidista. Onte xuntos baixaron do 67,35% ao 61,84%, o peor resultado da súa historia medrando á súa costa o BNG.

O segundo indicador revelador é o de Castela e León. Ao abeiro do éxito previo de Teruel Existe, apareceron listas da «España vaciada», expresión dun vector de crise territorial do que Democracia Ourensana podería ser unha réplica. Por sorte para o bipartidismo, a investidura de Rueda non dependerá de Jácome.

En definitiva, onte o pobo referendou unha «moción de desconfianza» no bipartidismo. Pola dereita avisou ao PP que só ten camiño para recorrer pola vía moderada. Pola esquerda advertiu ao tándem Sánchez-Díaz que non están a facer o que toca para afrontar a multicrise social, ecolóxica, bélica, etc. Polo nacionalismo deixou claro que o BNG de Pontón ten camiño por diante.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail