Loitando contra un tempo que se lle esfarela entre as mans, Rafael Pillado Lista (Ferrol, 1942) amosa a súa experiencia no mundo do traballo e reflexiona sobre o 1 de Maio e a situación da clase obreira nun tempo no que custa ver razóns para o optimismo. Faino entre entradas e saídas ao hospital, onde está a ser tratado dun cancro provocado polo amianto que acabou con boa parte da súa xeración na Bazán e contra o que segue a pelexar a través da asociación Agavida. Lévao co ánimo e cariño de moita xente que coñece e admira unha traxectoria insubornable ao servizo dos dereitos no mundo do traballo.
Fotografías de Kiko Delgado.
No prólogo do primeiro tomo das memorias colectivas de Rafael Pillado, O latexo da vida e da conciencia, lembra Manuel Rivas a canción «Working class hero» de John Lennon para asociala ao sindicalista ferrolán como un auténtico heroe da clase obreira, como «algo que hai que ser». Esa admirable raza crepuscular protagonista da loita tan ben retratada na segunda temporada da serie The Wire por David Simon como «un funeral polo mundo do traballo, os últimos días en que foi posible seguir os pasos do teu pai para ganar a vida». De Baltimore a Ferrol e ao mundo, estamos en tempos de guerra, pero hai que reflexionar, que diría Reixa, así que tiramos da experiencia dun animado Rafael para falar dunha realidade que coñece ben e sobre a que apunta se hai razóns para celebrar algo: A estas alturas ten máis sentido que nunca este 1 de Maio, cando menos para visibilizar a unidade nun mundo do traballo moi debilitado por este sistema que logrou dividir á xente coas súas poderosas armas. A data adquire un significado para tratar de recuperar unha iniciativa que perdeu folgos nos últimos anos por diversos factores».
Preguntado sobre a situación do mundo do traballo hoxe, afonda o ex-sindicalista cunha mirada ao pasado e ao presente: «É moi complexa. A nivel histórico hai que ter en conta o significado que no último século tivo a Revolución Rusa, esa ruptura cun mundo onde sempre mandaban os mesmos e outros obedecían, o nacemento dun contrapoder que fixo posible que o movemento obreiro acadara as súas conquistas. Non hai que esquecer a influencia que tivo, por exemplo, na creación do estado do benestar despois da II Guerra Mundial. Certo é que esa revolución derivou nun fracaso histórico, aínda que os seus alicerces están presentes en moitas conquistas. Co fracaso da experiencia soviética, as forzas capitalistas recuperaron desde os anos 90 moitas das cesións que fixeran.
Agora estamos nun momento en que o mundo do traballo está á defensiva, con poucas ferramentas de conter esa ofensiva. Na segunda parte das miñas memorias falo da experiencia en Bazán, unha empresa pública con carga de traballo, a quen lle vai ben e cun historial de conquistas na ditadura, que un día decide prexubilar á maioría dos traballadores. Sindicalmente, ese tema enfróntase sen analizar o obxectivo de fondo desa medida. E os sindicatos, tamén o meu, ven esa prexubilación como unha conquista social, xa que moita xente vai ter tempo libre e unha boa situación económica. Que sucedeu? Unha falta de análise sobre o futuro. Viuse o tema de xeito individual –boas condicións económicas, cincuenta e poucos anos e moita vida por diante– e non colectivo.
«Agora estamos nun momento en que o mundo do traballo está á defensiva, con poucas ferramentas de conter esa ofensiva»
A función sindical tiña que ter sido analizar o resultado desa medida desde un punto de vista de clase e explicarlle aos traballadores os seus riscos: non só para quen aínda estaba dentro, senón para as futuras xeracións. Enviouse para a casa a un cadro de persoal de 6.000 operarios, desconectando á nova xeración da anterior, que fora a vangarda da clase traballadora, pelexara contra a ditadura e tiña experiencia fonda. Os responsables desa decisión, empresa e Goberno, lograron os seus obxectivos co aplauso de boa parte da representación sindical e dos propios afectados. O sistema aprendeu ao longo dos anos, e empresas con miles de operarios acabaron sendo un conxunto de pequenas compañías cun número reducido de traballadores e dividindo, e ata a veces enfrontando, o que podía significar unha capacidade de presión».
«Coas prexubilacións de Bazán enviouse para a casa a un cadro de persoal de 6.000 operarios, desconectando á nova xeración da anterior, que fora a vangarda da clase traballadora, pelexara contra a ditadura e tiña experiencia fonda»
Neste punto, botando unha vez máis man da súa propia experiencia, denuncia Pillado o requintado labor de enfrontamento que o sistema acabou inoculando na clase traballadora: «No caso de Bazán ou Navantia, nun momento dado os traballadores das compañías auxiliares reivindican os seus dereitos e se atopan coa oposición da representación sindical dos operarios fixos, o que favorece as posición da empresa, cun argumento que nada ten que ver co mundo do traballo e a clase obreira: se volo dan a vós non nolo van dar a nós. Unha falacia na medida en que, se ti es capaz de sumar a presión do conxunto dos traballadores, os teus logros serán maiores. O sistema eliminou as grandes concentracións obreiras como laboratorios de pensamento político e sindical».
As razóns do presente descansan adoito nas decisión do pasado, e verbo do papel de sindicatos e partidos de esquerda afonda Pillado na súa visión crítica: «A Transición non rompeu coa ditadura en todos os aspectos. Aínda que é verdade que hai unha ruptura democrática, os mesmos poderes que dominaban na ditadura continuaron mandando en diversos campos: Igrexa, forzas armadas, economía… O PCE fixo o que puido, pero un dos grandes problemas da Transición foi o comportamento do PSOE, que negociou coa CIA, cos servizos secretos de Franco e foi refén da socialdemocracia alemá, de quen recibiu axudas económicas –lembremos o ‘caso Flick’–.
Este PSOE, no canto de apoiar unha idea de ruptura na Transición, o que fai é colaborar coa dereita democrática e pactar cos grandes poderes económicos e políticos. Ao PCE non se lle escapa iso, e ve que o camiño é o que ten que ser tendo en conta a correlación de forzas. De feito, o PSOE non forma parte da Xunta Democrática, na que dominaba o PCE. Crea a Plataforma de Converxencia Democrática coa democracia cristiá e a socialdemocracia coa intención de evitar unha estrutura política semellante á italiana, cun partido comunista forte e un socialista feble, e fai todo o posible para frear o proceso democrático.
Xa coa Transición en marcha, a democracia ía demasiado veloz para certos poderes e inventaron o intento de golpe de estado do 23F, co apoio do Rei. Aínda que non triunfara a parte máis ultra, si tiveron éxito en frear o proceso democrático, o estado das autonomías e outras iniciativas. Aquí enlazo coa liquidación do PCE, que á marxe de erros propios ten que ver coa acción do aparato de Estado, elementos que non querían afondar na democracia e de forzas como Comisións Obreiras (CCOO), que pasa a apoiar políticas de reconversión que, máis que económica ou industrial, foron de reconversión política. Iso axudou a afundir o Partido Comunista, ou sexa, que a súa desaparición significa a desaparición dun referente histórico capaz de manter esa batalla de forma continuada e os intentos de construír unha alternativa transformadora de esquerdas encontrárnose cunha muralla».
Para exemplificar isto último, Pillado bota man de paralelismos que ve na actualidade: «Aí está o caso de Podemos, contra quen se volcaron forzas e aparato do Estado, incluídos os seus socios de goberno, como se observa simplemente vendo os medios de comunicación públicos. Gobernan xuntos PSOE e Podemos e quen dirixe eses medios é a dereita deste país! Hai unhas semanas convocaban a ministra de Igualdade para preguntarlle non sobre asuntos de igualdade, senón sobre o tema do Sáhara, tratando de abrir brecha entre os socios de goberno. Falo dos medios públicos, que dicir dos privados! O presidente do goberno semella estar a traballar un estado de opinión que nun momento dado lle permita desembarazarse de Podemos e recuperar o bipartidismo que arrastramos durante anos. Un xiro á dereita que non é casual, como no tema do Sáhara ou, en xeral, o de sumarse a todo o que di Estados Unidos».
En canto á cerna dese labor sindical nos últimos anos, a súa experiencia histórica leva a Pillado a falar da clave despolitizadora das súas accións e apunta nomes coñecidos: «CCOO foi a peza fundamental na batalla contra a ditadura e hoxe segue a ser o sindicato principal no conxunto español. A desaparición do PCE significa a rotura fonda en CCOO, cunha consecuencia mantida por moitos dos seus dirixentes: a despolitización. Eu podía entender o exceso de influencia do PCE no sindicato, pero non a súa despolitización. Disto falo na segunda parte das miñas memorias. Unha deriva que xa é total con José María Fidalgo e Fernández Toxo.
«Eu podía entender o exceso de influencia do PCE no sindicato, pero non a súa despolitización»
A pesar da loita de sindicalistas lúcidos como o secretario xeral do metal, Juan Ignacio Marín, o sindicato supedítase ao plano trazado polo PSOE. Pero unha cousa é ter criterio partidista e outra criterio político, e sen criterio político o sindicato acaba como refén das forzas do poder. Este foi o labor de alguén como Fernández Toxo, dito por el mesmo. En xeral, hai unha renuncia de dirixentes que poñen aos sindicatos a disposición deses poderes económicos; a aceptar a política de reconversión nos 80, que non reconvertía nada, senón que en casos como o de Astano o que levaba era ao peche. Certo é que todo isto dáse nun momento de negociación con Europa, pero a nosa industria cámbiase polas necesidades de países como Alemaña. Necesitaban que houbera autoestradas para vender os seus produtos. Mira o que lles pasara con aquel camión alemán que quedara atascado no faro de Cedeira, non foi unha simple anécdota. Supeditouse a economía española a Europa e desapareceron unha morea de postos de traballo. Hai unha renuncia sindical a ter criterio político, a defender os intereses fundamentais do mundo do traballo, fóra das migallas que se repartiron nese percorrido, porque algo había que dar».
«Hai unha renuncia de dirixentes que poñen aos sindicatos a disposición dos poderes económicos; a aceptar a reconversión nos 80, que non reconvertía nada»
No entanto, a crítica de Pillado ten límites. Chega ata o recoñecemento do labor imprescindible dos sindicatos na defensa, nun sistema salvaxe, dos dereitos da clase traballadora: «Cando un bota unha ollada ao mundo actual, no que o neoliberalismo leva o selo da explotación dos pobos, e unha parte, a ultradereita, usa o nacionalismo para impor un modelo antidemocrático inspirado polos mesmos intereses, faise clara a necesidade dos partidos progresistas e dos sindicatos de clase. Eu critico moito a deriva sindical, pero reafírmome en que son imprescindibles para a defensa dos traballadores e a democracia. Sen eles, o poder neoliberal é libre de explotar e excluír á maioría. A resposta dos sindicatos ante o intento de debilitalos debe ser organizar unha forma directa de relación democrática cos traballadores. O propio nacemento de CCOO e o seu desenvolvemento amosan o camiño: enraizar nas bases do mundo do traballo. Pese aos grandes cambios vividos, aposto por esa vía xa experimentada».
Quizais a estas alturas o que podería sorprenderlle a Rafael Pillado da situación política e social actual é o ascenso interesado da ultradereita, como en Francia e boa parte de Europa, e dun neofranquismo que intenta aparecer como defensor das clases populares. Porén, non é así: «Non me pasma o de Vox. O problema do capitalismo hoxe é que está incapacitado para dar solucións de futuro aos problemas da poboación e do propio planeta. Necesita debilitar a partidos e sindicatos que lle fan fronte, e a iso ocupan un inmenso esforzo, que non haxa alternativa a este sistema. Unha das súas armas é a ultradereita, para que veña ‘aplanar’ nun momento de revolta aos traballadores, e todo iso vai unido á idea de reducir ao máximo o marco democrático, as liberdades e a capacidade de resposta das masas prexudicadas pola crise.
Outra cosa é se os partidos que se reclaman de esquerdas, no canto de defender os intereses do mundo do traballo se prestan a axudar aos grandes beneficiados: que se non podemos meterlle man ás eléctricas, e cousas así. Iso tradúcese na perda de confianza da poboación e á despolitización, que é a clave de todo. E a xente, cando ten un problema, busca quen llo resolva aínda que non teñas claro quen son os teus, porque hai un traballo previo de despolitización. Aí tes os medios de comunicación, onde todo é superficialidade. Quen apoiou a Hitler na Alemaña dos anos 30? Un pobo que chegara á conclusión de que quen tiña que representalos non o facía».
«Non me pasma o de Vox; unha das armas do capitalismo é a ultradereita, para que veña ‘aplanar’ nun momento de revolta aos traballadores»
E baixando á terra de casos máis concretos, lembra Pillado un suceso tan recente como ilustrativo: «Co gallo da pasada folga de camioneiros producíronse feitos escandalosos. Unha ministra que sinala a Vox como organizadora das protestas o que logra é entregarlle a Vox o éxito das mobilizacións. Dicir iso é dunha estupidez política supina. Se dis que detrás está Vox e, ao final, paraliza o país, estaslle e regalar un éxito rotundo á ultradereita. É dunha ignorancia brutal. Esa ministra tiña que ter dimitido, xa non pensando nos camioneiros, senón no propio PSOE e na xente que nese partido se sente de esquerdas, incluídos moitos deses camioneiros, por certo».
Continuamos a conversa falando do paso do «eu» ao «nós» vía PCE, da implicación dun cativo con inquedanzas na defensa da súa clase social nos anos 60, de espellos como o seu pai ou xente como Xulio Aneiros e Santiago Carrillo. De satisfaccións e sacrificios que iso conlevou persoal e familiarmente, do paso pola cadea –antes e despois de Marzo do 72– e de manter unhas ideas que pensou xustas colectivamente. E con inxustiza ve o desprezo que a súa xeración obtivo na chegada da democracia: «A comezos dos anos 80 acordárase indemnizar a quen estivéramos presos cunha cantidade, que non recordo cal era. Logo decídese que os menores de 60 anos non tiñamos dereito a esas indemnizacións. É un exemplo, e non me queixo polos cartos. O PSOE, xa non digo a dereita, tiña necesidade do relato dunha democracia traída polo Rei, mira ti, a estas alturas. En definitiva, unha falta de recoñecemento e respecto, de negar o noso papel. O intento permanente de reescritura da historia. Vemos como no 50 aniversario do 10 de marzo hai quen falou de Moncho Reboiras. Pero que tiña que ver o pobre Moncho Reboiras co que pasou aquí no 72? A nosa xeración foi ‘ninguneada’ no papel de traer a democracia. Chegaron a facer unha homenaxe no Congreso cando mandaba máis o sector progresista do PSOE, pero daquela maneira, para cubrir o expediente. Non, iso non se corrixiu».
A conversa avanza mentres falamos da transformación da loita política e sindical na social e os novos retos colectivos: a denuncia da planta de gas de Reganosa na ría de Ferrol, dos desafiuzamentos, da citada cruzada de 600 asociados só en Ferrol pola causa do amianto, etc. Moitas delas da man da asociación cultural Fuco Buxán, da que Pillado é socio de honra e coa que seguirá a involucrarse coa forza e paixón de sempre ata os seus últimos folgos. E si, un heroe da clase obreira, este Rafael Pillado.