Nin dialogante, nin moderado nin bo xestor: o ano no que se desinflou a imaxe de Feijóo fóra de Galicia

A Coruña.- Cando aterrou en Madrid hai pouco menos dun ano para suceder a Pablo Casado, Feijóo era a gran esperanza do PP. Cargaba na súa mochila as súas catro maiorías absolutas en Galicia e unha sólida imaxe de político honesto, moderado e competente que o convertía no candidato ideal da dereita. Ata a progresía mediática simpatizaba con el. Era algo así como ese cuñado de dereitas que calquera querería ter, se non queda máis remedio que ter un cuñado de dereitas.

O efecto cuñado de Feijóo foi de máis a menos e o globo desinflouse en apenas doce meses. As enquisas seguen a darlle un bo resultado nunhas eleccións xerais, pero a idea de gañalas por maioría absoluta que o PP acariñaba o ano pasado afástase sondaxe a sondaxe. Os erros recorrentes no seu discurso, as evidencias de que o currículo de bo xestor que labrou en Galicia ten moito de impostado, a súa falta de firmeza para posicionar o seu partido en temas clave para a cidadanía e a súa ambigüidade diante de Vox, que, segundo as enquisas, mantén case intacto o seu caladoiro de votos, desgastaron o seu liderado, cuxa fraxilidade se pon de manifesto cada vez que Isabel Díaz Ayuso quere.

Bo xestor?

Durante os trece anos nos que presidiu a Xunta, apenas transcendeu fóra de Galicia información algunha que xustificara a imaxe de bo xestor da que gozaba. Tampouco ningunha das que a contradín: baixo o seu mandato triplicouse a débeda pública, destruíuse emprego, recortáronse, privatizáronse e degradáronse a sanidade e os servizos sociais, ninguneouse a educación pública, desapareceu o sistema financeiro galego, deslocalizáronse industrias clave do tecido industrial, promoveuse un modelo de desenvolvemento baseado no eucalipto e a produción de enerxía, con enormes custos ambientais, e o galego perdeu falantes como nunca na súa historia.

Honesto?

Á marxe das fotos con Marcial Dorado, a marcha de Feijóo a Madrid puxo a lupa sobre actuacións polémicas do expresidente do PP que poucas veces pasaran da pequena e escasa prensa independente de Galicia. No último ano sóubose que contaba cun patrimonio esaxeradamente alto para o salario que recibía como presidente da Xunta; que entregara contratos millonarios á empresa que dirixe a súa irmá en Galicia; que colocara á súa curmá médica en postos relevantes da xestión sanitaria, e a outros amigos e afíns en cargos ben pagos que foron nomeados a dedo para dirixir chiringuitos e empresas públicas; mesmo se soubo que, sendo xa presidente do PP, deixouse convidar en zona VIP xunto ao seu sucesor, Alfonso Rueda, o presidente da Junta de Andalucía, Juanma Moreno, e as súas respectivas parellas, a un concerto organizado pola Xunta en Pontevedra.

Feijóo coa sua irmá Micaela.

Tamén se estendeu a idea de que Feijóo tiña labrada a súa imaxe en Galicia mediante a manipulación ao seu favor da televisión e a radio públicas e das axudas millonarias entregadas aos medios privados de comunicación da comunidade, que recibiron 45 millóns nos seus trece anos de mandato. De feito, ata empregou os seus últimos días na Xunta para achandar a súa aterraxe en Madrid con subvencións a dedo difíciles de xustificar aos grandes medios privados de ámbito estatal con sede na capital do Estado.

Estadista?

A dereita mediática acolleu ao expresidente galego cos titulares abertos. Pero para presidir o Consello de Ministros non abonda con ter fama de funcionario eficiente, e a Feijóo está a custarlle moito dar argumentos que lles permitan aos medios afíns glosalo con esa aura de estadista capacitado sen a que parece imposible gañar eleccións xerais. Ao contrario. Cometeu en público algúns erros que pisan a estreita liña que separa o acto errado do ridículo intelectual, como afirmar que Orwell escribiu 1984 en 1984; crer que Picasso era catalán; situar a Costa Dourada en Valencia e os Óscar en Sevilla; declarar que a súa lectura favorita é Poemas galegos, algo pouco crible, se se ten en conta que o que escribiu Rosalía de Castro foi Cantares gallegos; preguntarse por que as vacas só levan nomes femininos ou crer que as pescadas que se pescan no Gran Sol, fronte a Irlanda, poden chegar a atacar aos bañistas das praias galegas se os pescadores non as capturan.

Non todas esas afirmacións foron realizadas este último ano, pero as redes máis maledicentes recuperáronas e rebotáronas ata a saciedade. E máis aló desas patadas verbais máis ou menos hilarantes, o certo é que si son recentes algunhas mostras de preocupante ignorancia sobre asuntos sobre os que se lle presupón coñecemento dabondo: que non foi o goberno socialista de Sánchez, senón o de Rajoy, do seu propio partido, o que retirou a rebaixa de impostos pola compra de vivenda; que Podemos non ten senadores –a Feijóo estrañoulle a súa ausencia nun debate no Senado, onde el si ocupa un escano–, ou que as pensións non dependen dos orzamentos xerais do Estado, e non computan, polo tanto, á hora establecer o teito de gasto destes.

Hai uns días, nun dos medios que máis o consenten, o dixital El Debate, a xornalista que o entrevistaba preguntoulle se empezara a aprender inglés. Feijóo respondeu restándolle méritos a quen, a diferenza del, dominan ese idioma, alegando que cando un está a representar a España debe ter tanto coidado co «tempo do verbo» e a elección do «substantivo axeitado» que case é mellor deixalo en mans dun intérprete.

Feijóo e Santiago Rey, editor de La Voz de Galicia.

Moderado?

Durante os seus anos en Galicia, Feijóo presumía de que Vox non tiña presenza na comunidade. Probablemente foi iso o que máis entusiasmou do seu perfil ao aparello dun PP que aínda non deu coa forma de taponar o cano que desauga cara ao partido de Abascal os votos que os populares consideran propios. Con todo, lonxe de manter unha estratexia de confrontación coa ultradereita, Feijóo insinuou que, se lle fai falta, contará con Vox para gobernar, noticia recibida con estupor no Partido Popular Europeo; bendixo o seu acceso ao goberno de Castela e León e amosouse morno e seguidista na formulación e a condución dalgúns debates públicos.

Dialogante?

Grazas ás súas maiorías absolutas, Feijóo nunca necesitou pactar en Galicia. E desde que chegou a Madrid deu mostras de que agora tampouco dialoga se non lle convén. A súa negativa para acordar nas Cortes a renovación do Consello Xeral do Poder Xudicial, como establece a Constitución, incumprindo o pacto ao que chegara co PSOE e dando por inválidos os acordos previos do seu propio partido, puxeron en dúbida o valor da súa palabra e de manifesto a fraxilidade do seu liderado.

Porque o que transcendeu foi que tomou a decisión de romper as negociacións presionado por un whatsapp que lle enviou Isabel Díaz Ayuso. Semanas despois, o PP recorreu no Tribunal Constitucional, con maioría caducada de maxistrados afíns á súa formación, para evitar que se tramitase unha lei para desbloquear a súa renovación, o que derivou nunha das crises institucionais máis graves da historia da democracia española. Feijóo non tivo que aprender a dialogar durante os seus trece anos en Galicia, e tampouco a ser un bo orador parlamentario, o que, ao cabo, tamén o está desdebuxando nos seus debates con Sánchez no Senado.

Previsible?

O pasado 23 de xaneiro, o equipo de Feijóo montou unha perfomance no oratorio de San Felipe Neri, en Cádiz, onde se asinou a Constitución de 1812, para que o líder popular aparecera subscribindo un solemne contrato coa cidadanía que el xura cumprir, se gaña as eleccións previstas para o próximo outono, nos seus primeiros cen días de mandato. A montaxe e a mensaxe eran cuspidiñas a outro acto que representou en Santiago pouco antes das eleccións autonómicas galegas de 2009, onde anunciou outro pacto de rexeneración democrática que logo incumpriu durante os seus trece anos á fronte da Xunta.

Feijóo, co plan que presentou o luns en Cádiz (e), e co «contrato» con Galicia que subscribiu en febreiro de 2009.

O de agora tamén contén moitas e boas palabras, que chocan de fronte coa súa acción política. Como propoñer, a poucos meses das eleccións municipais, que sexa nomeado alcalde o cabeza da lista máis votada. Se Feijóo fose previsible e predicase co exemplo, polo menos impediría ou tería impedido que en Ourense, onde as eleccións anteriores as gañou o PSOE, seguira gobernando Gonzalo Pérez Jácome con 3 dos 27 concelleiros do pleno.

Coherente?

Feijóo meteuse ultimamente en varios xardíns, e un dos máis espesos atrapouno hai días cando asegurou que a lexislación española sobre o aborto, que o seu propio partido recorrera no Tribunal Constitucional, era «correcta». Os portavoces da Igrexa católica tachárono de traidor, e nas sedes do PP cansaron de recibir chamadas de militantes católicos sorprendidos polo repentino cambio de postura do seu partido.

Feijóo, que presidiu ata hai nada unha comunidade onde o 78% dos abortos se realizan na sanidade privada polas dificultades para facelo na pública, apresurouse a dicir «digo» onde dixera «Diego», pero sen aclarar se considera o aborto un dereito da muller nin explicar por que desde que accedeu ao liderado do PP estatal non procedera a retirar o recurso contra esa norma que considera correcta. O pasado venres anunciou que o PP non vai recorrer ao Constitucional a nova lei de interrupción voluntaria do embarazo, e tampouco explicou por que, a pesar de que o seu partido teimou en repetir que un dos preceptos da norma, o que permite o aborto das menores de 16 a 18 anos sen o consentimento dos seus pais, é inconstitucional.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail