A Coruña.- O Comité Intercentros dá Corporación Radio e Televisión de Galicia denunciou un novo caso de represalias contra un xornalista crítico coa manipulación informativa na empresa que xestiona os medios públicos dependentes da Xunta. Segundo o Comité, o traballador foi cambiado de posto na Radio Galega e destinado a un programa de televisión o día despois de negarse a manipular un texto informativo para ocultar que o índice de prezos ao consumo (IPC) subira máis en Galicia que no resto de España durante o mes de xaneiro.
Segundo explica o Comité nun comunicado, o redactor, que levaba case 25 anos na Radio Galega, foi informado o pasado xoves do seu cambio ao programa Galicia Noticias da TVG apenas 24 horas despois de que se negara a modificar a noticia sobre a subida do IPC elaborada para o informativo Crónica das 14h da radio. O texto que redactara comezaba dicindo: «Os prezos subiron en Galicia no mes de xaneiro un 6,4%. En toda España, a subida foi do 5,9%. Son os datos oficiais que hoxe [polo xoves] publicou o Instituto Nacional de Estatística».
A coordinadora do informativo cominouno a modificar o texto dicíndolle que a noticia non podía ir así, «xa sabes». O redactor negouse alegando que, se había algún dato erróneo, non tiña problema en modificalo, pero que el consideraba que a noticia estaba correctamente redactada. A que se emitiu finalmente daba unha versión distinta: «Dato definitivo do IPC: os prezos subiron en xaneiro en toda España un 5,9% con respecto a hai un ano. A inflación subxacente, que non conta nin os alimentos frescos nin os carburantes, sitúase no 7’5%. O prezo dos alimentos segue disparado a pesar da rebaixa do IVE dalgúns produtos básicos. Os alimentos son un 15,4% máis caros que hai un ano… Abaratáronse tres décimas con respecto ao dato de decembro. En Galicia, os prezos subiron no mes de xaneiro un 6,4%».
Este mesmo venres, o subdirector de Xestión dos Servizos Informativos da CRTVG, Alejandro López Carballeira, comunicoulle ao redactor o seu cambio para a partir do próximo luns, e xustificou que se trataba de «mellorar a súa produtividade». O traballador manifestoulle a súa sorpresa e a súa oposición á modificación das súas funcións, que lle foi referendada por escrito pouco despois polo director de Recursos Humanos, Víctor Tubío.
O Comité Intercentros interpreta este cambio, ao seu xuízo susceptible de constituír unha modificación substancial das condicións de traballo, como unha clara represalia contra o traballador, crítico coas prácticas de manipulación na CRTVG. «Están a vulnerarse todos os códigos éticos da profesión xornalística e dereitos fundamentais protexidos constitucionalmente, como a cláusula de conciencia e o dereito a informar libremente, sen que se poida represaliar ou prexudicar aos e as profesionais que se negan a participar na elaboración de informacións contrarias aos principios éticos da comunicación», afirma a representación laboral.
Luzes-Público púxose en contacto coa CRTVG para tentar falar con algún portavoz, pero a dirección respondeu por escrito alegando que así «dota as comunicacións de transparencia e rastrexabilidade». A empresa alega que o pasado xoves non fixo un, senón catro cambios de redactores; que estaban «planificados respondendo as necesidades do servizo»; que non respondían «a ningunha casuística particular»; que «son innumerables os intercambios» entre a radio e a televisión públicas, e que, ademais, «é potestade da empresa a organización do traballo, está feita con todas as garantías legais e é consubstancial a calquera medio de comunicación».
Os traballadores da CRTVG cumpriron o pasado venres 248 semanas de protestas –os Venres Negros– contra a manipulación informativa e o incumprimento por parte da Xunta dos compromisos recollidos na Lei Galega do Audiovisual, que foi impulsada polo PP con Feijóo na Presidencia da Xunta e que está en vigor desde 2011. A norma prevé a creación dun Consello de Informativos que vele pola despolitización das informacións, e establece que o director da compañía debía ser elixido por unha maioría cualificada no Parlamento de Galicia.
O PP, que nunca dispuxo desa maioría parlamentaria, leva trece anos impedindo que o Parlamento renove a dirección, que segue ocupando Alfonso Sánchez Izquierdo, nomeado por Feijóo nada máis chegar ao poder en 2009.
Con Sánchez Izquierdo ao mando, a CRTVG acumula centenares de sentenzas en contra por vulnerar dereitos fundamentais e laborais dos traballadores e traballadoras dos medios públicos. A última delas condenou á compañía para indemnizar con diñeiro público ao xornalista Carlos Jiménez, quen, segundo consideraron probado os xuíces do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, foi perseguido e expedientado por apoiar os Venres Negros.
O Comité Intercentros asegura que transmitiu á dirección «a súa condena radical» desas «prácticas de manipulación informativa e represión», pide que cese «nos seus ataques e abusos continuos ás traballadoras e aos seus representantes» e anuncia que convocará asembleas «para dar unha resposta contundente que implique a todo o persoal».
O novembro pasado, miles de persoas manifestáronse en Santiago contra a manipulación na CRTVG. Os traballadores tamén denunciaron ameazas da dirección, e os servizos informativos da casa tamén manipularon a información sobre esa protesta para restarlle impacto e que pasara desapercibida.