As cinco falacias

En época preelectoral como a que andamos, máis se cabe que o habitual, recupera relevancia a preocupación polo debate político co populismo de ultradereita ou de dereita extrema que vai medrando con altibaixos en Europa e alén. En democracia, o único xeito de evitar que ocupen as institucións é gañarlles o relato, non permitir polos votos que definan o NÓS, os elementos da identidade colectiva que nos unen como sociedade.

Vemos nos parlamentos e nos faladoiros o difícil que é debater de política cun populista. Son «bandoleiros semánticos… sempre poden superar o teu sarcasmo coa súa vulgaridade» di deles Ece Temelkuran, unha xornalista turca que leva uns anos exiliada denunciando as barbaridades do réxime de Erdogan. No seu libro Como perder un país de 2019 relata as estratexias que resultaron fallidas para contrarrestar o discurso ultra que se foi instalando en Turquía e que rematou por entregar a propiedade do NÓS turco a Erdogan, e deixou fora de xogo a oposición democrática, que pensaba que era imposible que sucedera o que acabou por suceder.

Nese esforzo de Temelkuran por identificar, clasificar, analizar… o que alí fixeron mal, para axudarnos a evitalo, resúltame especialmente interesante o que ela chama as cinco falacias do discurso deste neofascismo populista. As falacias son recursos do relato, argumentos falsos, enganosos, e non contrastados, usados para cualificar ou dar peso a unha explicación que en realidade non se sostén. Funcionan porque poñen en marcha mecanismos (nesgos) cognitivos que as favorecen, son simples, negativas, estereotipadas, doadas de viralizar. Esas cinco que destaca a escritora turca, xunto con outras, podémolas detectar no aquén.

Ad populum: algo é certo porque se supón que moita xente (o pobo) así o cre. Adoitan empezar co retrouso hiperbólico «todo o mundo sabe que…» ou cunha figura semellante como «a España que madruga». Crer e saber son cousas ben diferentes, todo o mundo é moito mundo, demasiado mundo, e a España que madruga é tan diversa como a que fica durmida. Adopta as veces a forma inversa, tratar ao contrario como unha minoría sitúaos na posición maioritaria. Así escoitamos decote falar da ideoloxía minoritaria, en debates sobre leis que son aprobadas con maiorías amplísimas nas Cortes. Maiorías nas que eles non están.

Ad hominen, en moitos casos ad mulierem. Consiste en refutar un argumento atacando persoalmente a quen o propón. A preferida da dereita española. Temos exemplos para encher varios campos de fútbol, que dirían os clásicos. Como vai facer ben unha lei unha caixeira de supermercado? Un combo de clasismo e sexismo dificil de superar. A caixeira en cuestión, agora ministra, é licenciada en psicoloxía, e as leis escríbenas os gabinetes xurídicos dos ministerios, pasan polo consello de ministros, por un relatorio parlamentar onde se debaten as emendas dos grupos, e finalmente por votacións no pleno de congreso e senado. A responsabilidade do resultado final está bastante repartida, porén a culpa de quen é? É da caixeira.

Ad absurdum úsase para ridiculizar ao contrario. É moi do gusto do noso Alberto. Acaba de facer unha demostración en Canarias nos comentarios sobre os cambios no código civil que incorporan unha terminoloxía inclusiva non binaria para denominar as persoas proxenitoras. Eu non son un proxenitor, son un pai. A broma contén unha falsidade -as palabras nai e pai non desaparecen do código- porén sérvelle para reivindicarse como adaíl dos roles e nomes tradicionais que este goberno «frívolo e ignorante» por en perigo. Quérennos arrebatar o ser pais! Ti bota lama que costa de limpar. Corres o risco, claro, de facer o ridículo por ignorante. Supoño que o dan por descontado.

E aínda dúas falacias máis, ad hoc que presenta as probabilidades como consecuencias inevitables, transforma o poder ser no ser aínda sen evidencias, incluso con evidencias contrarias. E ad ignorantiam que apela a veracidade dun argumento porque non é refutable, porque o adversario non pode demostrar o contrario nese momento e non ten a capacidade ou a falta de honestidade de inventar sobre a marcha unha resposta.

Moitas veces no debate político non se fai o esforzo de analizar este discursos para desmontar as falacias coas que se elaboran. Se cadra non hai tempo ou non é posible desmontalas ou non ten moito impacto no público aínda que se faga. Funcionan por algo, non parece casual que estean tan presentes no discurso da ultra dereita, e non só.

Mais como público asistente ao espectáculo electoral é unha malla retórica que nos permite separar o trigo da palla. E en tempo electoral hai moita palla.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail