Cando dende Génova 13 observas como ese partido-empresa que é Ciudadanos estache a adiantar pola dereita en temas como o territorial, intentar sofisticar a guerra cultural que levas anos practicando, é unha interesante manobra. O obxectivo: facer do escándalo e a discusión moral o centro da política, borrando e desfigurando por unha parte os marcos morais impostos polo progresismo, e pola outra, eclipsar o conflito económico co conflito moral.
Todo o que está acontecendo en torno ao pregón do Entroido compostelán, mostra novamente como no PP hai unha regresión cara o seu nacional-catolicismo máis duro, quizais tamén vinculado co fin da violencia de ETA, e coa procura dunha identidade que permita tensionar con guerras culturais a súa base social. E por suposto, continuar creando escándalos en torno á cultura –a gran prexudicada- que desvíen a atención de novos casos de corrupción ou da mala xestión presente e pasada.
Con esta tipoloxía de batallas culturais ansían desprazar o clásico conflito de clases, cara o das clases populares contra elites progresistas intelectuais. Un populismo de dereitas que busca soster a batalla sobre un suposto desprezo da esquerda cara as clases populares. Unha trampa moral onde a esquerda caeu, desprazándoa do lugar dos conflitos materiais para verse engulida nunha guerra cultural que a dereita ten gañada de antemán pola total falta de escrúpulos.
No PP hai unha regresión cara o seu nacional-catolicismo máis duro na procura dunha identidade que permita tensionar con guerras culturais a súa base social
Nunha sociedade onde se condecora a torturadores mentres se encarcera a tuiteiros e rapeiros, o retroceso político-social manifestase tamén xuridicamente. Unha viñeta do Roto en 2013 indicaba: «como no creéis en los pecados, los convertiremos en delitos»; algo moi sinxelo cun artigo 525 do código penal que permite castigar a quen faga escarnio dos símbolos dunha relixión, e cuns xuíces que interpretan este artigo no sentido de que se os practicantes dunha relixión se senten ofendidos, xa existe a ofensa.
Polo tanto, a ofensa non depende de que un xuíz diga obxectivamente que en calquera aspecto da sociedade algo é ofensivo, senón que determinadas persoas se sintan ofendidas; e, por suposto, sempre vai existir alguén ofendido na órbita da Conferencia ePPiscopal. No caso que me levou a xuntar estas letras, quen máis levantou a voz foi unha asociación ultracatólica denominada Asociación Española de Abogados Cristianos; asociación ultraconservadora vinculada a HazteOir e coñecida polas súas posturas antiabortistas, contrarias o cumprimento na aplicación da Lei da Memoria Histórica –o #RespetaMiFe tamén o utilizaron recentemente para posicionarse en contra da retirada da Cruz franquista de Callosa de Segura-, e especialmente, por formular numerosas demandas xudiciais contra artistas e políticos.
Quen máis levantou a voz foi a asociación ultracatólica de Abogados Cristianos, vinculada a HazteOir e coñecida polas súas posturas antiabortistas e contraria á Lei da Memoria Histórica
Desgraciadamente, no Estado español, cuns tipos penais tan amplos, todo depende do xuíz. Cunha ampla maioría dos nosos xuíces católicos, algúns moi practicantes, se fas unha broma sobre o Corán ou Mahoma non tes problema, outra historia é, tal e como estamos a sufrir, con todo o que rodea ao orbe católico, apostólico e romano.
Cadaquén debería poder opinar o que queira, e é a nosa obriga defender esa liberdade de opinión e de expresión para que se poidan facer bromas sobre que unha personaxe ficcional de Aragón lle practica unha felación a outro do que algúns contan con orgullo que ten baixado do ceo para matar musulmans, «rojos», indios ou composteláns insurrectos contra o bispo Berenguel de Landoira; pero tamén –aínda que non nos fagan graza- para que Moncho Borrajo, Bertín e Arévalo continúen facendo chistes sobre minorías, ou que o ex-alcalde non electo da capital de Galicia poida realizar as súas performances de humor involuntario en las orillas del Sar.