O accidente de Angrois, exemplo de como non debe tratar o Estado ás vítimas

A Coruña.- Teresa Gomez-Limón viaxaba nun dos vagóns do tren Alvia que o 24 de xullo de 2013 se estrelou na curva da Grandeira, en Angrois, a poucos quilómetros de Santiago de Compostela. Morreron 80 persoas e 145 resultaron feridas. Teresa conta que tras coñecer o que ocorrera en Adamuz (Córdoba) o pasado domingo, apenas puido durmir: «Volveron os recordos, as imaxes tremendas daquel día… Pero sobre todo, o que sentín foi ira. Si, ira, porque me identifico coas vítimas e témome que sei o que vai pasar agora con elas».

As vítimas do Alvia de Angrois e as súas familias tiveron que esperar nove anos para que se celebrase o xuízo, cuxa sentenza de primeira instancia non se coñeceu ata xullo de 2024, cando moitos afectados xa faleceran, algúns sen sequera recibir a indemnización que lles correspondía –as aseguradoras acabaron pagando máis de dez millóns de euros–. Polo camiño, enfrontáronse á Xunta de Alberto Núñez Feijóo e aos gobernos de Mariano Rajoy, e logo aos de Pedro Sánchez, aos que acusan de mentir ou silenciar a verdade para tapar as presuntas responsabilidades do caso, que afectaban tanto ao PSOE –baixo cuxo mando se deseñou, construíu e inaugurou a liña– como ao PP –encargado da súa xestión cando ocorreu o accidente–.

«Agora todo o mundo simulará ter un comportamento exemplar e implicarase cos afectados, pero eu xa non me fío», sostén Teresa, piscóloga forense de violencia de xénero e licenciada en ciencias da información. Pasou un mes hospitalizada e outros oito de baixa polas feridas que sufriu en Angrois. Cando ocorreu o sinistro era deputada autonómica do PP na Asemblea de Madrid, e foino ata 2015, aínda que o último ano pasouno no grupo mixto tras abandonar o partido en 2014. «Digo que non me fío», aclara, «non só polo que nos pasou a nós, senón porque vin como os malos tratos institucionais cos afectados, é dicir as mentiras, o silencio e o desprezo, se repetiu de maneira case idéntica en casos similares: o metro de Valencia, o Alvia, o Iac 42, o avión de Spanair… Coma se existise un protocolo para ningunear as vítimas».

Mariano Rajoy, Alberto Núñez Feijóo e Ana Pastor, nunha visita aos restos do Alvia / Foto: Ministerio da Presidencia

En maio de 2014, a Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) emitiu un ditame que estableceu que as causas do accidente foron unicamente o exceso de velocidade e un descoido do maquinista, pero sen ter en conta os fallos de seguridade na infraestrutura ferroviaria, que denunciaban os daminificados –fixérono tamén a través do documental Frankestein 04155–, e que permitirían que o tren entrase a máis de 190 por hora nunha curva limitada a 80.

A través da eurodeputada do BNG, Ana Miranda, os afectados recorreron ao Parlamento Europeo e lograron que a Comisión Europea estudase a súa petición e encargase unha informe á Axencia Ferroviaria Europea, que estudou o caso e concluíu que a CIAF non actuara de maneira independente de Renfe, propietaria do tren, nin do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif), xestor da vía, a cuxos responsables se exculpou. Bruxelas abriu un procedemento de infracción a España e ordenou repetir a investigación, o que ata a data non sucedeu.

«Por mor de toda aquela loita e daquelas denuncias logramos que se modificasen máis de 80 normas sobre seguridade ferroviaria», explica Miranda, quen asegura comprender «o horror» polo que están a pasar os afectados polo accidente de Adamuz. A eurodeputada espera que as administracións aprenderan «as leccións de Angrois» e advirte de dous requisitos para que non se profunde na súa dor. «En primeiro lugar, ás vítimas hai que atendelas, escoitalas e telas en conta no tempo, non só agora para darlles o pésame e logo esquecelas. E en segundo termo, ten que haber unha investigación realmente independente que busque a verdade, e non outros intereses, para que ninguén que vise esnaquizada a súa vida teña que pasar  dez anos buscándoa pola súa conta, como ocorreu con feridos e familiares de falecidos no accidente de 2013».

Concentración de vítimas do accidente do Alvia en Angrois na Cidade da Cultura, onde se celebrou o xuízo / Foto: Plataforma de Vítimas do Alvia

Sobre esa investigación independente, Teresa Gómez-Limón e outra vítima que preferiu gardar o seu anonimato, alertan de que o actual presidente da CIAF, o organismo que deberá investigar o sinistro de Córdoba, é Ignacio Barrón de Angoiti, exexecutivo de Renfe e quen estivo á fronte da comisión técnico-científica que creou o Goberno de Mariano Rajoy para a traxedia de Angrois. No currículo que ofrece na web Ignacio Barrón Innovative Business, unha consultora da súa propiedade especializada en asuntos ferroviarios, o directivo detalla no seu currículo que ingresou en Renfe en 1981 e que da súa etapa nesa empresa estivo «seis anos como xerente de grandes terminais en Madrid, Chamartín e Atocha», e que «desde esta última estación participou na posta en funcionamento da primeira liña de Alta Velocidade en España, Madrid-Sevilla». É dicir a mesma na que sucedeu a traxedia do pasado domingo.

O 26 de xullo de 2024, máis de once anos despois do accidente da Grandeira, o Xulgado de Instrución Número 2 de Santiago condenou a dous anos e medio de cárcere ao maquinista do tren Francisco José Garzón, e a Andrés Cortabitarte, director de seguridade na circulación de Adif. No seu día, as vítimas denunciaron que este último gozara de trato de favor no procedemento xudicial e que a Avogacía do Estado, lonxe de posicionarse para defender os afectados, mesmo ocultara documentos para exculpalo, aleccionado testemuñas para que sostivesen a versión que favorecía a Adif e condicionando os testemuños dos peritos no mesmo sentido. A Audiencia Provincial da Coruña estuda máis de cen recursos, e a plataforma Vítimas do Alvia recorreu ao Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos alegando que non tiveron un xuízo xusto.

Os portavoces desa organización declinaron este luns facer declaracións públicas sobre o acontecido en Adamuz, por respecto á dor e ao loito das vítimas desa traxedia. Consultados por Luzes-Público, remitíronse á mensaxe de solidariedade, apoio e afecto para cos afectados da localidade cordobesa que publicaron nas súas redes sociais.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail