Condenan ao Ministerio de Transportes por acosar a unha traballadora da empresa pública de navegación aérea en Santiago

A Coruña.- O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia anulou a sanción imposta a unha traballadora da empresa pública Enaire á que acosou durante anos xunto a outra compañeira pola súa condición de delegadas de persoal no centro laboral de Santiago pola Confederación Intersindical Galega (CIG).

Os xuíces condenan a Enaire a devolverlle os salarios non percibidos durante os sesenta días de suspensión de emprego e soldo con que a castigou e a indemnizala con outros 15.625 euros por danos morais pola vulneración dos seus dereitos fundamentais, como negarlle a información que solicitaba para o exercicio do seu cargo sindical porque a reclamaba en galego.

Enaire é a empresa pública que xestiona o espazo aéreo español, responsable do control do tráfico aéreo e principal provedora de servizos de navegación aérea do Estado. É a accionista maioritaria de Aeroportos Españois e Navegación Aérea (Aena), depende directamente do Ministerio de Transportes e Movilidad e o seu director xeral é Ángel Luís Arias Serrano.

Segundo denuncia a CIG, en 2015, tras a folga de controladores aéreos daquel ano, as dúas traballadoras empezaran a sufrir varias «situacións de presión laboral» que en reiteradas ocasións puxeron en coñecemento do comité de seguridade e saúde da empresa e da Inspección de Traballo.

En 2020, denunciaron que Enaire lles denegara información sobre cuestións como os protocolos covid, e as condicións de teletraballo porque os escritos e correos electrónicos que enviaban a recursos humanos estaban redactados en galego.

«Acoso laboral ascendente»

En febreiro de 2021, foi a propia empresa a que as expedientó acusándoas de «acoso laboral ascendente» (sic) cara ás responsables do departamento de recursos humanos. Enaire contratou mediante concurso público unha auditoría externa ao despacho de avogados Cuatrecasas, e tamén pagou os gastos da peritaxe psicolóxica das superiores ás que supostamente acosaban por elevación. Sobre a base a eses informes de encarga, sancionounas con sesenta días de suspensión de emprego e soldo.

«Enaire deseñou unha estratexia empresarial para presionar ás delegadas da CIG á que destinou unha inxente cantidade de recursos económicos públicos», denuncia Nacho Pavón, responsable en Santiago da Federación Galega de Alimentación, Mar, Transporte, Téxtil e Telecomunicacións (FGAMT) da CIG.

As traballadoras recorreron as súas respectivas sancións #ante os xulgados do Social, que as consideraron inxustificadas. E apelaron ao TSXG reclamando a súa nulidade. No seu primeiro ditame sobre o caso, o Alto Tribunal autonómico entende que o castigo non só non está xustificado, senón que debe ser anulado e a afectada, indemnizada por violación dos seus dereitos fundamentais.

A CIG confía en que o caso da súa compañeira os xuíces fallen no mesmo sentido dado que se trata de supostos idénticos.

Os tres maxistrados da Sala do Social do TSXG –Beatriz Rama Ínsua, María Teresa Conde-Pumpido e Carlos Villarino Moure– consideran que a sanción imposta á traballadora «aparece por completo ausente de feitos que lle poidan dar sustento», que os extremos que Enaire imputoulle «non foron acreditados» e que a empresa non ofreceu «unha xustificación obxectiva e razoable para a sanción imposta».

As probas presentadas por Enaire para documentar o suposto «acoso laboral ascendente», a xuízo do TSXG, non acreditan «fustrigación, presións, ataques á dignidade, insubordinación, deslealdade, etc.» das traballadoras cara aos seus superiores, nin os seus escritos e mensaxes conteñen «linguaxe inadecuada, degradante ou humillante» tal e como pretendía facer ver a empresa.

Sentenza en galego

O texto orixinal da sentenza, ademais, está escrito en galego, o que a CIG, que considera que actuación discriminatoria da compañía con respecto ás delegadas vulnerou o dereito de todas as traballadoras a ser representadas por elas, tamén ve como «unha clara mensaxe» a Enaire.

O fallo non é firme e contra ela cabe recurso de casación de doutrina no Tribunal Supremo. Público dirixiuse a Enaire para saber se a prevé facer uso dese dereito, se contempla tomar medidas contra os responsables do acoso e ofrecerlle que valore o contido do ditame xudicial. Ao peche deste artigo, a compañía non contestara.

A CIG, pola súa banda, denuncia que Enaire mantén a estratexia de acoso contra a traballadora, quen, despois dunha baixa médica, «leva sen ocupación efectiva desde a súa reincorporación, dedicando unha mínima parte do tempo unicamente a cursos de formación e non ás súas funcións habituais». Ademais, «nin sequera lle deixan escoller os seus períodos de vacacións pendentes» e lle manifestaron o desexo da dirección «de que se cambie de centro de traballo».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail