A negativa de Martiño Noriega a encabezar a candidatura de Sumar deixa a Yolanda Díaz sen socios en Galicia

A Coruña.- O proxecto político co que Yolanda Díaz pretende aglutinar á esquerda alternativa en España quedouse sen socios precisamente na súa terra.

Todas as formacións que ata o de agora a acompañaron e apoiaron en Galicia nos últimos anos, impulsando a súa carreira política recente, foron excluídos de Sumar ou rexeitaron compartir carreira electoral co partido da vicepresidenta para os próximos comicios autonómicos.

As eleccións están previstas para xullo, pero todos os partidos, incluído o PP, traballan desde hai semanas nun escenario de precampaña á espera de que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, as adiante a febreiro ou a marzo.

A última formación en non subir ao carro foi Anova, a organización nacionalista liderada por Xosé Manuel Beiras e Martiño Noriega á que Díaz estivera aliada desde que en 2012 configurasen a Alianza Galega de Esquerdas (AGE), o embrión do movemento compartido con Podemos, EU e as mareas.

A Coordinadora Nacional de Anova rexeitou o pasado sábado -o mesmo día en que Díaz presentaba na súa sociedade o seu proxecto galego sen Podemos nin Esqueda Unida- calquera aproximación para Sumar, segundo confirmaron a Luzes-Público fontes próximas á dirección dos nacionalistas.

Sen candidato

Trátase dunha decisión contundente e moi significativa se se ten en conta que Díaz ofrecera a Noriega encabezar a candidatura á presidencia da Xunta, a pesar que de que en xullo pasado Beiras xa pedira o voto para o BNG nas xerais do 23X. Entón dixo que se fiaba mais dos seus excompañeiros, que agora lidera Ana Pontón, que «da esquerda estatal».

Imaxe do acto de Sumar o pasado sábado na Coruña / Foto: Sumar

Nesta ocasión, en Anova non sentou nada ben que Sumar ofrecese a cabeza de lista ao seu portavoz nacional ponteando a súa dirección e sen ter en conta a opinión do resto de socios. De feito, en días pasados o propio Noriega mostraba en privado o seu malestar por esas formas e a súa escasa inclinación persoal a aceptar a oferta.

Previamente, Díaz tamén sondara á exconselleira do BNG Teresa Táboas.

O feito de que Sumar Galicia non fose capaz de reintegrar ás forzas de esquerda alternativa e que, ao contario, a súa chegada servise para dividir ese espazo político, tamén molestou entre o nacionalismo non adscrito ao Bloque.

Imposicións

Segundo as citadas fontes, as imposicións que a vicepresidenta segunda trasladaría ao resto de formacións coa idea de que se «diluísen» en Sumar son «inasumibles», e poñen ademais en risco a posibilidade de que a maioría social de esquerdas en Galicia se concrete no Parlamento de Galicia para acabar cos 14 anos de Goberno do PP.

A soidade de Sumar, que aínda non ten candidato ou candidata á presidencia da Xunta a pesar de que o país xa esta en precampaña, fíxose patente o pasado sábado na presentación da súa plataforma galega, á que apenas asistiron 500 afíns na Coruña. Na campaña do 23X, coa alianza con Podemos e EU xa pechada, foron varios miles de persoas que se achegaron ao mitin de Yolanda Díaz nesa mesma cidade.

Imaxe do acto de Sumar na Coruña na campaña das xerais do 23X / M. G.

Tamén o sábado, a dirección de Esquerda Unida-IU descartou «categoricamente» nun comunicado que se integrara no movemento de Díaz, como estaban a filtrar cargos e traballadores de Sumar.

A organización que dirixe a exvicepresidenta do Parlamento galego Eva Solla tamén anunciou que, «a falta de propostas concretas» por parte Sumar, comezaba «a traballar na preparación da súa propia candidatura para as próximas autonómicas».

Podemos estará nas eleccións con ou sen Sumar

As conversacións entre Sumar e Esquerda Unida esgotáronse o mesmo día en que os responsables do partido de Díaz comunicaron o domingo día 10 a súa ruptura con Podemos en Galicia, despois de que as deputadas da formación violeta no Congreso se pasáran ao grupo mixto.

Pola súa banda, fontes de Podemos Galicia aseguraron a Luzes-Publico que se Sumar os descarta definitivamente, manterán a folla de roteiro que previran para buscar confluencias co resto de forzas aliadas para armar unha candidatura alternativa.

O coordinador do partido en Galicia, Borja San Ramón, garantiu nunha entrevista publicada o pasado venres en Faro de Vigo que o proxecto de Podemos «estará presente nas eleccións» autonómicas con independencia do que faga Sumar.

Luzes-Publico tentou obter a versión do partido da vicepresidenta sobre se aínda é posible un acordo, pero os seus responsables de prensa en Galicia non quixeron contestar ás chamadas e mensaxes deste medio.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail