Arxentina, país de calamidades

Bos Aires.- Tac. Tac. O son seco pode escoitarse en varios dos vídeos rexistrados na noite do último 1 de setembro na esquina das rúas Juncal e Uruguay, no barrio porteño de Recoleta. A vicepresidenta da Arxentina e dúas veces presidenta (de 2007 a 2015), Cristina Fernández de Kirchner, leva minutos saudando os seus seguidores, asinando libros e posando para as fotos selfies. En oito minutos serán as nove da noite. Tac. Pode escoitarse o son xusto cando ela baixa a cabeza porque un dos exemplares do seu ensaio Sinceramente, que pretendía dedicar, cae ao chan. O que puido pasar, se a maior líder política do país e unha das máis importantes da rexión fose vítima dun magnicidio, leva varias semanas ocupando a mente dos arxentinos. O que pasou, tamén.

Imaxes retransmitidas en TVE do intento de asasinato de Cristina Fernández de Kirchner o pasado 1 de setembro.

«Hai catro clases de países –explicou o economista e premio Nobel de Economía en 1971, Simon Kuznets–: os desenvolvidos; os que están en vías de desenvolvemento; Xapón, que non ten nada pero ten todo; e a Arxentina, que o ten todo e non ten nada». Ademais dun inventario de recursos naturais que van dende reservas de auga doce, pesca, gando a terras fértiles e enerxías diversas; dunha superficie de 2.780.400 quilómetros cadrados; e unha poboación de 47 millóns de persoas sen conflitos nin raciais nin relixiosos nin doutro tipo; o país austral ten unha historia institucional nova, na que apenas conta algo máis de 200 anos. Velaquí o todo que ten segundo Kuznets.

Con esas posibilidades, o país ten a metade da súa xente vivindo na pobreza (cando non na miseria). Segundo datos oficiais elaborados polo Instituto Nacional de Estadística y Censos (Indec), os ingresos promedio per cápita da poboación máis carenciada foi no último mes duns 78 euros mensuais (23.628 pesos arxentinos). O nada de Kuznets.

Manifestación de apoio a Cristina Fernández de Kirchner o 2 de setembro nas rúas de Bos Aires (luzencor – Flickr Commons).

Así, a pobreza e a crise económica, un panorama ben coñecido no país do «corralito» e da maior débeda externa de todo o mundo, ten na memoria recente a ditadura militar máis salvaxe da rexión (con 30.000 desaparecidos, torturados e asasinados e 400 nenos roubados que as Avoas da Praza de Maio aínda buscan). Deses seis anos de espanto saíu o país, tamén hai que lembralo, cun proceso xudicial de investigación e condena exemplar no século XX. Algo daquel pacto democrático quebrou nos últimos anos. E desa fenda é que xorde o tac que gatillou un home de 35 anos a 15 centímetros da cabeza de Cristina Fernández de Kirchner na noite do 1 de setembro pasado.

O brasileiro nacionalizado arxentino Fernando André Sabag Montiel está preso dende a noite mesma na que disparou contra a vicepresidenta arxentina. Se non lle voou os miolos non foi porque non o quixese facer: cargou a pistola a conciencia con cinco proxectís (dos seis que pode levar), probouna días antes, fixo esa noite os movementos necesarios para colocar a bala na posición, achegouse entre a multitude a poucos centímetros da mandataria, pero un fallo no accionar da arma impediu a morte de Fernández de Kirchner.

Dende o presidio no que permanece, Sabag Montiel dixo dúas cousas: que non lle importa dar a cara diante da Xustiza porque vai ser liberado «por clamor popular» dos que odian –coma el mesmo– a Fernández de Kirchner; e tamén que quere ser defendido polo fiscal no ámbito do dereito penal económico Diego Luciani, o litigante que acusa a vicepresidenta nunha causa por corrupción na que, aínda que sexa inverosímil, ningunha proba a sinala claramente.

«Hai países desenvolvidos, países en vías de desenvolvemento, países como Xapón, que non ten nada pero ten todo, e a Arxentina, que ten todo e non ten nada», explicou o Nobel de Economía  Simon Kuznets

Medios para moitos, xuíces para poucos
Nese proceso, os xuíces e o propio fiscal son compañeiros de deporte do expresidente Mauricio Macri, opoñente político da vicepresidenta, e non se apartaron do caso malia eses lazos. As testemuñas que convocaron ao estrado non a acusaron e desmentiron os supostos roubos. A documentación reunida non leva ao seu nome. As escoitas telefónicas feitas polo xulgado non a teñen como protagonista nin nunha chamada de segundos. E, con todo, o fiscal Luciani dixo –ao longo de nove días– que ela era a líder dunha banda de corruptos porque «non podía non saber» deses feitos incompatibles coa lei, aínda que el mesmo non pode probar que efectivamente soubese.

Emisión en TVE do rostro do autor do atentado, André Sabag Montiel.

O alegato foi transmitido polas canles e os medios de comunicación cos que Fernández de Kirchner ten unha disputa que conta máis de quince anos. Ela di que ese asañamento foi construíndo un odio que explica o atentado. «Ata a data do 1 de setembro, eu pensei que estas actitudes (da xustiza e dos medios) era estigmatizarme, proscribirme, difamarme, calumniarme, pero despois decateime de que pode haber outra cousa detrás de todo isto, porque de súpeto o Poder Xudicial parece dar licencia social para que calquera poida pensar e facer calquera cousa. Isto vai estigmatizando unha persoa, que non por casualidade é, ademais, muller», dixo días despois do ataque, cando foi trasladada da súa casa a un emprazamento secreto e custodiado por forzas de seguridade.

De medios e de política sabe Oscar González, avogado e xornalista e académico na Universidade de Bos Aires e na Nacional Autónoma de México durante o seu exilio. Socialista dende rapaz e referente do xornalismo nos anos da recuperación democrática, na actualidade asesora o Ministerio de Xustiza de Dereitos Humanos da Nación. Antes, foi secretario de Relacións Parlamentarias e antes diso ocupou un escano de deputado nacional entre 2000 e 2003.

«Houbo condicións que permitiron a emerxencia deste episodio de extremo impacto, que nos sorprendeu coma se fose un feito repentino e imprevisible, cando en realidade veu precedido de retóricas violentas, incitacións mediáticas e non poucos feitos hostís e manifestacións preocupantes no espazo público», sinala a Luzes González, non por nada alcumado «El gallego», xa que é fillo de pais nacidos en Galicia.

Pancarta contra o peronismo durante a manifestación do pasado 2 de setembro en Bos Aires (luzencor – Flickr Commons).

O referente socialista sinala entre eses antecedentes a resistencia á política sanitaria oficial durante a pandemia (unha mestura entre «arcaicas visións de rumbo anticientífico, imaxinarios terraplanistas e odio clasista»). Con iso como pasado próximo, «e obviamente o contexto económico herdado da anterior xestión neoliberal do presidente Macri, agravada pola crise global, que acentúa a pobreza e a exclusión de enormes porcións da poboación, todo iso convértese no caldo de cultivo para que a frustración derive cara á desconfianza nas prácticas democráticas e á aparición dunha nova dereita, primitiva e febril, que sorprende con ataques como o que padeceu Cristina Kirchner».

A voltas coa crise económica
Se ben é certo que a pobreza descendeu durante os tres gobernos kirchneristas (o de Néstor Kirchner en 2003 e os dous da súa muller ata 2015), ese panorama non foi estable. De feito, para o momento no que Macri vence o candidato de Fernández de Kirchner en 2015, os indicadores económicos eran moi malos e os prognósticos, peores. Aínda que, vistos na perspectiva do presente –cunha inflación do 100% anual e un 50% de pobreza–, semellan un paraíso perdido.

Candelaria Botto é economista, académica e divulgadora dende unha perspectiva feminista. Traballa como coordinadora da asociación civil Ecofeminista, é profesora universitaria e columnista económica en diversos medios de comunicación e explica a Luzes o vínculo entre a situación económica e a circulación de discursos de odio e a radicalización da política.

«É interesante ter en conta as experiencias que xa vivimos como humanidade, e nese sentido a experiencia máis clara é a situación económica na que estaba Alemaña cando xorde o nazismo, da man dun partido político que gaña as eleccións democraticamente e que ten un claro discurso de odio. Anos antes diso, e desde o punto de vista económico, publícase sobre 1919 un texto moi coñecido de John Maynard Keynes que analiza as consecuencias da paz: os resultados que tiña asinar os tratados de Versalles, que deixaban nunha situación económica insostible a Alemaña, e como –no propio transcurso da historia– nas épocas de grandes crises económicas, xustamente as persoas simpatizan cos discursos de odio porque facilitan identificar un inimigo sobre o que poñer todo este sufrimento, todo este malestar, esas faltas de oportunidades de realización, a imposibilidade de atopar un traballo».

Para a analista económica, agora mesmo, o panorama volve ser moi difícil: «Hai unha crise, que comezou no ano 2008 e que nunca se terminou de resolver en termos económicos, que só foi postergada. Temos que engadir a pandemia, da que saímos cunha maior desigualdade económica e social, cunha maior concentración dos ingresos por parte dos grupos máis concentrados e poderosos. E agora, cunha guerra no chan europeo, que tamén pon en primeira plana a posible crise alimentaria e unha forte crise enerxética que estamos a vivir novamente como humanidade». Por todo iso, é esperable para Candelaria Botto a radicalización dos discursos de odio e da violencia política.

Pero que pasa coa Arxentina en concreto? Como se pode explicar que sexa un país rico cunha poboación empobrecida e rabiosa porque nada mellora? «Coincido en que a Arxentina é un país que é moi rico e que está cheo de oportunidades: é moi rico en termos de recursos naturais, estamos a falar de que no mundo se pon en primeiro plano a crise alimentaria e enerxética, mentres este país ten enerxía e ten alimentos que exceden as posibilidades de consumo da súa propia poboación. Nese sentido, hai certas oportunidades históricas no país para acomodarse nesa globalización. O problema sempre está máis aló das actividades. O punto está en como e para quen, de que maneira a Arxentina pode explotar eses recursos. Lembremos que somos un dos países que máis dólares ten por fóra das súas fronteiras. Entón, claramente hai unha forma de apreciación do capital por fóra do país, o que chamamos unha ‘fuga’ ou unha evasión impositiva, que fai que moitas veces a riqueza que se xera aquí non quede dentro das fronteiras do país. Isto produce moitas complicacións nun país onde, ademais, non sempre se derrama esa riqueza no resto da sociedade, senón que queda concentrada nalgúns grupos que non son os que máis empregos xeran e máis desenvolvemento económico sementan. Deste xeito, hai todo o tempo e ciclicamente tensións entre o sector que máis ingresos en dólares produce (por caso, a actividade agropecuaria e os agroexportadores, que non se dedican principalmente ao mercado interno) e outros sectores como as pequenas e medianas empresas, que si que son as principais xeradoras de traballo neste país. Esas tensións van estoupando e desencadeando recorrentes crises de débeda».

O amor vence o odio
Tanto se puxo branco sobre negro e denunciou os grupos concentrados de poder que enfrontaron as medidas distributivas do seu goberno, como se desligou das responsabilidades dos problemas do seu plan económico e social sobre os medios e a xustiza creando un inimigo, o caso é que –dende a presidencia de Fernández de Kirchner– a sociedade arxentina sabe con plena conciencia que está fragmentada en dúas partes. Dunha banda, a líder peronista e os seus seguidores (un terzo da poboación), un feixe de medios de comunicación minoritarios, moita xente da cultura e da intelectualidade e os sindicatos. Da outra, unha mestura de antiperonistas de distinto pedigree, empresarios, os máis importantes medios de comunicación e un importante e poderoso sector da xustiza. Os uns e os outros podían non entenderse, pero sempre dentro das regras da democracia. Ata que o primeiro tac soou o 1 de setembro.

Adriana Amado é académica e doutora pola Facultade Latinoamericana de Ciencias Sociais (Flacso), maxíster en Comunicación Institucional e licenciada en Letras pola Universidade de Bos Aires. Dende hai anos, é unha das máis importantes analistas en medios da Arxentina e desenvolve unha ollada menos dogmática sobre o rol dos medios na circulación do odio e a xenreira entre a xente.
«Eu non fun quen de atopar, desde o momento no que se abriu o debate na Arxentina, unha evidencia que involucre directamente os medios de comunicación en insultos ou ameazas. De feito, diría que eses medios son ata demasiado prudentes nalgunhas cuestións. Os estudos, en cambio, o que din é que as redes sociais tampouco son agresivas, senón que teñen clusters, nichos de moita intensidade e de moita agresividade que xeralmente están involucrados coa política. Xa que logo, poderiamos supor que a violencia nas redes ingresa da man da política: xeralmente relacionado con xornalistas que se dedican ao tema da política ou con grupos e activistas».

«Os medios de comunicación arxentinos non se detiveron a reflexionar sobre a validez da acusación de alentar o odio, non saíron a respondela, a dicir ‘eu non fago discursos de odio’», sinala a académica Adriana Amado

A experta (tamén filla de galegos) sinala entón que «se hai unha crítica que hai que lle facer aos medios de comunicación arxentinos é a de sinalar que non se detiveron a reflexionar sobre a validez da acusación de alentar o odio. Non saíron a respondela, a dicir ‘eu non fago discursos de odio’, e así foi como, en definitiva, quedou instalada esa discusión e tivo algún eco nos medios extranxeiros. Todo isto é moi delicado porque ten que ver con movementos como o Black Lives Matter ou co problema migratorio que tivo Alemaña no ano 2015. É dicir, o mundo está moi sensible con eses temas e, cando aquí nos autopercibimos como vítimas do discurso de odio, préstase moita atención».

O caso é que, para Amado, aquí non hai discursos de odio, senón outra cousa. «Temos unha cultura política que non sabe canalizar o descenso, que non sabe expresalo de maneira operativa, é dicir, producindo algún cambio no xogo político. Entón dedícanse a insultarse. Pero non deixaría de destacar que neses casos falamos de xente maiormente anónima, e que eses que se consideran vítimas tamén son moitas veces vitimarios doutros aos que atacan con insultos».

Repítese que Bos Aires é a quinta provincia galega, pero tamén é a capital da Arxentina, a cidade máis rica do país e unha das máis importantes do continente. Se para mostra abonda un botón, a propia colectividade galega podería ser obxecto de análise sobre as paixóns, enfrontamentos, odios e violencias que circulan por parte do mundo occidental. E aínda que hai bandos, bandas e murmuracións, acusacións máis ou menos explícitas e outras leiras, violencia non hai e odio tampouco. Por que?

«Sería aburrido que todos pensásemos igual»,–responde a Luzes Diego Martínez Duro, presidente da Federación de Sociedades Galegas, recanto máis progresista da colectividade, dende o seu pazo histórico sobre a rúa Chacabuco–. Temos respecto o un polo outro, compartimos a nosa orixe e, quen máis, quen menos, somos fillos de xente que escapou da represión e da fame. É verdade que algúns moderan un pouco o discurso e outros protestamos máis, pero é indubidable que o respecto é a clave que nos permite hoxe, como colectivo, que pidamos todos pola derogación no rogo do voto exterior».

O presidente da Federación lembra que esa institución foi a primeira que protestou contra este sistema indigno hai once anos. «E se hoxe os partidos que provocaron isto se suman a este reclamo, é un exemplo de que, ante todo, somos un colectivo coas mesmas problemáticas a resolver. Por iso, se se metese o odio entre nós, nin os uns nin os outros poderemos resolver nada».

Dende a rúa Paso, onde impón no barrio de Once a arquitectura galega o Instituto Santiago Apóstol –único colexio oficial galego fóra de Galicia–, o seu director, Carlos Rodríguez Brandeiro, coincide: «É certo que a colectividade ten diferentes sectores con diferentes proxectos, que incluso poden ser opostos. Pero eses sectores tamén teñen un nexo común, que é Galicia, como eixe de todo o que se desenvolve dentro desas institucións. Esa marca Galicia é a que defendemos todos: uns, dende cuestións máis históricas e tradicionais, e outros, como a que temos no colexio, máis dinámica e activa».

Rodríguez Brandeiro lembra tamén que as institucións galegas se deben aos seus estatutos, que introducen claramente a irmandade máis alá das ideas e pensamentos de cadaquén. «Aínda que sexan contrapostas moitas veces, son enriquecedoras tamén porque cada institución acolle diversidade de pensamentos a partir da individualidade de cada persoa que forma parte desa institución», puntualiza.

Contra o odio, cultura e igualdade
Para o avogado, político e xornalista de orixe galega Oscar González, o odio véncese cunha «enorme batalla cultural, en sentido amplo, contra toda forma de exclusión, sexa social, nacional, de xénero, relixiosa, ou de calquera outra índole». «Iso é o que pode atenuar os efectos do actual predominio das visións egoístas e da exaltación dos prexuízos. É unha tarefa para os gobernos, para os medios, para as organizacións políticas, sociais e educativas e para todas as persoas que entendan que a existencia humana está obrigada á convivencia, que non é un vínculo opcional, senón un destino común».

Para o pedagogo galego afincado na Arxentina Carlos Rodríguez Brandeiro, «o activismo centrado en principios comúns e non particulares é o fundamental, e que eses discursos de odio ou de violencia, que puidesen estar presentes noutros ámbitos, as institucións galegas souberon como mantelos fóra porque a pluralidade está contemplada nos seus principios estatutarios e é central».

Para o presidente da Federación de Sociedades Galegas, Diego Martínez Duro, «o odio e os discursos de dereita son simples e de fácil chegada e, diante dunha crise, exténdense aínda máis profundamente. Pero o certo é que non soportan unha análise crítica, polo que se debe convencer a quen o recibe mostrándolles onde levaron a xente na historia estas políticas e esas mensaxes de odio. Sobran exemplos na Arxentina, en España e en calquera outra parte do mundo».

Para a investigadora e académica Adriana Amado, «hai que remitirse a varios anos atrás no tempo para ver un intento de asasinato a un mandatario na Arxentina, e iso considerando que se sucederon conflitos de moita seriedade mentres a sociedade permaneceu en calma. Por iso, é relevante analizar o problema dende unha perspectiva ampla. Aínda hoxe tramitamos as nosas diferenzas de maneira civilizada e cordial, e niso tamén os medios teñen un rol crucial: o de xerar contornas de amabilidade e deixar claro que se poden ter diferenzas agudas sen por iso ter medo de que a democracia, como sistema, estea en risco».

O amor vence o odio. É un slogan que a vicepresidenta repite dende hai anos. De momento, con todo, o amor non abonda.

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail