Un proxecto liderado polo Concello en colaboración con Naturgy e a Axencia Galega de Innovación da Xunta permite distribuír máis de medio millón de metros cúbicos de gas verde derivado dos detritus humanos para producir calor e electricidade para o seu consumo doméstico e industrial
A Coruña.- Ata hai non moitos anos a caca dos coruñeses podíase ver desde o espazo. Non é broma. A rotura a pé de costa do emisario submarino que recollía as augas fecais da cidade para vertelas mar dentro case sen depurar provocou no 2008 unha enorme mancha que tinguiu de marrón as augas do litoral oeste do municipio, nun escatolóxico espectáculo que se puido ver durante meses nas fotos de satélite de Google Earth.
Trece anos despois, a estación depuradora de augas residuais (Edar) de Bens, na Coruña, empezou a distribuír na rede comercial de gas natural o biometano producido no tratamento das augas fecais da Coruña e de Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros, os outros catro municipios asociados a ela.
Trátase da primeira Edar de Galicia e dunha das primeiras de España que consegue depurar o biogás derivado dos detritus humanos para obter biometano e inxectalo despois na rede para xerar electricidade e calor para uso doméstico e industrial. Aquela mancha marrón convertida en esperanza renovable e verde.
«Inxectamos uns sesenta metros cúbicos cada hora, o que significa máis de medio millón de metros cúbicos ao ano», explica Carlos Lamora Suárez, director xeral da Edar de Bens, situada a vinte minutos en bicicleta do centro da cidade. Segundo os cálculos do Concello da Coruña, esa cantidade supón unha capacidade enerxética duns 5,5 millóns de quilovatios hora ao ano, é dicir o equivalente ao consumo medio de enerxía duns novecentos fogares.
Na área metropolina da Coruña viven máis de 400.000 persoas, das cales unhas 350.000 habitan nos municipios aos que dá servizo a Edar. Por ela pasan cada día preto de 135 millóns de litros de augas, a inmensa maioría residuais, ás que se suman pequenas cantidades de escorrentías e achegas de fluviais. Ata ben entrada a primeira década deste século vertíanse ao mar sen máis depuración que os coadores de reixa que freaban a riada de plásticos e residuos pesados.
Ao igual do que sucede coa dixestión humana, segundo explica Lamora, o biogás xérase coa descomposición anaeróbica dos detritus e contén ao redor dun 60% de gas metano -o que se denomina biometano- e un 40% de auga, dióxido de carbono e outros compostos.
Entre os anos 2016 e 2019, a Edar puxo en marcha un proxecto para separar o biometano do resto con vistas a valorar os seus posibles usos. Conseguírono, e mesmo puideron alimentar con el o motor dun autobús da liña de transporte metropolitano que une A Coruña con Sada, a quince quilómetros da cidade, e que día de hoxe segue enchendo na gasinera da depuradora de Bens. Alí tamén se recargan tres furgonetas da Edar e unha da cooperativa social Mulleres Colleiteiras, adicada á recollida, almacenamento, valorización e reutilización do aceite doméstico usado a cargo de mulleres en situación de exclusión social.
«Sobrábanos unha gran cantidade de gas que tiñamos que queimar nun facho, así que nos puxemos en contacto con Naturgy EnergyLab e a Axencia Galega de Innovación para desenvolver un proxecto que nos permitise aproveitalo», sostén o experto.
O proxecto, ademais, foi politicamente transversal. A nova Edar de Bens empezouse a construír baixo un Goberno do PP, a produción de biometano púxose en marcha co de Marea Atlántica e culminouse cun do PSOE. A Edar está xestionada por unha empresa pública propiedade cinco concellos: dous do PSOE (A Coruña e Culleredo), dous independentes (Cambre e Oleiros) e un do PP (Arteixo). Todos apoiaron o plan.
O socio maioritario é o Concello da Coruña, cuxa alcaldesa, a socialista Inés Rey, preside o seu consello de administración. «Desde o sector público seguiremos impulsando as políticas de investigación e desenvolvemento na procura dun maior beneficio ambiental e de alternativas enerxéticas verdes», dixo a rexedora o día en que o biometano de Bens empezou a chegar á rede. Rey sostivo ademais que seguirá impulsando esa vía «para atopar solucións a problemas como a subministración enerxética ou o tratamento dos residuos urbanos».
O proxecto do biometano coruñes, financiado con fondos europeos, empezou a executarse na unidade mixta de gas renovable da Edar en colaboración coa compañía Naturgy e o EnergyLab, un centro tecnolóxico participado polas tres universidades galegas e en cuxo padroado sentan ademais representantes de empresas como Inditex, Philips, Repsol e Abanca, entre outras.
O director da Edar estima que cando a produción estea a pleno rendemento poderase aproveitar unha cantidade de biometano suficiente para evitar a emisión á atmosfera dunhas 6.600 toneladas ao ano de CO2, o equivalente ao que contaminan setecentos voos comerciais entre A Coruña e Madrid.
O biometano producido a nivel local é case como unha lamberetada para as empresas enerxéticas, por varias razóns. Primeiro, porque non está suxeito aos dereitos de emisión de dióxido de carbono -uns 70 euros por tonelada- que xeran os combustibles fósiles como o gas natural, do que España se submistra en Alxeria (un 45%) e en moita menor medida, en Rusia (un 11%), Estados Unidos (10%) e Qatar (6,5%).
Segundo, porque os custos de conectar á rede a produción de biometano son mínimos se se comparan co que custa traer gas natural de pozos en países a miles de quilómetros. E terceiro, porque, segundo lembrou hai uns meses na Coruña o director de Xestión de Enerxía e Redes de Naturgy, Pedro Larrea, no 2050 «todo o gas que circulará polas redes deberá ser de orixe renovable».
«O futuro pasa por que a poboación consuma menos enerxía, pero tamén por que a que se consuma sexa renovable», sostén Lamora, quen explica que a Edar de Bens segue investigando para valorizar as augas residuais que pasan polas súas instalacións: «Agora mesmo estamos a desenvolver outro proxecto para instalar unha turbina no emisario submarino que nos permita producir 1.500 megavarios hora de electricidade e, á vez, obter hidróxeno verde», explica. «No que se refire ao cambio climático, o que nos vai a salvar a vida é a ciencia», conclúe.