Está alguén sorprendido de ver a Trump gañar? Eu, polo menos, non. A pesar dos admirables esforzos da vicepresidenta Kamala Harris, que fixo o que puido cos catro meses que Biden tivo a ben deixarlle para facer campaña, enfrontámonos a catro anos máis de presidencia de Donald Trump, o home que, segundo parece, forma goberno sacando nomes dun sombreiro.
Pero non vos confundades. Malia a aparencia aleatoria das súas decisións, son todas extremadamente intencionais, co obxectivo non de gobernar efectivamente, senón de dar un bo espectáculo. A primeira presidencia de Trump e todas as súas campañas baseáronse nun só principio: manterse en primeira plana sexa coma sexa e manter unha imaxe de actividade. A súa estratexia é a mesma que usaba cando aparecía nos seus programas de telerrealidade. Cada semana tiñamos (e teremos) un tema novo do que falar e resultaba difícil apartar a mirada, sen importar o surrealista que se volvese a cousa.
É así como a telerrealidade mantén o interese da xente, a base de prover entretemento constante, imaxes coloridas e lustrosas, todo forma e escaso contido. A través dun asalto constante de información, a telerrealidade vólvese tan estimulante que é case unha adición da que a xente se torna dependente.
Sabedor disto, Trump leva as súas campañas e levou a súa presidencia conforme a esta lóxica. Escolle os membros do seu gabinete segundo quen el pensa que o faría mellor en televisión, cun patrón case estético, e asegurándose de estar rodeado de xente que lle dá a razón en todo momento, como a diva de televisión que é.
Este método, en teoría, parece demasiado ridículo para funcionar. A xente non busca o mesmo no seu entretemento e no seu goberno, verdade? E, porén, o seu éxito continuado demostra que a xente, en particular a xente americana, está disposta a votar e a elixir de presidente un showman condenado por 34 cargos de fraude e polo menos 26 alegacións por agresións sexuais.
Facendo uso do que aprendeu nos seus anos na telerrealidade, Trump é capaz de construír unha narrativa de vitimismo e persecución, pese a formar parte da elite americana, e presentarse a si mesmo como o salvador do país, un home do pobo, aínda que millonario. O problema coa narrativa é que é iso: unha narrativa e nada máis. A súa estratexia baséáse nunha mensaxe completamente visual, de forma e non contido, polo que deixa un baleiro cando chega o momento de gobernar no mundo real.
Este baleiro político dá lugar a que outros actores con intereses e axendas radicais teñan unha liña directa a Washington, como pode ser nos próximos catro anos o Proxecto 2025, un documento co que Trump afirma non ter relación algunha, pero cuxas propostas son moi similares ás promesas que fixo públicas nesta última campaña. E mentres fomenta e aproba estas medidas extremistas, utilizará a súa estratexia de farándula para venderllas ao pobo americano, con gran éxito segundo parece, facendo do personaxe que interpreta cada vez que sae en público un novo opio das masas.
O show de Trump ten de todo: intentos de asasinato (seguidos da mitificación do feito e apósitos nas orellas), xuízos (que, por suposto, son todo mentira; é o goberno que o está a perseguir), alcumes para os seus inimigos (dos que rapidamente se esquece en canto deciden apoialo), e millonarios en posicións de poder para as que non están preparados (agora adiviñade de quen falo: Trump ou Elon Musk?). Se escollen un presidente sacado da telerrealidade, é inevitable que o país enteiro acabe sendo un reality show.