Activista da palabra armada e creadora do reguetón feminista, entre outras moitas cousas, Lúa Mosquetera é unha poeta miñona afeita a facer dos seus recitais en directo a escusa ideal para que o seu verbo se volva salvaxe e perigoso. Desa necesidade natural de expresarse xorde un cuadrilátero poético sen medias medidas. Xa sexa acompañada por Pablo Seijas, en formato acústico, ou a través da treboada eléctrica de Bala, o seu cara a cara co espectador provoca brutais estalidos de intensidade a quemarropa, sentimentos apaixonados que transcenden a súa proximidade á nosa vida cotiá. Dende o seu poemario, tecidos en cadencia libre, establécese unha conexión directa con cada un dos mecanismos condutuais que nos rodean continuamente, e que Lúa remexe nas súas intensas liñas retorcidas. Ou, como ela di: “Un poema é a fotografía dun sentimento que, cando se pon no papel, dura para sempre”.