Acabo de ler un oportuno artigo de Manuel Rivas, que supoño escrito con ocasión do aniversario do accidente do Prestige, que me trae o maxín aquela desgraciada catástrofe ecolóxica e medio ambiental.
Repito, oportuno artigo que, con independencia dalgunha outra imprecisión, froito seguramente do paso do tempo ou do descoñecemento, no que fai referencia a min, véxome na necesidade de aclarar:
O día 3 do outubro do ano 1999, celebrase en Santiago o Congreso do PPdeG, no que fun elixido Secretario Xeral deste Partido, cargo que seguía ostentando a finais do ano 2002, ocupando o número dous do Partido, despois de Manuel Fraga, e non Secretario de Organización como se afirma.
Na miña condición de Secretario Xeral, o día 29 de novembro, mantiven despacho con Manuel Fraga, no que lle propuxen a conveniencia de que o PPdeG participase na manifestación cidadá que estaba convocada para o domingo 1 de decembro, polas distintas forzas políticas e socias da Comunidade Autónoma. Fraga, que inicialmente se mostra pouco partidario, finalmente autorizou que o Partido participase, pero que el non asistiría.
Tras esta conversa, xurde a chamada a Manuel Rivas, na miña idea, quizais equivocada, de que el era o coordinador daquela manifestación. Tras a chamada a Rivas, fixen outras a Emilio Pérez Touriño, Anxo Quintana, Xesús Díaz (de CCOO) e Suso Mosquera (da UXT). Touriño e Quintana amosáronse contrarios a nosa participación alegando razóns de seguridade, mentres que Mosquera e Díaz amosáronse a favor. Non puiden falar co Secretario Xeral da CIG por non estar localizado. Ante a división de opinións sobre a nosa participación e en evitación de posibles incidentes, desistimos de estar presentes.
O mesmo día, pola mañá ofrecín unha conferencia de prensa na que daba conta da disposición do PPdeG a participar na manifestación e do rexeitamento dos convocantes á nosa presenza. Finalmente a miña dona, a nosa filla e mais eu fixemos acto de presenza á altura da Alameda de Santiago, con ledicia dalgúns dos participantes, o visible enfado de outros, pero co respecto de todos.
Esta é a realidade do acontecido e a posición do PPdeG ante aqueles feitos.